O suicidio en homes, especialmente de mediana idade, constitúe unha das realidades máis preocupantes e ao mesmo tempo, máis invisibilizadas da saúde pública. Detrás de cada cifra hai historias marcadas por perdas, silencios malestares e sufrimentos que rara vez atopan un espazo onde poder ser compartidas
Os datos do último informe do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) indican que no ano 2025, no conxunto de Galicia rexistráronse 303 suicidios consumados. O 74% das vítimas eran homes. Estes datos veñen a evidenciar que o suicidio en homes, especialmente de mediana idade, constitúe unha das realidades máis preocupantes e ao mesmo tempo, máis invisibilizadas da saúde pública. Detrás de cada cifra hai historias marcadas por perdas, silencios malestares e sufrimentos que rara vez atopan un espazo onde poder ser compartidas.
O suicidio, tal e como indica Craig J. Bryan é un “problema perverso” (wicked problem). Para este autor, os problemas perversos diferéncianse dos convencionais en que son moi complexos e difíciles de solucionar, entre outras cuestións, entendo, porque o suicidio responde case sempre a unha combinación complexa de factores. Resulta difícil ignorar, nomeadamente en homes de mediana idade, o peso que teñen o desemprego, a precariedade económica e a crise dos modelos tradicionais de masculinidade no aumento da vulnerabilidade de moitos homes.
Socioloxicamente, durante décadas, a identidade masculina estivo estreitamente vencellada ao traballo remunerado. O emprego non so proporciona ingresos, tamén recoñecemento social, sentido de utilidade e de pertenza. Cando un home perde o seu emprego ou atravesa un período de desemprego, con frecuencia non so experimenta unha diminución de ingresos económicos senón tamén unha fonda crise de identidade polo que para eles supón a perda dun rol social fondamente arraigado. A sensación de deixar de cumprir o papel de provedor pode erosionar a súa autoestima e xerar sentimentos de fracaso, vergoña e inutilidade.
Cando un home perde o seu emprego ou atravesa un período de desemprego, con frecuencia non só experimenta unha diminución de ingresos económicos senón tamén unha fonda crise de identidade polo que para eles supón a perda dun rol social fondamente arraigado
A esta realidade engádese unha transformación social que cuestiona os modelos tradicionais de masculinidade sen que existan referentes alternativos suficientemente consolidados. Moitos homes creceron baixo a idea (consolidada a través do imaxinario social) de que deben ser fortes, autosuficientes e capaces de resolver os problemas sen pedir axuda. En consecuencia, expresar emocións como o medo, a tristeza ou a desesperanza continúa percibíndose, en numerosos contextos, como un signo de debilidade. Este mandado de silencio favorece o illamento e dificulta a procura de apoio precisamente cando máis se necesita. Con isto, non pretendo dicir que se trate de cuestionar a identidade masculina en sí mesma senón de recoñecer que determinados mandatos tradicionais dificultan pedir axuda, expresar vulnerabilidade ou compartir o sufrimento emocional, pois moitos homes que afrontan as crises en soidade fano convencidos de que amosar debilidade supón un fracaso persoal. Esta combinación de normas de xénero ríxidas, desemprego e illamento pode converterse nun potente factor de risco.
Fronte a esta situación, a prevención do suicidio non pode limitarse unicamente á atención clínica (que tamén é esencial, enténdase) e esixe ampliar o foco de actuación, xa que o elevado risco de suicidio entre homes de mediana idade, un grupo no que conflúen factores identitarios, económicos, sociais e culturais, vai moito máis alá da saúde mental entendida en sentido reducionista ou estrito. Non abonda con agardar a que as persoas cheguen aos servizos sanitarios cando o sufrimento xa é intenso. É preciso intervir antes, e alí onde as persoas viven os seus procesos vitais. Neste sentido, os servizos públicos de emprego, por exemplo, representan unha oportunidade inda pouco explorada para desenvolver estratexias preventivas con base comunitaria. Resulta imprescindible fortalecer estratexias comunitarias que permitan reconstruír vínculos sociais, xerar redes de apoio e ofrecer espazos seguros, de reflexión colectiva, onde poder compartir experiencias sen medo ao xuízo, xa que a soidade constitúe un dos factores de risco máis relevantes, mentres que o sentimento de pertenza é un dos principais factores protectores.
Determinados mandatos tradicionais dificultan pedir axuda, expresar vulnerabilidade ou compartir o sufrimento emocional, pois moitos homes que afrontan as crises en soidade fano convencidos de que amosar debilidade supón un fracaso persoal. Esta combinación de normas de xénero ríxidas, desemprego e illamento pode converterse nun potente factor de risco
A evidencia científica respalda intervencións que fortalecen a conexión social e o sentido de pertenza como factores protectores fronte ao suicidio. Poderían valorarse propostas innovadoras nesta liña, movendo os marcos do risco individual á responsabilidade colectiva, incorporando, por exemplo, dentro dos itinerarios de orientación laboral, espazos de reflexión colectiva dirixidos especificamente a homes en situación de desemprego. Estes grupos, facilitados por profesionais formados en saúde mental, intervención comunitaria e perspectiva de xénero, permitirían compartir experiencias, cuestionar estereotipos de masculinidade, fortalecer habilidades de afrontamento e reconstruír proxectos vitais máis alá do emprego. Os servizos públicos de emprego tamén poderían incorporar programas de detección temperá do malestar psicolóxico ou formación en prevención do suicidio para orientadores/as laborais e así incluso poderían artellarse derivacións áxiles cara recursos sanitarios e comunitarios cando fose preciso. Estas actuacións non converterían aos servizos de emprego en dispositivos clínicos senón en axentes activos de prevención, aproveitando o contacto frecuente que manteñen cunha poboación especialmente vulnerable.
Neste contexto, pódese intervir desde moi diversos ámbitos, non so o laboral, a través de diversas figuras profesionais, comunitarias, etc. Desde o Traballo Social pódense facilitar procesos de acompañamento, detectar situacións de vulnerabilidade antes de que se agraven, promover proxectos comunitarios orientados ao apoio mutuo e á participación social, grupos de encontro, etc.
Dispor de espazos de reflexión colectiva e iniciativas comunitarias onde os homes poidan cuestionar estereotipos, compartir experiencias vitais e construír novas formas de entender a masculinidade pode ser unha estratexia a valorar, tendo presente que falar de saúde mental, de desemprego, de medo ou de incerteza non debería ser un acto excepcional, senón unha práctica normalizada que contribúa a romper o estigma.
Previr o suicidio non consiste só en evitar unha morte, significa tamén crear as condicións para que as persoas atopen novas formas de pertencer, participar e recuperar o sentido das súas vidas
A prevención do suicidio esixe unha mirada que vai máis alá do individuo. Require comprender como as condicións sociais, laborais, culturais, etc. inflúen no benestar psicolóxico e como os grupos, as comunidades, poden converterse en axentes activos de protección. Apostar por políticas de emprego, de vivenda, por redes veciñais, por programas de apoio mutuo, e por unha intervención comunitaria sólida non é unicamente unha cuestión de benestar social, é tamén unha estratexia de prevención do suicidio baseada na evidencia e na convicción de que ningunha persoa debería afrontar soa o peso dunha crise vital.
Previr o suicidio non consiste só en evitar unha morte, significa tamén crear as condicións para que as persoas atopen novas formas de pertencer, participar e recuperar o sentido das súas vidas.
O suicidio é un problema multicausal, que afecta á sociedade no seu conxunto, polo que require estratexias de resposta multisectoriais e integrais, as respostas sinxelas non abondan para abordar unha problemática complexa coma esta, moi difícil de predecir e de erradicar totalmente, por iso tamén é necesario ter presente, como dicía Séneca, que “non loitamos para vencer ao mal, senón para que non triunfe”, pois se somos quen de visibilizar estas cuestións, de reducir pouco a pouco o malestar das persoas, xa é un chanzo importante.