O baleirado dos concellos

“Para externalizar son todo facilidades, pero son todo dificultades para recuperar os servizos", acredita Martiño Noriega alcalde de Compostela. (Compostela Aberta)

De que o Partido Popular (PP) non é un partido demócrata de seu, senón un partido que so acepta o sistema democrático pola presión social, caben xa poucas dúbidas. As súas decisións e comportamentos en materia de dereitos humanos e sociais, de democracia política e institucional, de transparencia e limpeza no uso dos fondos público así o certifican. Son moitas, tamén, as probas e as evidencias da súa mentalidade autoritaria (como fillos e netos que son do franquismo) é unha delas reflíctese no seu comportamento cos concellos, algo derivado do seu concepto da autonomía local e do papel dos concellos na (súa) democracia.

A realidade europea, especialmente naqueles estados mais avanzados socialmente que, ao tempo, son estados cunha longa tradición democrática, móstranos como os concellos son un piar fundamental tanto do estado democrático como do estado de benestar. Un piar con un importante papel na recadación dos ingresos fiscais, na creación de emprego e na posta en práctica do estado de benestar polo que a súa participación na xestión do público é relevante e decisiva.

Nas antípodas desta visión municipal o goberno español de Mariano Rajoy (PP) buscou, dende o segundo ano do seu mandato (2012), de trasladar aos concellos tanto o seu concepto da autonomía local e do papel dos concellos na democracia como da política fiscal municipal. Unha visión que aparece reflectida tanto na Lei de Racionalidade e Sostenibilidade das Facenda Locais como na Lei de Estabilidade Orzamentaria, ámbalas dúas coñecidas como as leis Montoro, en honor o ínclito Ministro de Facenda español (Cristobal Montoro). Leis que supoñen un gravísimo retroceso democrático pola perda de soberanía municipal que implican, por trasladar aos concellos o dogma da austeridade fiscal é abrir a porta á privatización de importantes servizos públicos que antes eran prestados polos concellos. Leis que, en definitiva, ocasionan un enorme mingoamento do papel que os concellos deben ter na política institucional de calquera estado democrático.

Unha visión do poder municipal, por certo, plenamente compartida pola actual Xunta de Galiza (PP) que preside A. Núñez Feijoo, membro do Comité Executivo Nacional do PP, pero que, nembargante, é rexeitada por un importante número de relevantes concellos españois, entre os que se atopan unha notable representación de concellos galegos.

Uns concellos que denuncian como a pesares de que “a administración local é a única que ten superávit nas súas contas, nembargante aínda así é a mais castigada polo deficitario goberno central, cos plan de axuste, os curses de Montoro e a aplicación da regra do gasto”. Un rexeite que, unha vez mais, non parece compartir totalmente o PSOE quen, lamentablemente, aparece como un partido cada vez mais desnortado.

Esta visión política tan retrogada encol do papel dos concellos nun estado democrático, que defende o goberno español (PP), tería o seu complemento recente na Disposición Adicional  27 incluída nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017 que tenta impedirlle aos concellos, aínda cando tiveran superávit nas súas contas, procurar a volta ao público daqueles servizos que foran privatizados algo que, en moitos casos, suporíalles un importante aforro. A regra do teito de gasto establece que os concellos con superávit non poden usar eses recursos para aumentalo gasto social ou para impulsar políticas de emprego senón que están obrigados a gastar ese diñeiro na amortización da débeda financeira: os intereses dos bancos por diante das necesidades dos veciños.

Por se a alguén lle quedaran dúbidas sobre as reais intencións do goberno español encol do público, esta disposición vén aclaralas definitivamente.

Para mellor entender o impacto real que estas decisións teñen sobre os concellos, e moi en concreto sobre os concellos galegos, é necesario coñecer como estes se financian. Impostos, transferencias, subvencións e débeda pública son os instrumentos financeiros que achegan practicamente a totalidade dos recursos contabilizados nos orzamentos municipais. A distribución dos mesmos en Galiza é a seguinte: nas sete grandes cidades os ingresos tributarios aproxímanse ao 60% dos ingresos totais, mentres as transfererencias e subvencións representan o 30% dos seus recursos. Nos concellos menores de 5.000 habitantes, que representan o 64% dos concellos galegos, as transferencias e subvencións móvense en torno ao 70% dos ingresos totais, mentres os ingresos por tributos propios representan de media o 26%. Isto fai que os orzamentos dos concellos galegos ademais de raquíticos sexan totalmente dependentes xa que non dispoñen por si mesmos dos recursos necesarios para atender os servizos e obrigas que por lei teñen encomendados. Unha situación que se fai límite e practicamente extensible a case totalidade dos concellos galegos se ao tempo se lles impón o dogma da austeridade fiscal e se lles impide, mediante a chamada taxa de reposición, recuperar servizos públicos obrigándoos a privatizalos. Os concellos pasan así a ser unha administración falida.

Esta realidade fiscal a nivel municipal é a que facilita que se dean actuacións autoritarias, centralistas e antidemocráticas, como as que relatamos, por parte do goberno español de torno. Actuacións que impiden un auténtico artellamento federal e democrático do estado español -no que os concellos serían un piar fundamental-, unha extensión do estado de benestar –moitas de cuxas funcións deben ser competencia dos concellos-, un crecemento do emprego –os concellos son imprescindibles para a creación de emprego- e unha maior participación cidadán na xestión do público -a corporación municipal é elixida polos veciños mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto-.

Como ben subliña un colectivo importante de responsables municipais, “os concellos somos as institucións mais cércanas a cidadanía e, xa que logo, as que resolvemos un maior volume dos seus problemas do día a día. As administracións locais o facemos con moito gusto, e queremos continuar facéndoo, pero prestando uns servizos de calidade, e isto so será posible cun financiamento axeitado. Os concellos somos Estado, prestamos uns servizos e os nosos veciños e veciñas merecen un trato óptimo”.

O cruel paradoxo de todo isto é que mentres moitos concellos cumpren o seu teito de gasto e reducen a débeda, o Goberno español (PP), que lles nega un financiamento axeitado, non consegue, a pesar dos duros axustes fiscais, cumprir os seus obxectivos de déficit e segue incrementando o seu nivel de endebedamento que practicamente chega ao 100% do PIB. Unha débeda das administracións públicas da que só o 3% é responsabilidade dos concellos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.