O Beiras intelectual e o seu legado cultural

Xosé Manuel Beiras, na súa casa de Brión CC-BY-SA Tingaralanga

O Xosé Manuel Beiras político, profesor de Economía, que coñece a maioría da sociedade, é o Beiras que nos conquistou coa súa oratoria, que nos alentou a moita xente moza a afondar na defensa da dignidade e na soberanía do noso pobo. O del era un perfil poliédrico, onde a cultura e a defensa do pensamento crítico, do coñecemento, da base científica, eran esenciais

A última vez que me encontrei co Beiras foi na Libraría Couceiro, en Compostela, na presentación dun libro. Como promotor da editorial Laiovento, o seu compromiso coa cultura e con este proxecto cultural concreto, permaneceu firme ata o final da súa vida. Igual ca Francisco Pillado Mayor, outro dos cofundadores e compañeiro non só do ámbito cultural, senón tamén militante de accións tan valiosas coma a constancia, o coidado e o esforzo con aquilo que colectivamente se emprende para dotar a un pobo de elementos e de ferramentas transformadoras e emancipadoras.

Este non é nin moito menos o único encontro do cultural co activismo político, que tivo lugar entre estes dous homes reflexivos e de acción, con firmes crenzas na idea de soster as iniciativas que permiten xerar pensamento vinculante e liberador. Xa nos anos 70 compartiron e viviron ese espazo transversal, rico, famento de liberdade e cambio, que foron as Asociacións Culturais espalladas por toda Galiza. O Facho, O Galo, as conversas máis alá do teatro e das representacións que tiñan lugar no Papuxa de Ribadavia, promovidas pola Asociación Cultural Abrente… En fin, un lugar de diversidade, perspectivas ideolóxicas diverxentes no político ou no artístico, pero fimemente comprometidas coas liberdades e coa nosa lingua propia. Outros espazos de cruzamentos entre ambos, aos que se une o escritor Miguel Anxo Fernán Vello, son os dous libros de conversas que nos deixan unha mostra da cosmovisión humanista e a crítica dos poderes mundiais e do país a través dunha voz mais tamén dunha xeración inspiradora e consciente das desigualdades á hora de achegarse á creación e a divulgación. Aí temos os títulos A nación incesante (Sotelo Blanco, 1989) e A estrela na palabra (Laiovento, 2004).

O Xosé Manuel Beiras político, profesor de Economía, que coñece a maioría da sociedade, é o Beiras que nos conquistou coa súa oratoria, que nos alentou a moita xente moza a afondar na defensa da dignidade e na soberanía do noso pobo. O del era un perfil poliédrico, onde a cultura e a defensa do pensamento crítico, do coñecemento, da base científica, eran esenciais. Beiras era unha persoa cunha formación artística elevada, con coñecemento de idiomas, interese polo saber e por abrir fiestras ao novo. Un político culto e cunha capacidade para transmitir emocións nun mundo onde iso non era o habitual, feito polo cal recibiu tamén o ataque e o vómito reaccionario da dereita máis cruel e ferinte.

Vítima do antiintelectualismo que tan ben definiu o escritor Isaac Asimov a mediados do século XX e que hoxe reaparece con forza a través da desinformación e da apelación ao instinto lexitimador da xenofobia e da senrazón do neofascismo, Beiras, que se deixaba afectar, como di Marina Garcés, por todo o que o rodeaba, polas inxustizas e as manipulacións, pola infamia do caciquismo salvaxe, foi carne dese insulto. O que tocaba o piano, o que sabía francés, o que se emociona co exercicio político, o raro, o tolo… Convén non esquecer esa forma de violencia exercida no barro da política contra quen fitou de fronte cuestións que hoxe volven ser estratexia de polarización e deslixitimación insensible da reivindicación dos dereitos sociais.

Beiras foi un político moderno en moitos aspectos, pero sobre todo porque soubo facer de Galiza un lugar onde puidese habitar unha forma de facer política sustentada pola defensa do coñecemento, da cultura, do mundo interconectado e das capacidades que como sociedade temos para poñer en valor as nosas capacidades creativas e organizativas

Quen hoxe estaría tamén co estudantado e coa sociedade francesa defendendo os servizos públicos e o dereito a unha educación de calidade, foi quen se esforzou hai tempo por traer para a nosa lingua estilos e textos que puidesen espertar accións de dignidade e xustiza social dende outros estados modelo (que hoxe vemos fracasar a raíz da imposición de receitas ultraliberais). Coautor da tradución da Antígona, de Jean Anouilh, xunto con Franco Grande en 1958, Beiras foi promotor, con este texto publicado en Grial no ano 1967 e con outras traducións de obras de autores franceses para o galego, coma Camus ou Giradoux, de moitas das iniciativas que atoparon o estímulo precisamente nos compromisos adquiridos en tempos de censura e moitas dificultades. Dende o teatro universitario ata a cultura independente que se organizaba para defender unha comunidade creativa aberta ao mundo, unha cultura propia conectada coa vangarda e o pensamento democrático, moitas persoas pasaron pola obra dun político que non gobernou pero que si deixou un impulso real e unha pegada inmorredoira na base sociocultural do que somos alén dos ditados e dos marcos institucionais.

Beiras foi un político moderno en moitos aspectos, pero sobre todo porque soubo facer de Galiza un lugar onde puidese habitar unha forma de facer política sustentada pola defensa do coñecemento, da cultura, do mundo interconectado e das capacidades que como sociedade temos para poñer en valor as nosas capacidades creativas e organizativas. Un político vocacional, esencial, fronte a esa idea mercantil de político profesional, tan afastada da empatía e dos afectos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.