Para nada.
Nunca o é.
Nunca é bo momento para escribir. Nunca é bo momento para desafogar. Nunca é bo momento para case nada. Sempre hai que ir con présa a todas partes.
Levo moito tempo querendo escribir pero, xa se sabe, nunca é bo momento.
Nunca é bo momento. De feito, escribía esta liña mentres Alicia espertaba da sesta, interrompindo o posiblemente único anaco para a escritura libre dos últimos meses. Que se lle vai facer.
Levo uns días, unha temporada, demasiado autoconsciente. Este intre, con Sergio Algora soando e 30º na rúa, dando teta post-sesta en bragas, é o máis semellante ao letargo e as vacacións que experimentei nos últimos tempos. Vacacións. Qu’est-ce que c’est?
“Ya nunca me hablarás como cuando estaba loco” di a canción que soa mentres escribo. E teño ganas de escribir que non, nunca é bo momento para ser nai.
Hai uns meses lin un artigo escrito por unha muller da miña xeración que argumentaba moi concienzudamente sobre todas as trabas que a sociedade lle pon á maternidade. A nosa sociedade. Carolina del Olmo escribe libros enteiros e mancheas de artigos sobre o tema. Neste blog atoparedes infinitas razóns para ligar as trompas de falopio e gozar felices da vida sen responsabilidades, adoptar un can se cadra e adicar os cartos que custa a cativada a viaxar e ao hedonismo. Ou mesmo a unha hipoteca. Cartos ben investidos, ollo.
Sempre haberá unha escusa: atopar a persoa ideal, a situación económica ideal, a posición laboral ideal… Nunca é bo momento para ser nai pero, para min, para nós, nunca haberá un momento coma este
Nunca é bo momento para ser nai. Vaia se non. De feito, eu son un gran exemplo de que nunca é bo momento. Dende que naceu Alicia, a miña carreira profesional viviu un parón tan radical, motivado, si, pola maternidade (vaia, pola maternidade non, por motivos laborais vencellados a ela, pero diso xa vos falei), que me vin empobrecida e tiven que resetear toda unha década de experiencia laboral e reiniciar como redactora freelance se quería volver traballar. Como autónoma. Nunca é bo momento para ser nai e autónoma, cun pai tamén autónomo, facendo malabares entre horarios, entregas e crianza. Non, oh!
Sempre haberá unha excusa: atopar a persoa ideal, a situación económica ideal, a posición laboral ideal… coma se fose certo que calquera de nós puidese vivir a vida dos nosos pais, con casa fixa, traballo fixo, parella fixa, nacer, medrar, casar e morrer no mesmo barrio. Nunca é bo momento, non. Á realidade venlle mal que teñamos expectativas de mediados do século pasado. Espabila dunha vez. E non é o liberalismo falando na miña boca, non, é o derrotismo de ter asumido que non vou poder facer crianza en tribo nesta sociedade (máis do que o whatsapp, o facetime e os grupos do telegram me permiten), de saber que non poderei optar a unha vivenda cos seus prezos (ou os meus ingresos) e a terrible incertidume de non ser quen de darlle á miña filla un futuro con raigame na terra que me viu medrar.
Nunca é bo momento para nada. Sempre atoparás unha excusa para non facer algo que non queres facer. Para non fregar o baño, para non facer eses filetes que sabes que se van estragar na neveira, para non deixar ese traballo no que abusan de ti ou para non lanzarte ao vacío a probar. Sempre hai unha escusa.
Pero eh, nunca haberá un momento coma este. Aquí, soa “Desastre” de La Costa Brava, e cunha cativa de dous anos suorosa durmida de volta nos meus brazos tirando dunha teta, teño dúas alternativas: pensar na noite que nos espera como a chavala siga botando esta sesta criminal, que xa son as 20h… ou dicirche que nunca é bo momento para ser nai pero, para min, para nós, nunca haberá un momento coma este.
Seguir lendo en Se o vello Sinbad tivese fillos
Publicidade