O BCE, un baluarte do neoliberalismo que fomenta en europa a desigualdade social e os desequilibrios territoriais

CC-BY-SA Praza Pública

Hai moi pouca conciencia en Galicia, a tódolos niveis, da importancia que teñen as decisións do BCE sobre toda a economía europea e, xa que logo, as española e galega como economías pertencentes a eurozona. Hai pouca conciencia por que nesta comunidade apenas se debate sobre a Unión Europea, sobre as súas institucións e, o que resulta mais importante, sobre o impacto e influencia que as políticas que aplican tales institucións teñen en Galicia. Un descoñecemento que deriva, por caso, do enorme escurantismo con que moitas delas funcionan como é o caso do Banco Central Europeo (BCE) auténtico baluarte do neoliberalismo e, xa que logo, das políticas de austeridade fiscal e rebaixa salarial cuxos impactos mais sobresalientes son, como xa detallei nun artigo anterior neste mesmo medio (http://praza.gal/opinion/requiem-polo-sono-europeo), que se disparan as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais no interior da UEM. 

Este ano 2019 haberá novas eleccións europeas (están previstas para o 26 de maio). Que mellor oportunidade para que a grande maioría dos cidadáns galegos coñezan mais a fondo o funcionamento das institucións europeas para así votar con maior coñecemento de causa?. Un coñecemento que aparece cada vez mais necesario dado que a análise da evolución da participación nestas eleccións lexislativas europeas mostra que ao tempo que as institucións europeas van gañando soberanía política sobre os estados aquela diminúe o que non deixa de ser un déficit democrático moi preocupante. Debullando as taxas de participación, a nivel español e galego, nas eleccións europeas atopámonos con que en ámbolos dous casos a participación e claramente menor que nas eleccións xerais, autonómicas e locais. Un diferenza que se disparou nos derradeiros anos: superior aos 20 puntos. Unha caída da participación que no caso de Galicia resulta aínda mais acentuada: a participación galega nas eleccións europeas sempre estivo claramente por baixo da media estatal situándose no grupo das comunidades autónomas mais abstencionistas. Unha participación que logo das eleccións de 1.999 (60,8%), ano da entrada en vigor do Tratado de Amsterdam, tivo unha caída espectacular (43,3%). 

Volvamos ao BCE (Banco Central Europeo) un dos soportes centrais da eurozona. Por que se considera ao BCE como un auténtico baluarte do neoliberalismo ou si se quer do ordoliberalismo (neoliberalismo a alamana)?, por que o BCE ten unha grande parte de responsabilidade tanto na grande recesión última como en que se dispararan as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais no interior da UEM?. 

Por mandato constitucional (TITULO VII, Capitulo 2 do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea) e coa creación do euro como moeda única, o BCE (Banco Central Europeo) pasa a ter competencias decisivas en materia de política monetaria (control da oferta monetaria, inflación) e política internacional (tipo de cambio) na eurozona. Competencias que exerce, por imperativo alemán, fora de calquera control político tanto por parte do Parlamento europeo como da Comisión e o Consello europeos (Artigo 108 TCCE). Un aspecto de enorme importancia que o diferenza tanto da Reserva Federal como do Banco de Inglaterra e que se axusta a ideoloxía neoliberal de independencia bancaria.

Tendo como obxectivo central, coase obsesivo, o control da inflación (PRINCIPIOS, Artigo 4.2 TCCE) o BCE mantén, por caso, un valor do euro moi elevado e por riba do dólar (1 euro = 1,14 dólares) a pesar do que o PIB da eurozona está claramente por baixo do PIB dos Estados Unidos. Unha realidade cambiara que si ben favorece os estados europeos exportadores (moi especialmente a Alamana, pero tamén Países Baixos, Chequia) prexudica enormemente aos estados que importan mais que exportan como, por caso, os estados europeos do sur (Portugal, España, Francia, Grecia) quen ven así como se disparan os déficits comerciais, medran os seus problemas de balanzas de pagos, aumentan as necesidades de financiamento e, xa que logo, a débeda externa.

Pero si a débeda externa é relevante, hoxe en día na maioría dos estados europeos é moito mais importante a débeda pública que se disparou nos derradeiros anos, chegando a supor no conxunto da UE o 81% do PIB e o 86% na eurozona (2017). Un crecemento no que o BCE ten a súa responsabilidade e non menor. En primeiro lugar o BCE, seguindo as directrices do goberno alemán e os seus satélites, utiliza toda a súa artillería, que é moita (por caso, mediante o control da oferta monetaria) para forzar aos estados europeos necesitados de financiamento exterior a aplicar durísimas políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial si queren acceder aos mercados financeiros e superar os seus problemas de liquidez. Unha actuación que tivo, como xa sinalamos neste mesmo medio, dous efectos: a. Converteu o que era unha crise financeira nunha grande recesión, b. Disparou as débedas públicas.

A razón deste comportamento coas débedas públicas hai que buscala nos propios fundamentos do BCE (TITULO VII, Artigo 101, TCCE) que lle prohiben a adquisición directa aos estados de bonos da débeda pública respectiva. Un disparate que lle facilita a banca privada e aos fondos soberanos especular cos bonos nacionais, elevar os prezos de compra e, xa que logo, disparar a débeda pública. Unha análise, por caso, da evolución da débeda pública europea confirma o subliñado de que si o BCE actuara como comprador en primeira instancia (como sucede nos Estados Unidos, Gran Bretaña, China, Xapón..) a débeda pública europea sería moito, pero moito menor. Non sería o problema fiscal que está sendo: na actualidade o 75% dos pagos son xuros e o 150% do incremento habido foi debido aos mesmos. Para darnos unha idea da monumental estafa sirva este outro dato: a pesares de tres anos (2015/2018) de “expansión cuantitativa” (1), unha medida do BCE que supuxo unha certa flexibilización dos criterios de compra de débeda soberana que abriu a porta a compra por parte do BCE de débeda pública a determinados estados europeos (por caso, Alamana que non a Grecia), favorecendo así a caída dos tipos de xuro, na derradeira década os estados europeos teñen pagado no seu conxunto 7,2 billóns de euros so en xuros (5,7 billóns na eurozona). 

Por todas estas razóns os/as candidatos/as galegos/as de esquerdas deberan presentarse as eleccións europeas con un programa no que entre a necesaria reforma do BCE. Unha reforma que implique que o BCE debe render contas diante do Parlamento Europeo, ter como obxectivo central a creación de emprego e o benestar dos europeos o tempo que protexer aos estados da eurozona dos ataques dos especuladores financeiros.


Notas

1- Sobre a expansión cuantitativa do BCE hai que deixar unha cousa moi clara: non foi destinada a favorecer a creación de emprego e o crecemento económico. Nin axudar a Grecia, España, Portugal, Italia… na recuperación económica. Foi simplemente un regalo aos bancos para que estes compraran bonos e accións incluso dos Estados Unidos. Compras que fixeron que os prezos dos bonos e as accións medraran en prexuízo das rendas do traballo Deste xeito podemos dicir que a expansión cuantitativa contribuíu a unha meirande desigualdade na distribución da riqueza en Europa: non debemos esquecer que o obxectivo do BCE é, sempre, axudar ao bancos a gañar mais diñeiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.