O afogo do audiovisual galego

O audiovisual galego entregou os seus premios Mestre Mateo nun ambiente marcado pola crítica de Mabel Rivera e do presidente da Academia do Audiovisual, Antonio Mourelos e da incerteza sobre cando volverán ter traballo na Galicia os que o perderon e canto lles durara aos que o manteñen. Para os que adoitamos comparecer a estes xuntoiros non foi inadvertida a cantidade de ausentes e as historias que outros contaban a respecto da súa situación. Profesionais emigrados ou que malviven con traballos espallados. Galicia perdeu nos últimos dous anos mais de dous mil empregos nas súas industrias audiovisuais e culturais.

Profesionais emigrados ou que malviven con traballos espallados. Galicia perdeu nos últimos dous anos mais de dous mil empregos nas súas industrias audiovisuais e culturais

Dende a Lei galega do Audiovisual (1999)  desenvolveuse discretamente este novo sector. Formáronse centos de profesionais xeralmente recoñecidos. Os cartos públicos investidos retornaron á sociedade multiplicados. Creouse o cerne dunha nova industria. A  Axencia Galega do Audiovisual da conselleira nacionalista Anxela Bugallo xerou ducias de novos creadores e  proxectos de emprendemento.

As políticas suicidas de austeridade, combinadas co incremento do IVE do 8 ao 21% están a liquidar o sector na Galicia, canda a edición e as artes escénicas e musicais. Mais pasma a capacidade de reinvención da meirande parte do sector, que segue a xerar produtos de calidade e novas linguaxes a pesares deste proceso de destrución.

 

A arrincadeira: Galicia Canibal

Filmanova investiu en Galicia Canibal por riba do 1M€, empregando máis de 60 artistas e profesionais. A subvención outorgouse de xeito regrado e automático, nunha porcentaxe sobre o custo investido e xustificado

Publicouse hai días que a produtora de Antón Reixa recibiu da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) 140.000 euros poucas semanas antes do cesamento do anterior xerente J.C. Fasero e da súa fichaxe como delegado pola SGAE que preside Reixa. Mais o respecto aos feitos acaecidos esixe coñecermos a información completa.  Filmanova investiu en Galicia Canibal por riba do 1M€, empregando máis de 60 artistas e profesionais (23 deles riba da escena e 40 na equipa técnica e de marketing) dende abril a novembro do 2012. A subvención outorgouse de xeito regrado e automático, nunha porcentaxe sobre o custo investido e xustificado. Na contía concedida influíu tamén a falla de concorrencia, ao non existir solicitudes de subvención elixíbeis desta dimensión no 2012, por mor da crise. Por outra banda, Fasero era xa o candidato do SGAE ao cargo de delegado en Galicia no 2010, moito antes da elección de Reixa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.