O Día da Mapoula. Dos campos de Flandres aos do Kurdistán

Parada de bus en Coventry, Inglaterra © Iriatt

O 11 de novembro é o Día da Lembranza dos soldados mortos en batalla, ou do Armisticio, pois foi nesta data cando se detiveron as hostilidades na Primeira Guerra Mundial

Todos os que viviron en Inglaterra saben que o 11 de novembro é un día que se celebra con fervor e emoción cada ano. É o Día da Lembranza dos soldados mortos en batalla, ou do Armisticio, pois foi nesta data cando se detiveron as hostilidades na Primeira Guerra Mundial entre o exército británico e alemán. As armas calaron ás 11 horas do día 11 do mes 11 do ano 1918.

É un día importante alí, e celebrado en toda a Commonwealth, desde Canadá ata Sudáfrica, pero en especial en Australia e Nova Zelanda, pois a participación do corpo expedicionario destes dous países no conflito, o destacamento ANZAC, contribuíu curiosamente á formación do seu carácter nacional. E iso que a acción de máis renome na que interviron, o desembarco en marzo de 1915 na península de Gallípoli, na Turquía europea, foi un fracaso.

O día é coñecido como o Día da Mapoula, pois era a flor que medraba nos campos de Flandres no medio das bombas

O día é coñecido como o Día da Mapoula, pois era a flor que medraba nos campos de Flandres (Bélxica), no medio das bombas; alí tiveran lugar cruentas batallas nos anos 1914-1915, nos primeiros compases da Gran Guerra. Desas flores fala un famosísimo poema, «Nos campos de Flandres», a elexía a un amigo escrita polo poeta e médico militar canadiano John McCrae. O 11 de novembro todo o mundo leva na súa vestimenta unha mapoula (poppy), que inza paredes, monumentos e carteis das vilas e cidades, acompañada do lema Lest we forget ('para que non esquezamos'), que tamén procede doutro poema, neste caso de Rudyard Kipling.

 

Kurdistán

Contrapoñemos ese día da Mapoula, da Lembranza, da Paz, coa agresión militar que Turquía iniciou o pasado 10 de outubro

Contrapoñemos ese día da Mapoula, da Lembranza, da Paz, coa agresión militar que Turquía iniciou -como se non tivéramos xa suficientes conflitos bélicos no mundo- o pasado 10 de outubro. Ese día os turcos, coa farisaica connivencia de EE.UU., invadiron a Federación Norte de Siria ou Rojava ('occidente', en kurdo), formada polos cantóns de Afrin, Kobani e a Yazira. Falamos dunha rexión autónoma onde viven 2 millóns de kurdos, maioritarios pero compartindo territorio con outras etnias. A escusa de Erdogan, o presidente turco, é combater as milicias kurdas sirias do YPG -ata agora aliadas e carne de canón de Washington na loita contra o ISIS- que el considera que apoian ao ilegal Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK) de Turquía.

Previo ao ataque, varios centos de soldados de EE. UU. abandonaron covardemente as súas bases na zona. E iso que coincidiu no tempo coa axuda esencial da intelixencia kurda na operación de EE.UU. para eliminar ao líder do ISIS, Al-Bagdadi, que se efectuaría o 27 do pasado mes. É difícil ser máis ruin!

O noso agarimo vai á Rojava, comprometida contra o fanatismo relixioso, e que promove a participación con equidade das mulleres na sociedade, tan necesaria no mundo musulmán

Así o exército turco tivo campo libre na invasión, denominada «Manancial de paz» (un exercicio máis de cinismo e fake news), que a comunidade internacional espreita con falsas queixas e melifluas condeas, a pesar das ameazas de limpeza étnica e de que é un chanzo máis na política de Turquía dos últimos 100 anos -con fitos funestos como o xenocidio armenio de 1915- que ten levado a perseguir aos kurdos, prohibir a súa lingua, oprimir a súa cultura e a negar a sua propia identidade étnica.

O noso agarimo vai á Rojava, a esa pequena parte da nación kurda comprometida contra o fanatismo relixioso, e que promove a participación con equidade das mulleres na sociedade, tan necesaria no mundo musulmán. Oxalá que cando cheguemos ao Nowrouz ('novo día'), a festa do aninovo kurdo, que se celebra o 21 de marzo, cando no Kurdistán e na diáspora kurda de medio mundo se acendan as fogueiras e todos bailen arredor do lume, vexamos algo máis de luz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.