A ver, non acabo de velo claro, hai que morrer e agardar 10 anos. Igual non paga a pena. Tampouco é seguro que cho vaian dar. Pero non digades que eu non podía levar o día das Letras Galegas. Personaxe clave do pensamento e da investigación social arredor da lingua, a cultura e a identidade galegas, autor da obra fulcral -ese é o termo- para repensar o galeguismo no século XXI, Para que nos serve Galiza?. Eu tamén son un persoeiro que pode ser devanceiro, que incluso me presento para concelleiro.
Como converterse en autor das Letras galegas
Que declaren o día das Letras no teu nome precisa un procedemento algo complicado, pero claro que se pode. A cousa sempre debe iniciarse cun acordo unánime do concello onde naciches. No meu caso Chantada debería estar volcada co asunto, tamén axudaba que os concellos de Taboada e Monforte, de onde son o meu pai e a miña mai, sacaran un comunicado. E quen di o sur de Lugo di Lugo e toda a terra media do interior. Se cadra o de Monforte non é boa idea, porque foi hai pouco Lois Pereiro e xa cobre o cupo. Viría ben o aval da universidade de Santiago, e claro do Concello de Ames do que vou ser en breve un concelleiro lembrado "pola súa gran achega no eido cultural", seguramente.
A cousa non é tan fácil, hai que envolvela ben, que te aprecien como o símbolo dun tempo, dunha disciplina, dunha corrente. Logo hai que ter algún académico que vala por ti, mellor varios; e eu por ter, teño ata varios amigos e amigas. Despois xa é cousa da xeometría variable interna: ti apóiasme neste un ano e eu apoio o teu no seguinte, e aínda que non lle caias simpático a todos, alí estás, dentro do santoral galego.
Unha vez decidido a cousa xa vén dada. Ha de haber un experto haxiográfico que publica varios libros, fai a tese sobre a túa figura -podo sinalar nomes- e fai o agosto ese ano percorrendo institutos. Hai tamén algunha investigación que sempre desvela cousas novas, algún amigo teu da infancia que mostra como facías certas reflexións xogando ás bolas que lle parecían impropias da idade. Alguén que analiza os poemas do instituto e dá conta do grande poeta perdido. Hai que facer unha unidade didáctica para primaria, de xeito que se falamos da obra de Heidegger o mellor é contar a túa vida cando eras neno, que se vexa que eres-niño-como-yo. Igual non ten moito que ver contar a vida de neno coa obra, pero iso sempre é accesible e xa se lle vía na pinta. Convén facer un audiovisual dando conta de vida e obra, e mesmo algún disco. Ben sei que cun estudo ou un ensaio non é fácil, pero os meus textos son algo poéticos e poden musicarse en plan o discurso de Obama: Yes, we can, e sempre haberá algún rostro coñecido que colabore.
Debe haber tamén alguén crítico coa túa figura para darlle maior credibilidade, que non se queime moito pero que se vexa que es alguén digno de inimigos -tamén se me ocorren voluntarios-. E algún debate para a parroquia, no meu caso suxiro algúns: colaboracionista coa Xunta, criptoreintegracionista, descoidado co coidado do idioma...
Debe haber tamén alguén crítico coa túa figura para darlle maior credibilidade, que non se queime moito pero que se vexa que es alguén digno de inimigos -tamén se me ocorren voluntarios-. E algún debate para a parroquia, no meu caso suxiro algúns: colaboracionista coa Xunta, criptoreintegracionista, descoidado co coidado do idioma...
Se cadra non pode ser, o certo é que a min non me meteron nos libros de texto, e o que ten o ensaio... -que non se diga que non fago canción protesta-. Pero non pasa nada, nos últimos tempos houbo casos que non estaban apenas nos institutos e aproveitaron a oportunidade para reparar unha inxustiza histórica, o meu caso é o máis claro xunto ao de Ricardo Carvalho Calero.
E que queda diso despois? Home polo menos eses días falan de ti, saes na tele e publícanse libros. Vale que non se lean moito, pero publícanse e fálase deles. Aí entre os grandes. En realidade o que máis me gustaría da celebración serían as homenaxes nos meus lugares queridos, as bolsas do Gadis e, sobre todo, que me chamen 'polígrafo' porque é verdade que lle dou a varios temas e algunhas mentiras tamén detecto.
Rematemos co Día das Letras galegas
Eu téñolle moito respecto a Academia, moito. E considero que boa parte dos académicos son xente de criterio e valor para o meu país. Penso que a Academia ten grande relevancia presente, non só histórica. Son pouco amigo da xerontocracia, ou de culto á xuventude, pero si que creo que debe haber institucións que vaian máis alá dos ciclos electorais. Mesmo decimonónicas como a bombilla, a aspirina ou o sufraxio universal, iso si, semella algo escaso reducir a luz á bombilla, a medicina á aspirina ou a democracia ao sufraxio. E hai moitos tipos de bombillas.
O problema non é que se faga isto, o problema que se comprenda como unha liturxia reducida ao ámbito galeguista
A cuestión está noutro punto, porque aquí -como no debate lingüístico- tampouco vexo ideas moito máis innovadoras nas diversas oficialidades que nos sectores críticos. De feito a ollos da maioría da sociedade o ritual vai en pack: polémica sobre o seleccionado, académicos na vila do autor, anuncios, cousas nos colexios, películas galegas na tele, especiais nos xornais e unha manifestación. O problema non é que se faga isto, o problema que se comprenda como unha liturxia reducida ao ámbito galeguista: en modo persoeiro ou en modo bloqueiro, vaian xuntos ou separados. Maiormente allea ás inquietudes da xente.
Tampouco nos confundamos, o Día das Letras ten unha traxectoria ben relevante con presenza en todo o territorio e certa transversalidade nese 'galeguismo basal', vaia que ten un importante "arraigo popular". Nin sequera vexo mal os rituais, tamén cumpren función -para ben e para mal- na reprodución social, as comunidades deben rir e chorar xuntas; pero unha cousa son as vivencias compartidas e outra manter liturxias sen apenas vida. Eu penso que lle hai que dar unha volta importante, pero de ningún xeito a miña proposta pretende ser 'iconoplasta': non tiremos o neno co balde da auga sucia.
Non teño claro o que hai que facer pero vou facer un modesto alegato contra o que debemos evitar ao meu xuízo.
NON
NON LETRAS. O proceso de vitalización cultural galega non pode ser un epifenómeno da licenciatura en lingua e literatura galegas. O normal é que as literaturas teñan un protagonismo na conformación dun 'sistema' cultural e aquí tamén vai acontecer. Pero que a literatura constitúa parte da columna vertebral non debería ser motivo para limitar a potencia de todo o esqueleto e dos tecidos da vida cultural. Temos que ampliar as posibilidades a outros ámbitos da cultura que non son menos cultura galega, nin sequera menos letras, na música, no visual, no audiovisual, no escénico, no patrimonio... E máis alá do acoutado convencionalmente como cultura para celebrar tamén o esplendor da lingua noutros ámbitos. Sobra dicir que Os Resentidos ou o Xabarín teñen unha importancia bastante maior para esa cousa chamada cultura galega que boa parte dos seleccionados.
Sobra dicir que Os Resentidos ou o Xabarín teñen unha importancia bastante maior para esa cousa chamada cultura galega que boa parte dos seleccionados
NON AUTOR. Aínda menos debemos reducilo a unha sucesión de autores, onde restrinximos a riqueza dunha comunidade a unha suma de individualidades, ao xenio persoal. Eu non acredito na metafísica do espírito do pobo, pero desde logo penso que boa parte da cultura son creacións colectivas. Tamén aquí hai que ampliar o ámbito, celebrar grupos, xeracións, lugares, proxectos... Un dos enormes lastres desta celebración é que cando se singulariza sempre cadra que é un home o que sintetiza o que se quere mostrar. Cando se demanda a igualdade neste campo ten que ver con visibilizar as invisibles pero tamén con mudar a concepción da creación e da cultura.
NON MORTAS. Falaba Suso de Toro das Letras zombis, a ver se non rematamos en plan The Walking Dead, con Noriega Varela perseguindo a Yolanda Castaño, ou Lois Pereiro a Alfredo Conde. As críticas ao Canon tipo Bloom denuncian a tendencia a resaltar o escritor-branco-morto; hoxe as súas alternativas, digamos multiculturais, perderon certo vigor, pero está claro que a crítica permanece no seu euro- androcentrismo e o culto ao morto. A min interésame moito a xente doutras épocas, sempre falo de Spinoza, de Hannah Arendt ou de Ana Kiro, a cuestión non é esa. O asunto é como sintonizamos esas celebracións coas pulsións presentes. Entendo que ten certas dificultades seleccionar a xente viva, pero polo que se ve os defuntos non son menos controvertidos. Varios son os problemas de seleccionar autores falecidos, a propensión a certa cultura fosilizada, a tendencia a autores varóns, dun contexto social ben diferente do actual, ademais de mirar máis para atrás que para adiante.
NON DÍA. É evidente que o ano de celebración non é o natural, as letras dese autor (ou desas 3 autoras de 53) morren no mes 5º, polo que se fai necesario adecualo ao ano académico e ter certa previsión que permita un percorrido máis amplo. Penso que tampouco debería ser festivo, para que a "ponte das letras" produza un efecto pensado en termos culturais e sociais e non do calendario laboral.
Democracia letrada
Fagamos das Letras a grande festa da cultura galega, tamén da literatura, e claro que debe haber recoñecementos todos os anos
Temos moito que repensar. Na chamada democracia cultural a cidadanía ten protagonismo na creación da(s) súa(s) cultura(s), non se trata só da democratización entendida como que 'chegue' a toda sociedade de xeito pasivo, trátase de que a propia sociedade sexa protagonista na decisión e construción dunha cultura que sentes como túa. Fagamos das Letras a grande festa da cultura galega, tamén da literatura, e claro que debe haber recoñecementos todos os anos. Pero hai que sacalo ás rúas, que toda a xente que fai algo pola lingua e a cultura se vexa implicada, e moita máis.
Abramos un proceso de revolta de ideas e implicación da cultura para ver que podemos facer, a de arriba e a de abaixo, a de dentro e a de fóra, a estudosa e a iletrada, a tradición e a que a de vir, a que se escoita e a que se come, a pétrea e a dixital. Soberanía cidadá da cultura galega. Fagamos do 17 de maio unha primavera.