Hai unha frase que ata uns días resultaba terrible para mín. Si, porque cada vez que alguén a pronunciaba, era coma se me cortasen as cordas vogais cunhas tesoiras e sacasen da miña gorxa todo recanto de voz. "Non é o lugar"
Hai unha frase que ata uns días resultaba terrible para mín. Si, porque cada vez que alguén a pronunciaba, era coma se me cortasen as cordas vogais cunhas tesoiras e sacasen da miña gorxa todo recanto de voz. "Non é o lugar". Non somos poucas as persoas que adoecemos do falar crónico. Isto é, que cando algo nos parece intolerable, non dubidamos en dicilo. E semella moi sinxelo, é máis, debería ser un exercicio de normalidade democrática. Non obstante hai unha situación que se repite a miúdo hoxe en día. Esa na que pretendes falar daquilo que che importa, e alguén -na súa comodidade, no silencio, no ben durmir- pídeche que cales. Unhas veces de forma máis educada, outras incluso deshumanizándote, mais a mensaxe é a mesma. Cala porque o que dis non me importa.
Esta é quizais a maior conquista da extrema dereita. Crear un sistema de autocensura no que os máis pobres lle piden a outros pobres que non falen de problemas de pobres. Así semella que xa non quedan espazos para debater, para ter unha charla sobre os prezos da vivenda ou para falar do xenocidio en Gaza. Moitos xa nin sequera se atreven a considerarse abertamente feministas. É dicir, temos estigmatizado o pensamento crítico. Para sorpresa de ninguén, os vídeos de Tiktok non son unha fonte suficiente para manter unha conversa política. Isto tamén é un obxectivo das redes sociais: simplificar a información ao máximo e facela o máis confusa posible para que ninguén teña a seguridade de opinar. E cando chega o momento de opinar -que debería poder ser a calquera hora e en calquera lugar- aqueles con medo a falar impoñen o silencio a quen se atreve a facelo. E empregan esa frase. Sempre esa frase.
Esta é quizais a maior conquista da extrema dereita. Crear un sistema de autocensura no que os máis pobres lle piden a outros pobres que non falen de problemas de pobres
E eu pregunto, hai acaso un sitio onde ir a opinar? Si, se quero dicir que Netanyahu debería ser condenado pola Corte Penal Internacional, onde vou? Interrompo unha obra de teatro? Dou pregóns antes de que empecen as películas nos cines? Non me obriguedes a publicar un fío en X. Conseguiron facernos pensar que opinar en público é algo reservado a días especiais, coma ese día da semana no que os teus pais te deixaban comer chocolate.
Respecto o dereito a opinar de todos, mais non calquera opinión. Só cando se percaten de que esta ditadura do silencio tamén lles afecta a eles, comezarán a deixarnos falar, polo menos, mentres agardan o seu turno de palabra
E é moi duro para calquera que queira facer uso da liberdade de expresión atopar isto. Non vou a negar que pasei noites en vela e mesmo chorei -e aos homes non nos está permitido chorar- pola impotencia de non poder falar. Pola contra, tamén é moi liberador, que cando aqueles que tratan de impoñer a censura chegan a Compostela, haia xente que lles diga que este non é o lugar. E podo entender a crítica á miña hipocrisía. Non o vou a negar, non son coherente. Respecto o dereito a opinar de todos, mais non calquera opinión. E se teño que escoitar a alguén dicir que cale cando defendo os dereitos básicos. Non dubiden en que pedirei o mesmo cando a esta cidade cheguen mensaxes racistas, machistas e homófobos. Porque só cando se percaten de que esta ditadura do silencio tamén lles afecta a eles, comezarán a deixarnos falar, polo menos, mentres agardan o seu turno de palabra.