Non é parte do xogo?

Imaxe da campaña 'He's coming home' © Women's Aid

Os estudos e as estatísticas amosaban que as 23:37 h., por termo medio, era un momento moi perigoso para a vida de moitas mulleres inglesas cando o regreso a casa dos seareiros británicos. Esta violencia aumentara un 38% cando a selección inglesa foi eliminada do mundial que se xogara en Brasil

O 10 de xullo de 2026 Antía Paz publicaba en LUZES un moi interesante artigo, He´s coming home, comentando a campaña The other kick off (o outro saque inicial) da asociación Women`s Aid de Reino Unido para este mundial de fútbol recén rematado. Xa no 2022 esta asociación, coñecedora da relación entre a cultura deportiva e a violencia contra as mulleres, lanzara a campaña He´s coming home (-el- está volvendo a casa) porque os estudos e as estatísticas amosaban que as 23:37 h., por termo medio, era un momento moi perigoso para a vida de moitas mulleres inglesas cando o regreso a casa dos seareiros británicos.

Esta violencia aumentara un 38% cando a selección inglesa foi eliminada do mundial que se xogara en Brasil. E como os datos da policía puñan diante dos ollos da sociedade, segundo estudo da Universidade de Lancaster, gañase, empatase ou perdese o seu equipo o machismo descargaba a súa violencia nas mulleres que agardaban en casa, aínda existindo diferenza ao gañar ou empatar (un 26% de incremento) ou ao perder (un 38%) . Detectaron asemade incremento da violencia sobre outras persoas da casa, violencia doméstica, nun 11%.

Esta relación tamén tiña chamado a atención de organizacións feministas e autoridades de outros países como Bélxica, Colombia, Exipto, Alemaña, Brasil, Arxentina e Sudáfrica. Nuns casos, como Arxentina, as Casas e Espazos de Acollida de mulleres maltratadas recibían unha maior demanda ou noutros como Colombia o incremento de ate un 43% de informes médicos.

A RNR presenta a campaña "La violencia contra las mujeres no es parte del juego" © RNR

O 23 de xullo publicaba El País en titular destacado: Las llamadas al 016 crecieron un 120,8% en las horas posteriores a que España ganara el Mundial

O 23 de xullo publicaba El País en titular destacado: Las llamadas al 016 crecieron un 120,8% en las horas posteriores a que España ganara el Mundial, artigo asinado por Isabel Valdés.

Ate hoxe non se coñecían este tipo de datos no estado Español e agora, de par da vitoria da selección española, sabemos que a franxa horaria de 23:00 h até as 7 da mañá do luns apóspartido, incrementáronse as comunicacións a calquera dos canais de contacto ás institucións por violencia machista, segundo datos oficiais.

No correo electrónico un 100% respecto ao luns anterior, no Chat online un 60 % e no canal de WhatsApp un 8,75%.

Non abonda dicir que o responsable é o machismo, que o alcohol e outras sustancias, que se consumen sen moderación nestas celebracións, desinhiben, que o estresante social, que… Si, todo iso está aí e probablemente cousas como os traballos, a vivenda, as vidas cheas de tensións e dificultades que se van amoreando tamén suman e a relevancia emocional do xogo veñen encontrar unha espita pola que dar saída á ira, as tensións, as frustracións… dando pancadas na muller e calquera outro ser vivo que, na intimidade e ao abrigo das miradas, se poña a tiro.

Agora que estamos na onda é un bo momento para investigar e traballar esa percepción do deporte como unha actividade con nesgo de xénero que, no caso do fútbol de homes, ilustra unha construción masculina asociada á violencia e, en particular, á violencia machista

Agora que estamos na onda é un bo momento para investigar e traballar esa percepción do deporte como unha actividade con nesgo de xénero que, no caso do fútbol de homes, ilustra unha construción masculina asociada á violencia e, en particular, á violencia machista. Para explorar as cuestións específicas de cada deporte en concreto e tamén en cada país.

Momento, tamén, de seguir a senda de Women`s Aid de Reino Unido, de pedir recursos para campañas sostidas no tempo en centros escolares e en clubs deportivos, en medios de comunicación de titularidade pública e de institucións de calquera rango, como a campaña internacional lanzada pola Rede Nacional de Refuxios de México xunto con organizacións de EEUU e de Canadá, para previr e frear o aumento de agresións machistas durante os grandes eventos deportivos. Rumbo ao Mundial 2026: A violencia contra as mulleres non é parte do xogo.

Wendy Figueroa Morales, directora xeral da RNR explicabao:

“Non queremos un mundial que so deixe cifras de turismo e derrama económica; queremos un Mundial que deixe accións concretas para previr as violencias, afortalar redes de protección e garantir o dereito das mulleres a vivir libres e seguras. A vida, a dignidade e a liberdade das mulleres non poden quedar fóra do xogo”

Ao tempo das eufóricas celebracións nos espazos públicos da vitoria da “ Roja”, centos de mulleres agardaban amedrentadas nas súas casas, e, en escasas 24 h do aciago martes 21, tres mulleres foron asasinadas en Antequera e Benahavís (Malaga) e en Alameda de la Sagra (Toledo)

Aquí, ao tempo das eufóricas celebracións nos espazos públicos da vitoria da “ Roja”, centos de mulleres agardaban amedrentadas nas súas casas, e, en escasas 24 h do aciago martes 21, tres mulleres foron asasinadas en Antequera e Benahavís (Malaga) e en Alameda de la Sagra (Toledo).

E alén mar, Peter Brian Hegseht (1980) ministro da guerra de EEUU, teima en ir pulindo ese exército USA, poderosísimo en armamento e en seres humanos para fornecer un exército viril. Homes, homes fetén, cunha testosterona aquelada, que lles dea ardor guerreiro, agresividade, gañas de bombardear, matar e golpear e tamén de morrer.

Non é ben remanecer agardando nas casas desde logo e tampouco é ben que maltratadores, asasinos e soldados belicosos usurpen todo o espazo masculino.

A selección española celebra o campionato do mundo de fútbol masculino, obtido nos Estados Unidos CC-BY-SA Bryan Berlin

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.