Bertrand Russell, con ese estoico distanciamento e esa precisión que tanto o caracterizaba, sentenciaba que non facía falla sentir extremadamente unha causa para vincularse con ela. Abonda con considerala digna e xusta, sen mais. Co affaire Garzón acontéceme algo semellante, pois, en realidade, non me escandaliza en absoluto que toda a administración de xustiza dun estado poida converterse nun freo “legal” para paralizar a memoria colectiva e a investigación da barbarie, nin tampouco que os estados modernos poidan devir en guettos de poder onde as grandes familias políticas poden fabricar a súa propia impunidade legal. Dende hai un tempo prometinme a min mesmo esforzarme máis en entender que en gastar enerxías con retórica moralizante e perpetuamente afectada. Esta actitude axúdame a reconciliarme coas cousas, mesmo aínda que éstas sexan desgarradoramente crueis, absurdas e inhumanas.
Cos prexuízos e cos odios acontece o mesmo que coas hipocrisías: que poden ser intelectualizadas, mesmo organizadas, para resultar razoables, así que non vou sorprenderme a estas alturas de que a humana conditio nos brinde outro episodio da podredume moral, cinismo e covardía que impera nas nosas democráticas institucións. Concretamente, nesa institución da infamia chamada Audiencia nacional, onde se está a practicar unha interesante mestura de fascismo procedimental vernizado con retórica legalista e liberal-democrática para desfacerse de Garzón. Ata tal punto chega a deturpación da linguaxe político-mediática –que é a que crea as percepcións da realidade- a día de hoxe, e ata tal punto conseguimos situarnos no centro de atención de xuristas internacionais que observan, con perplexa incredulidade, o que está a acontecer en España, e que non logran entender como este país segue fechado nunha caverna que sente pánico, terror, a coñecer, debater e investigar un pasado que, nin moito menos, foi superado.
O xuíz Garzón, todo hai que dicilo, non é un santo laico, ten sombras abondo, e non é este o artigo nin o momento para falar delas. O clima de opinión pública que se está a xerar ao redor da súa figura, entre a hiper-mediatización e o sensacionalismo naif, é algo que tampouco me sorprende. Vivimos na sociedade do show permanente, a irreflexión, a imaxe e a consigna, e todo o que trate de rañar baixo o veo da aparencia é sistematicamente censurado ou ignorado. Por isto, precisamente por isto, recordar literariamente, rañando na intra-historia persoal e facendo autobiografía ficcionada, é, en certo modo, permitido, mais recordar políticamente, ou sexa, colectivamente, segue a ser un tabú, un hábito prohibido, xa non só, como se está a facer agora dende a Audiencia nacional, poñendo freos e xustificacións legais, senón tamén dende as devanditas normas non escritas que trazan esa fronteira mental que indica, explícita ou implicitamente, o que pode… ou non pode ser dito, o que debe… ou non debe silenciarse.
Non me preocupa Garzón, non. Así como tampouco presto atención aos argumentos dos especialistas en dereito, porque o affaire Garzón transcende á mesma persoa, a un pastoso debate técnico-xurídico sobre os devanditos procedimentos legais: ten un profundísimo significado histórico, e isto, precisamente isto, a “causa en sí”, o “significado do acontecemento”, e non a persoa, é o que me motiva a escribir este artigo; o proceso que está a teatralizarse na Audiencia nacional é un síntoma do que xa hai moito tempo acontece nos parlamentos das democracias realmente existentes, a saber : que o poder e a vontade de dominación do novo fascismo, para facerse máis dixerible, e para practicarse dende certo consentimento resignado, precisa teatralizarse “coma se” fose democrático, amable, mesmo cortés. Dentro de pouco mesmo pode que comece a vestir boina.
Así pois, chegamos a un punto no que resulta difícil, senón imposible, atopar unha fronteira nidia entre o teatro –en grego, theatrón, lugar para contemplar- e a realpolitik: o imaxinario cinematográfico que representa a centos de políticos sumidos en plenas discrepancias ideolóxicas ou programáticas nun parlamento, mentres en múltiples espazos privados, fechados á capacidade de visibilidade do ollo público, o capitalismo corporativo segue reproducíndose en rede con suxeitos de carne e oso ben convencidos do seu cometido de aplicar, sen remorso nin piedade humana de ningún tipo, a lóxica da máxima eficacia institucional posible e da máxima rendibilidade económica, non é en absoluto un imaxinario distópico nin apocalíptico, senón realista.
O neoliberalismo, ou novo fascismo, como modelo social ideal e, tristemente, real, que combina unha extrema intolerancia e conservadurismo social nos dereitos civís cunha extrema e fanática tolerancia na razón de estado e no utilitarismo económico, é a fase superior do hiper-financiarizado capitalismo moderno actual, e só pode reproducirse como tal modelo a través da imposición legal e armada, ou sexa, violenta, así como a través dunha máis que sólida inversión en publicidade, propaganda, redes institucionais, think thanks e intelectuais, quer dentro do sistema de partidos realmente existente, quer na propia vida empresarial e mediática, que transmita o seu código semiótico de valores.
O “affaire Garzón” serviranos, pois, para por os pes na terra e non subestimar ás bestas, internas e externas, que conviven con nós. Serviranos, tamén, para reflexionar sobre canto custa que unha causa nobre, digna e xusta, logre vencer a aquelo que Robert Michels chamaba a lei de ferro das oligarquías.