O estado do galego e Internet

A presenza do galego en Internet e nas redes sociais é baixo e se non diminúe máis, é porque o activismo lingüístico en galego é teimudo e traballa arreo para mellorar a situación © Iván Rigamonti

A versión completa desta análise pódese ler en busca.gal

 

O éxito de Internet nas nosas vidas non supuxo un pulo decisivo para a nosa lingua. A presenza do galego en Internet e nas redes sociais é baixo e se non diminúe máis, é porque o activismo lingüístico en galego é teimudo e traballa arreo para mellorar a situación

Co paso dos anos Internet volveuse omnipresente nas nosas vidas, tanto no ámbito persoal como profesional. No ámbito persoal, as redes sociais, como Facebook e Instagram, axudan a conectármonos con amigos e familiares, mentres que plataformas como YouTube, Tiktok e Netflix proporcionan horas de entretemento. No ámbito profesional, a influencia de Internet tamén se fai sentir de forma significativa nos negocios.

Empresas de todas as dimensións están a aproveitar as oportunidades que ofrece a rede. Desde o tendeiro local que anuncia os seus produtos nunha páxina web ata a multinacional que utiliza a Internet para expandir o seu alcance global, a presenza en liña é crucial. E dar as costas a esta realidade só prexudica o mercado galego.

O éxito de Internet nas nosas vidas non supuxo un pulo decisivo para a nosa lingua. A presenza do galego en Internet e nas redes sociais é baixo e se non diminúe máis, é porque o activismo lingüístico en galego é teimudo e traballa arreo para mellorar a situación.

Neste punto atopámonos con dous grandes factores que inflúen decisivamente á hora de analizar o desenvolvemento do noso idioma no mundo dixital:

O uso do galego na rede e os contidos que existen.

Os xigantes de Internet que utilizamos día a día.

 

Na maioría de temas a presenza do idioma é anecdótica, residual ou inexistente, nomeadamente se analizamos os contidos vinculados ao eido profesional ou empresarial (blogs, boletíns/newsletters, páxinas web ou eCommerce)

O uso do galego na rede e os contidos que existen

Radiografar a realidade do idioma en Internet é moi complexo. Non temos á man datos definitivos que nos permitan decantarnos por unha situación ou outra. Pódense facer estimacións máis ou menos realistas, mais non é posible asegurar que eses cálculos sexan correctos.

Para iso depéndese por enteiro de buscadores como Google ou Bing, os cales non revelan cantos sitios web almacenan as súas bases de datos nin o seu idioma.

Algo similar pasa coas redes sociais, plataformas propietarias pechadas en que é imposible obter ningún dato de uso agás as escasas estatísticas propias de cada perfil ou os reportes de uso xenérico que elas mesmas achegan.

O que si é posible afirmar é que Internet non é alleo á perda de falantes no mundo real.

Convídoche a pensar cantos proxectos en galego en Internet coñeces. Se cadra es quen de nomear 100. De memoria son moitos, mais no océano que é Internet, non representan nin unha pinga de auga.

Cando navegamos en Internet, facémolo case na súa totalidade a través de produtos ou servizos creados e xestionados por corporacións multinacionais privadas. Estes xigantes tecnolóxicos teñen a súa propia axenda e intereses económicos e sociais, e en moitos casos non casan coas necesidades da comunidade en galego

Sendo conscientes de que nalgúns eidos si existen contidos escritos e audiovisuais completos e multicorais (por exemplo, divulgación cultural e histórica, lingüística ou de lecer/variedades), na maioría de temas a presenza do idioma é anecdótica, residual ou inexistente, nomeadamente se analizamos os contidos vinculados ao eido profesional ou empresarial (blogs, boletíns/newsletters, páxinas web ou eCommerce).

 

Os xigantes de Internet que utilizamos día a día

Neste punto é preciso partir dunha premisa. Cando navegamos en Internet, cando consumimos contidos, cando os creamos ou cando os buscamos, facémolo case na súa totalidade a través de produtos ou servizos creados e xestionados por corporacións multinacionais privadas.

Naturalmente estes xigantes tecnolóxicos teñen a súa propia axenda e intereses económicos e sociais, e en moitos casos non casan coas necesidades da comunidade en galego.

Google

Se unha páxina web en galego é invisible para o posicionamento web en Google, cal é o incentivo que pode ter calquera persoa cun proxecto ou negocio en crear un sitio en galego? Só o activismo lingüístico? Iso lévanos a un punto de residualidade máxima

Para buscar contidos, a cota de mercado de Google supera o 95% no noso entorno xeográfico. Quen teña un proxecto que non saia en Google, terao moi difícil para a difusión, comercialización e escalabilidade. Tradución disto? O seu monopolio, as súas normas.

Isto deriva nunha das maiores trabas para a medra do galego en Internet: a busca de Google. Google non ten en conta as buscas en galego e, por defecto, mostra resultados en castelán.

Isto é unha traba maiúscula. Google rexistra miles de millóns de buscas diarias no mundo, de todos os temas e de todas as disciplinas. O seu uso é esmagador por todas as xeracións independentemente da idade (nota: a xeración Z tamén usa Tiktok como buscador) para procurar infinidade de cousas: novas, titoriais, dúbidas, receitas, lecer…

Pensa entón un intre no que isto significa. Se unha páxina web en galego, se un blog en galego, se un eCommerce en galego é invisible para o posicionamento web en Google, cal é o incentivo que pode ter calquera persoa cun proxecto ou negocio en crear un sitio en galego? Só o activismo lingüístico? O compromiso?

Iso lévanos a un punto de residualidade máxima.

É certo que Google se pode configurar para que mostre o interface en galego. Iso mellora algo a busca, pero non arranxa o problema. Segue mostrando os resultados en castelán porque non ten implementado a nivel técnico o chamado filtro de idioma para os resultados.

É dicir, non existe a posibilidade de ver resultados en galego ante unha busca en galego, cousa que si é posible no catalán ou no castelán.

 

Youtube

Logo de ver un vídeo en galego, por norma xeral, as suxestións serán de vídeos en castelán e non doutros vídeos en galego. Este funcionamento de burbulla, que nos permite coñecer novos creadores e novos contidos, non aplica para o galego o cal significa na práctica unha invisibilización dos creadores que non se coñecen previamente

Continuamos con YouTube, o buscador por excelencia para contido en vídeo. Non só arrastra o mesmo problema da busca que Google, onde ante procuras en galego os resultados que mostra son en castelán. Se non que ademais diso, non ten implementada a “burbulla” de contidos para o galego.

A burbulla de contidos é un funcionamento propio das redes sociais onde os contidos que se mostran a continuación teñen relación cos que viches anteriormente. Pensa por exemplo na suxestión de vídeos que se mostran na barra lateral de YouTube ou cando rematas de ver algo.

Pois co galego non existe esa burbulla. Non hai recomendacións de contidos no noso idioma. Logo de ver un vídeo en galego, por norma xeral, as suxestións serán de vídeos en castelán e non doutros vídeos en galego. Este funcionamento de burbulla, que nos permite coñecer novos creadores e novos contidos, non aplica para o galego o cal significa na práctica unha invisibilización dos creadores que non se coñecen previamente.

Os casos de Google e YouTube son especialmente graves, e non só polo número de usuarios que os utilizan, se non porque tanto no código de programación das páxinas web como nos vídeos que se soben, está perfectamente indicado o idioma. É unha cuestión de vontade!

Para finalizar co nefasto ecosistema de Alphabet (empresa matriz de Google e Youtube, entre outros) só proba a facer a comparativa de que acontece se accedes a google.cat e youtube.cat a cando entras en google.gal ou youtube.gal

 

Publicidade online

As principais plataformas de anuncios online como son Google Ads, Meta Ads (Facebook e Instagram) e Tiktok Ads non ofrecen a posibilidade de que o idioma do anuncio sexa o galego e, no mellor dos casos non funcionan ben eses anuncios, e no peor elimínanse

Se nos referimos á publicidade online, a cousa non mellora. Isto aplica principalmente a proxectos de divulgación, autónomos ou empresas que teñan como obxectivo acadar máis impacto ou conseguir novos clientes. Mais, con todo, afecta ao conxunto do uso do galego en Internet.

As principais plataformas de anuncios online como son Google Ads, Meta Ads (Facebook e Instagram) e Tiktok Ads non ofrecen a posibilidade de que o idioma do anuncio sexa o galego e, no mellor dos casos non funcionan ben eses anuncios, e no peor elimínanse.

Nestes intres a publicidade en Internet é tan ou máis importante que a que se realiza de xeito tradicional. Imaxina que non existise a posibilidade de colocar un panel en galego, un anuncio nun xornal ou unha cuña de radio. Iso mesmo é o que se impide en Internet. Tanto por acción (eliminación de anuncios), como por omisión (mal funcionamento).

Por exemplificar a problemática na plataforma posiblemente máis grande de todas, Google Ads, o galego está ausente da súa lista de idiomas permitidos.

E se nos referimos a gañar diñeiro coa publicidade, a cousa non mellora. A inserción de espazos publicitarios mediante Google AdSense tampouco é que funcione de todo ben se a páxina web está en galego.

Cada vez máis usuarios ven no galego unha ferramenta comunicativa libre de prexuízos sociais. Ademais, o dominio .GAL ofrece grandes vantaxes, xa que permite rexistrar nomes que noutros dominios como o .COM ou o .ES serían imposibles de atopar, o que pode ser unha gran oportunidade para negocios e empresas

Redes sociais

En canto ás redes sociais o panorama é diverso. Por defecto, ningunha delas impide a subida de contidos en galego nin, a priori, o algoritmo penaliza o seu uso. Se cadra, o problema será máis ben que ese algoritmo entenda a quen deben mostrar os vídeos.

Isto está a debate, pois non hai datos que o avalen.

No que si presentan problemas algunhas delas é no idioma do interface, o cal non está traducido, a tradución está incompleta ou presenta moitos erros.

Outro dos problemas é o etiquetado de idioma. En plataformas como Twitch non permiten indicar que a transmisión de contidos está feita en galego, polo que o filtrado por idioma é imposible no noso caso. Noutras redes, as usuarias e usuarios crearon cancelos propios para agrupar o contido no noso idioma e así facilitar as buscas.

 

A acción colectiva, a colaboración entre creadores e comunidades, xunto co apoio institucional, son claves para fortalecer a presenza do galego en Internet e lograr avances significativos

E entón que?

Non nos enganemos, o uso do galego en Internet reflicte a súa situación social.

A falta de contidos en galego, xa sexan series, vídeos, blogs ou sitios web comerciais segue sendo un problema importante e continúa existindo a crenza de que limita o alcance e o mercado, cando realmente facilita a segmentación de audiencia e permite destacar en nichos con menos competidores.

Por outra banda, a acción individual, como configurar dispositivos en galego, resulta insuficiente se non conta cun apoio máis amplo.

Aínda así, existen oportunidades que me gustaría poñer en valor.

Cada vez máis usuarios ven no galego unha ferramenta comunicativa libre de prexuízos sociais. Ademais, o dominio .GAL ofrece grandes vantaxes, xa que permite rexistrar nomes que noutros dominios como o .COM ou o .ES serían imposibles de atopar, o que pode ser unha gran oportunidade para negocios e empresas.

Por último, a acción colectiva, a colaboración entre creadores e comunidades, xunto co apoio institucional, son claves para fortalecer a presenza do galego en Internet e lograr avances significativos.


 

Ver estudo completo en busca.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.