Velaí o esperpento: Isabel Díaz Ayuso sae ao balcón da Porta do Sol, axita o boneco de Hernán Cortés e dinos que aquilo que pasou hai cinco séculos foi un "encontro", unha sorte de romaría de civilización e mestizaxe. Home, encontro sería se houbese convite, pero cando alguén entra no salón da túa casa cos pés cheos de lama e un ferro incandescente na man, a frase para definilo en calquera aldea de Galicia sería: entrou o ladrón!
Máis que un libro de actas, como algúns pretenden, a historia semella en ocasións a función dunha compaña de “esmorgueiros bébedos”, onde o que hoxe é heroe mañá é un estorbo, pero a lousa na rúa non hai quen a mova nin con panca. Ollade o retablo que se nos queda: un porqueiro de Trujillo, un fidalgo con máis ambición que letras e unha corte de prohomes de provincias poñendo nomes de invasores nas esquinas de Vigo, da Coruña, de Ferrol, de Maside, de Viveiro ou do Barco, coma quen pon un amuleto para que non se note que aquí, de facer falta, tamén sabemos entrar na casa allea sen picar á porta.
Velaí o esperpento: Isabel Díaz Ayuso sae ao balcón da Porta do Sol, axita o boneco de Hernán Cortés e dinos que aquilo que pasou hai cinco séculos foi un "encontro", unha sorte de romaría de civilización e mestizaxe. Home, encontro sería se houbese convite, pero cando alguén entra no salón da túa casa cos pés cheos de lama e un ferro incandescente na man, a frase para definilo en calquera aldea de Galicia sería: entrou o ladrón! E non un ladrón de galiñas, non, senón un con dente de ouro, parche nun ollo e alma de carniceiro. Porque hai que ter moita retranca (e da mala), para chamar evanxelización ao acto de borrarlle o corpus a un pobo enteiro para que sexa máis doado baleirarlle as arcas. A cruz, nese caso, non foi máis que o papel de agasallo para que o roubo non fose tan feo de ver dende Europa; o enxeño necesario para que o asaltado, mentres lle levan o que hai dentro da súa propiedade, sinta que aínda lle están facendo un favor celestial.
Pero non nos poñamos estupendos, que Castela non inventou a pólvora nin o saqueo. Antes foron os romanos coa súa toga de marca e a súa "Pax Romana", que era o nome elegante que lle puñan a escravizar aos nosos devanceiros para sacar o mineral das Médulas. E desois os aztecas, que tamén sabían o seu de cobrar tributos en sangue. O mundo é un carrusel de matóns onde o último que chega, se ten o arcabuz máis limpo ou o virus máis lixeiro, convértese en "descubridor". O que é de traca é que hoxe, no 2026, sigamos coa mesma ladaíña: un Trump que ameaza con converter o mundo nun "resplandor" nuclear, por se algún pobo non lle quere dar as chaves da despensa, mentres nós seguimos camiñando pola rúa Pizarro ou pola rúa Hernán Cortés en Vigo, na Coruña, en Ferrol, en Ourense ou en Narón, como se o éxito do asalto fose un recendo que quita o cheiro ao sangue dos nenos marcados polo ferro.
Ao final, o mapa que temos, dende Ferrol ata a Guarda, pasando por Vigo, a Coruña, Viveiro, Maside e o Barco de Valdeorras, é o testemuño dunha deslembranza colectiva. Seguimos coidando que a "cultura" é o que queda despois de que un tipo cunha espada decida que as túas estrelas non valen nada, e que as súas leis son as únicas que contan
O esperpento máis noso, o máis galego, é esa esquizofrenia de rueiro. Púrganse os nomes de Primo de Rivera ou dos ministros de Franco porque os netos das súas vítimas aínda protestan, pero ao invasor do século XVI gardámoslle o sitio, non vaia ser que se ofenda a Historia. Que memoria é esa que castiga ao ditador de onte pero lle pon unha avenida ao que asolou imperios? Se cadra é que, se o crime é o suficientemente vello, xa non é crime, senón "patrimonio cultural". Ou se cadra é que nos gusta ese arrecendo a Eldorado, aínda que saibamos que o único que atoparon homes como Lope de Aguirre foi a loucura de matar por matar, ata acabar matando á súa propia filla para que non fose "cama de ruíns". Unha ledicia de heroes, vaia.
Ao final, o mapa que temos, dende Ferrol ata a Guarda, pasando por Vigo, a Coruña, Viveiro, Maside e o Barco de Valdeorras, é o testemuño dunha deslembranza colectiva. Seguimos coidando que a "cultura" é o que queda despois de que un tipo cunha espada decida que as túas estrelas non valen nada, e que as súas leis son as únicas que contan. Pero a realidade é teimuda coma unha mula: entrar nunha casa sen ser chamado e impoñer un sistema alleo para quedar coas riquezas non ten mérito nin fascinación ningunha. É o de sempre, o vello truco do forte sobre o feble, só que aquí en Galicia decidimos que, se non podemos ser o imperio, polo menos imos poñerlle o seu nome á rúa onde imos mercar o pan. Se iso non é o cume do esperpento, que veña Valle-Inclán e que o vexa, que polo menos el tiña o detalle de chamarlle ao horror polo seu nome mentres botaba unhas risas amargas.
Por iso, se nos falta o valor para arrincar o bronce do muro, ou se a burocracia da deslembranza pesa máis que a dignidade, non mudemos os nomes; fagamos algo moito máis xusto e cruel: poñamos debaixo de cada heroe de pacotilla unha nota informativa, unha placa que cuspa a verdade sen anestesia. Que ao pasar pola rúa Pizarro ou Hernán Cortés, o veciño que vai ao pan saiba que non camiña sobre a gloria, senón sobre a pegada dun bastardo que confundiu o saqueo coa xestación dun imperio. Non borremos o rastro do carniceiro, pero identifiquemos o coitelo. Deixemos o nome na esquina, pero engadindo a sentenza, para que o metal que antes honraba o crime sirva agora de cadafalso público onde a historia, por fin, deixe de ser un conto de fadas e comece a ser unha conta de resultados de sangue e ouro.