Nuñez Feijoo promete baixar os impostos si chega ao goberno: “Se non o fago deixarei de ser presidente”
Unha vez mais, agora por boca do señor Nuñez Feijoó, as dereitas españolas volven a facer da baixada de impostos a súa principal bandeira, algo que sucede dende fai xa moitas décadas. Unha promesa que logo, a hora da verdade, acaba como acaba: cando chegan ao goberno fan o contrario do que prometeron utilizando o argumento xa moi manido de que “as cousas están peor do que pensábamos”.
As dereitas españolas e os impostos: os gobernos de Mariano Rajoy
Quizais sexa oportuno lembrar estas evidencias, por caso, tomando como referencia o sucedido cando as dereitas gobernaron con o señor Mariano Rajoy ao fronte de Presidencia. Un Mariano Rajoy que durante a campaña electoral tamén prometera unha baixada xeral de impostos e que pasou? Pois que durante os seus gobernos (2011-2018) se produciron importantes subidas de impostos que tiveron lugar dende o primeiro momento que tomaron posesión. Así en 2011, recen chegados ao goberno, subiron o IRPF (que remataría sendo o mais castigado). o IVE (do 18% ao 21: a alza mais elevada da democracia) para a continuación iniciar una continua e regular suba xeral (IRPF, IVE, Patrimonio, Tabaco e Alcohol, Hidrocarburos -Imposto ao sol-..) que, no tempo de dous exercicios, ascenderon a mais de cen (exactamente 137 entre 2012 e 2018). Unhas subas “imprescindibles e dolorosas” segundo o señor Mariano Rajoy pero que non deberan ter enganado a ninguén pois a historia nos demostra que as dereitas sempre prometen baixalos impostos cando están na oposición para logo subilos unha vez chegados ao goberno e facelo sempre prexudicando as rendas medias e baixas mentres dan regalos fiscais as rendas altas -lémbrese, por caso, o que agora sabemos sobre as actividades do señor Montoro ao fronte do Ministerio de Facenda-
Durante este período a presión fiscal en España subiu do 31,8% ao 34,9%. Se podería dicir que esta suba da presión fiscal -dos ingresos fiscais- fora debida as melloras na economía tales como unha evolución positiva do emprego dado que o IRPF é a base do sistema fiscal español (é o tributo que produce maiores ingresos: 45%): durante os mandatos de Mariano Rajoy houbo un incremento de empregos do 3,2% o que, so en parte, xustifica unha suba da presión fiscal. Durante este período a fraude fiscal en España mantívose en torno ao 11% cifra que estaba entre as mais elevadas da Unión Europea. Finalmente a débeda pública disparouse pasando do 69,5% do PIB ao 97,7% (case trinta puntos): este dato é moi importante xa que unha das consecuencias das políticas fiscais conservadoras é a suba da débeda pública que non deixa de ser un imposto a tódolos cidadáns. En relación a redistribución fiscal subliñar que durante este período o 63,5% da recadación por IRPF derivou de Bases impoñibles inferiores aos 25.000 euros e o 74,5% de inferiores a 60.000 euros o que da fe dun sistema escasamente redistributivo. Finalmente sinalar que durante este goberno o gasto público social, en termos reais, se reduciu en 5 puntos.
En teoría a proposta de baixada de impostos que defenden as dereitas se apoia na tese de que así se facilita o crecemento económico e a creación de emprego. Que pasou no período considerado?. Si, como xa explicamos a melloría no emprego foi moi modesta (3,2%), a economía mantívose nun longo periodo de baixo crecemento (en termos reais, un crecemento medio anual do 0,45%). Neste marco macroeconómico que pasou coa desigualdade e a pobreza (suponse que un das finalidades das políticas tributarias é o combatelas)?: que medraron (un 4,4%: 500.000 persoas mais en risco de pobreza.
Utilizamos os dato do período (2011-2018), que se corresponde cos gobernos presididos por Mariano Rajoy (PP), xa que pensamos poden servir de referencia sobre as “vantaxes” das políticas fiscais que realmente aplican as dereitas españolas cando gobernan que, como se pode ver, nunca coinciden coas súas promesas previas: nin favorecen un crecemento económico sólido nin unha importante creación de emprego pero si fan que medre a desigualdade e a pobreza. Hai unha suba da presión fiscal pero unha baixada do gasto público social. Mantense un elevado nivel de fraude, medra e inequidade fiscal e se dispara a débeda pública. Evidencias empíricas que desmenten as promesas electorais.
As esquerdas españolas e os impostos: os gobernos de Pedro Sánchez
No que vai de mandato de Pedro Sánchez (2018-2026) a presión fiscal en España aumentou 2,6 puntos pasando do 34,9% do PIB (2018) ao 37,5% (estimado para 2025). Estamos diante dunha presión fiscal elevada?, si atendemos aos datos que nos subministra Eurostat a pesar dese aumento España –que non é ningún “inferno fiscal” como afirma Nuñez Feijoo- segue estando por baixo da media de presión fiscal na eurozona (41,2%: 3,7 inferior) e de países como Francia (45,2%) Italia (42,5) ou Austria (43%) por non citar os países nórdicos. As evidencias empíricas desmenten que en España se paguen moitos impostos. Compre tamén destacar que este incremento dos ingresos fiscais ven por varias vías: aumento das bases impoñibles, cambios normativos, melloras na xestión e un crecemento mais que notable da recadación (+8,4% no 2024, +10,4% no 2025) que inclúe ao IRPF, IVE, Sociedades e outros.
Tendo en conta o peso que segue tendo o IRPF no total da recadación tributaria ao evolución do emprego impacta nos ingresos fiscais. Velaí unha das razóns principais do incrementos nos ingresos tributarios: a finais do 2025 o número de ocupados en España ascendía a 22.463.300 que supuxo un aumento de case 3.000.000 con relación a finais do 2018. Algo que non se pode por menos que cualificar como espectacular. Loxicamente ese evolución do mercado laboral tivo tamén o seu impacto positivo no crecemento económico que, en termos reais, foi dun 1% medio anual (dobre que nas lexislaturas anteriores) tal que situou a España, segundo os organismos europeos, en postos de cabeza na Eurozona. Compre tamén destacar que este crecemento da presión fiscal, e do emprego, non impediu un crecemento da renda per cápita (1,2%). Outras variables a considerar son, por caso, a débeda pública: outro dogma que se derruba xa que a pesar do incremento no gasto público social (como veremos) a débeda pública permanece practicamente estancada: 99,8% do PIB no ano 2018, 100,7% no 2025. Con relación ao gasto público social sinalar que supuxo o maior incremento do gasto público dos últimos anos: +8,16% do PIB no período 2010-2014. Podemos tamén preguntarnos como afectaron, por caso, a distribución da riqueza e a igualdade: en canto as rendas do traballo si no período 2007 e 2018 non deixaron de caer -devalación interna- a partir do 2020 non deixaron de medrar situándose no 2025 no 54,3% do PIB, a porcentaxe mais alta dos derradeiros 25 anos o que supón unha forte redución da desigualdade. En relación ao pobreza, e segundo a EAPN, na actualidade a pobreza reduciuse a mínimos na última década -grazas ao estado de benestar evitouse que 11,1 millóns de persoas entrasen en pobreza- dato que, a pesar diso, non pode tapar unha realidade sangrante: España segue tendo a taxa de pobreza infantil mais alta da Unión Europea.
En relación ao fraude fiscal, segundo fontes do CES (Consello Económico e Social) no momento presente ascende ao 6% do PIB o que significaría que a maior presión fiscal non se corresponde maior fraude fiscal senón todo o contrario.
Evidencias empíricas que desmontan rotundamente os dogmas
A realidade española das últimas décadas desmonta de forma rotunda as trolas que as dereitas verten sobre os impostos pois como se pode comprobar a suba de impostos é compatible co crecemento económico, a creación de emprego e a mellora da loita contra a fraude fiscal. Por outra parte permite un maior gasto público social que recorta a desigualdade e a pobreza sen apenas afectar a débeda pública. Unha suba de impostos que ben xestionados se pode acompañar dunha reducción da fraude fiscal e da iniquidade tributaria.
Falsidades que usan as dereitas sobre os impostos
Non debera de estrañar que a realidade tire por terra os dogmas das dereitas sobre os impostos. En primeiro lugar compre afirmar con rotundidade que non é certo que “os impostos desincentiven o emprego, o crecemento da economía e a produtividade, que impidan a redistribución da riqueza e que medre a pobreza e a exclusión social”. Os datos que utilizamos anteriormente demostran todo o contrario e por si non foran suficientes podemos acudir aos datos que subministra a OCDE para comprobar como os estados europeos con maior presión fiscal, por caso, por un maior IRPF, son tamén os de maior riqueza, maior emprego e menores taxas de desemprego.
Tamén sucede o mesmo coa fraude fiscal. Non é verdade que a maior presión fiscal tamén maior fraude fiscal pois o goberno español actual ven demostrando que esta depende da xestión e a transparencia. Podemos engadir en liña co anterior que o mesmo sucede cos estados europeos con maior presión fiscal que practicamente todos coinciden cos de menor fraude fiscal e ahi está os datos de EUROSTAT. Temos tamén o caso, xa citado, de España que no exercicio do 2024 acadou un récord de recadación e ao tempo que de menor fraude fiscal.
Desmentir tamén a trola de que os impostos so serven para engordar a administración pública pois, como de novo está demostrando o goberno español de quenda (PSOE/Sumar), poden servir para financiar unha serie de servizos públicos de benestar que o mercado non garanta a toda a poboación. Tamén serve para combater a desigualdade e garantila igualdade de oportunidades.
Finalmente, e utilizando de novo o caso español (2018-2026), subliñar que os impostos tamén serven para estabilizala economía dado que un aumento do gasto público alimenta a demanda e favorece o crecemento económico -efecto multiplicador-e a creación de emprego
Toda estas evidencias empíricas demostran contundentemente que a oposición aos impostos e unha postura ideolóxica sen base científica. Unha postura ideolóxica que desbota, por caso, que o Estado garante a tódolos cidadáns, sen distinción de renda, os servizos públicos que resultan necesarios e imprescindibles.