En Gaza morreron xa máis traballadores humanitarios da ONU que en ningún outro conflito nos 78 anos de historia da organización. Os ataques a convois baixo a súa bandeira ou a instalacións e complexos da UNRWA, forman parte das accións do exército israelí dende o inicio da campaña militar contra o enclave palestino
En Gaza morreron xa máis traballadores humanitarios da ONU que en ningún outro conflito nos 78 anos de historia da organización. Os ataques a convois baixo a súa bandeira ou a instalacións e complexos da UNRWA, forman parte das accións do exército israelí dende o inicio da campaña militar contra o enclave palestino. Os centos de miles de desprazados internos que se refuxian en escolas e outros inmobles baixo bandeira da ONU malviven baixo a presión constante das evacuacións inmediatas, moitas veces imposibles de cumprir. Co desprazamento de case o 85 por cento dos 2,3 millóns de habitantes de Gaza, nun territorio totalmente asediado onde as axencias da ONU din que non hai un lugar seguro ao que fuxir, ninguén está a salvo dos incesantes bombardeos.
O nivel de asañamento de Israel coa poboación de Gaza reflíctese no crecente número de vítimas civís e na devastación humanitaria. Nos últimos días, difundiu imaxes de ducias de homes capturados e retidos semiespidos polas forzas de seguridade, supostamente combatentes de Hamás. En realidade, varios palestinos recoñeceron a amigos e familiares, que son civís e nada teñen que ver co grupo armado. Israel, en fin, cruzou todos os límites. E cero esperanzas hai de que a situación humanitaria poida mellorar no inmediato.
Artigo 99
A magnitude da perda de vidas humanas, con ser xa alta, podería escalar ata niveis máis insoportables aínda nas próximas semanas de non actuar con prontitude
Dende o inicio do conflito, o secretario Xeral da ONU, o portugués António Guterres alertou sobre a gravidade de canto acontece na franxa e en reiteradas ocasións reclamou un inmediato alto ao fogo.
A invocación do artigo 99 da Carta das Nacións Unidas foi un último intento de alertar aos países membros do Consello de Seguridade sobre as consecuencias de que o sistema humanitario en Gaza se veña abaixo. Guterres tamén advertiu de que a situación pronto empeorará se non se detén o colapso do sistema sanitario palestino. "Os hospitais convertéronse en campos de batalla", denunciou o secretario xeral da ONU. Resulta imposible subministrar axuda con garantías mínimas. A magnitude da perda de vidas humanas, con ser xa alta, podería escalar ata niveis máis insoportables aínda nas próximas semanas de non actuar con prontitude.
Ese artigo 99 é relevante no contexto da paz e a seguridade internacionais pois confírelle ao secretario xeral a autoridade para chamar a atención fronte a un asunto de preocupación grave
Ese artigo 99 é relevante no contexto da paz e a seguridade internacionais pois confírelle ao secretario xeral a autoridade para chamar a atención fronte a un asunto de preocupación grave. A invocación de Guterres supón a asunción de responsabilidades políticas explícitas ante a abominable deriva do conflito. Poucas veces se ten invocado, a primeira en xullo de 1960 pola situación no Congo. Ao tratarse dun mecanismo de alerta precisamente para facilitar a adopción de medidas preventivas e estar vixilantes ante crisis internacionais, a ONU pode entón analizar riscos e dispor capacidades operativas. Daquela, ao día seguinte, o Consello de Seguridade autorizaba o despregamento dunha operación militar da ONU. Agora, nada mudou sobre o terreo.
Que Tel Aviv reaccionase acusando a Guterres de poñerse do lado de Hamás por demandar un alto ao fogo, ou que o ministro de Exteriores, Eli Cohen, afirme que “deshonra” a súa posición, ilustra a catadura moral do gabinete de Netanyahu
Unha alerta formal e rotunda permite tamén fixar responsabilidades. Neste caso, apelando a Israel directamente pero tamén nel se retratan os países que o apoian ou que miran para outro lado. Washington opuxo o seu dereito de veto. Reino Unido abstívose. A resolución presentada polos Emiratos Árabes Unidos, patrocinada por 97 países membros e apoiada por 13 membros do Consello, fracasou. Os EUA seguen a bloquear os esforzos internacionais para deter os combates mentres envía máis munición e máis letal ao seu aliado.
Nos meses de guerra, o Consello de Seguridade votou en varias ocasións outras resolucións para pedir o fin do conflito, con vetos cruzados de Estados Unidos e Rusia, e só o 15 de novembro conseguiu acordar pedir "pausas humanitarias" en axuda aos civís en Gaza. Porén, a única tregua declarada, de sete días, non foi o resultado desa resolución, senón de negociacións indirectas entre Israel e Hamás coa mediación de Qatar e dos EUA para intercambiar reféns en mans do grupo islamita por presos palestinos en cárceres israelís.
Que Tel Aviv reaccionase acusando a Guterres de poñerse do lado de Hamás por demandar un alto ao fogo, ou que o ministro de Exteriores, Eli Cohen, afirme que “deshonra” a súa posición, ilustra a catadura moral do gabinete de B. Netanyahu. Como ben din en Tel Aviv, o artigo 99 non se usou nas guerras de Ucraína ou de Siria pero precisamente porque en Gaza a desfeita humanitaria adquire proporcións simplemente tan extraordinarias e descomunais como intolerables. Guterres sábeo ben pois como alto comisionado para os refuxiados entre 2005 e 2015 tivo que afrontar as peores crises de refuxiados da historia recente, incluídas Siria, Afganistán e Iraq.
Guterres, un “perigo para a paz mundial” como o cualificaron as autoridades de Israel, socialdemócrata e católico practicante, está achegando co seu proceder unha elemental decencia á política e unha esixible dose de dignidade á institución que representa
É habitual a crítica a Nacións Unidas por non responder adecuadamente ante as crises internacionais. O modelo é o que é e ten as súas bondades e limitacións. O propio Guterres é consciente do desazo que supón esa impotencia ante o que acontece na rexión. Nun discurso no Foro de Doha, denunciou a paralización do Consello por “divisións xeoestratéxicas” que socavan a "autoridade e a credibilidade do organismo”. Non menos significativo é o vergoñento papel de institucións como a UE na que apenas un moi pequeno grupo de países expresou o seu apoio ao secretario xeral e ninguén reclama aínda a mais mínima sanción contra Israel, alentando a impunidade dos seus crimes.
Convertido no 9º secretario xeral da ONU, Guterres, un “perigo para a paz mundial” como o cualificaron as autoridades de Israel, socialdemócrata e católico practicante, está achegando co seu proceder unha elemental decencia á política e unha esixible dose de dignidade á institución que representa. Poida que non mellore de todo a credibilidade da organización pero ogallá a súa fora contaxiosa.