Desde hai case dúas décadas, cada 22 de setembro conmemórase o Día Europeo sen Coches, unha data para concienciar sobre o uso responsable do tráfico motorizado e promover alternativas ecolóxicas como o transporte público, a bicicleta ou os vehículos eléctricos. A polución xerada polo tránsito rodado é precisamente un dos principais focos de contaminación do aire, nomeadamente nas cidades, debido á emisión de gases de efecto invernadoiro que, ao tempo, están contribuíndo a aumentar a temperatura do planeta. Unhas consecuencias nefastas que tanto as administracións a distintos niveis como a cidadanía de xeito individual e colectivo poden contribuír a frear.
Adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos é un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados polos Estados membros da ONU co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no horizonte de 2030. Trátase, en concreto, do ODS número 13, aínda que en practicamente todos está presente a defensa do medio ambiente e, en moitos deles, de xeito directo. Por exemplo, naqueles que chaman a garantir o acceso á auga e a enerxías limpas, a promover un crecemento económico sustentable, ou a conservar os océanos e os ecosistemas terrestres.
A raíz do aumento da temperatura e do nivel do mar, o cambio climático xera fenómenos extremos, como inundacións, furacáns, secas e incendios cada vez máis virulentos. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede da que fai parte o Concello de Oleiros canda outras 99 administracións locais e provinciais, ten dispoñibilizado axuda de emerxencia para facer fronte a estes desastres, o máis recente o xerado polo devastador ciclón Idai en Mozambique. Ademais, desde a súa creación en 1997 o Fondo Galego apoiou diversos proxectos ambientais en países do Sur, desde a conservación de espazos naturais ata a xestión da auga e o saneamento.
Polo que respecta á contaminación atmosférica, que tampouco sabe de fronteiras, alén dos efectos nocivos para o medio cómpre ter en conta que tamén prexudica gravemente a saúde das persoas, producindo desde molestias leves como a irritación dos ollos ou do nariz ata enfermidades respiratorias ou cardiovasculares de diversa consideración que reducen a esperanza de vida. Segundo a Organización Mundial da Saúde, cada ano morren en todo o mundo 1,3 millóns de persoas a causa da polución urbana.
É o momento de que todos os gobernos do planeta pasen das palabras á acción para, coordinadamente, tomar as medidas en materia enerxética, tanto no que atinxe á elección do recursos como á utilización destes nas áreas estratéxicas de transporte e produción industrial. E teñen de facelo sen excepcións, como dimana dos cumios para a defensa medioambiental, e sen subterfuxios, eliminando terminantemente ese recurso dos Estados que se din máis avanzados e conservacionistas que consiste en mercar cotas de contaminación a economías de países en vías de desenvolvemento. Estamos moi preto do punto sen retorno. Perigosamente preto de cernar o futuro das novas xeracións e como tal non podemos permitir que os intereses das multinacionais do petróleo condicionen a axenda das superpotencias.
É o momento no que os gobernos deben dar resposta ao empoderamento da sociedade civil, que di “basta xa!” á queima masiva de combustibles fósiles, ás extraccións de cru en áreas cuxo deterioro acelera o cambio climático. Que di “basta xa!” Ao incendio sumario de grandes masas forestais, verdadeiros pulmóns estratéxicos para a supervivencia da vida no planeta, para privilexiar os intereses de multinacionais na produción de soia. É no seo das institucións internacionais onde esas grandes potencias deben dar resposta á realidade de que o planeta, a súa atmosfera, as reservas de auga doce... son bens que nunca poderán ter a categoría de privativos, son imprescindibles para a supervivencia e son todos!!!
Os cidadáns, desde a nosa dimensión, a través dos nosos xestos cotiáns, temos moito que facer para, desde xa, marcar un punto de inflexión na defensa do noso fogar compartido que é a Terra: non só no noso xeito de desprazarnos, senón tamén dentro da casa e da oficina. Mercar electrodomésticos eficientes, apagar e desenchufar os aparellos electrónicos, empregar luces de baixo consumo, aforrar auga coa ducha e coa lavadora ou colocar o termóstato na temperatura xusta son algunhas delas. As melloras tecnolóxicas introducidas nos últimos tempos poden contribuír a mitigar o cambio climático, acelerado pola acción humana, pero todo vai depender de como as poñamos en práctica.