O estancamento cría fungos

© pepe do rial

Había anos. As fotos, que sempre celebran o tempo cronolóxico, pensan ao sepia sobre a nao daquel Arnoia ferido de morte. O resultado trouxo á vila un cromatismo novo. Pasaron trinta e un de goberno BNG. Falamos de Allariz.

Xa tardaba a voz da multitude e hoxe quince de xuño outro río, formado desta vez polos vehículos dos feirantes que montan os seus postos na Barreira os 1 e 15 de cada mes, percorreu as mesmas rúas de outrora en protesta contra quen goberna con maioría absoluta o Concello. Por se alguén aínda permanecía distraído na estética.

Explicámonos. Un dos acordos económicos locais para o post-covid19, aprobado por unanimidade de todos os grupos municipais (BNG, PP e PSdG), pretende suspender as feiras do 1 e o 15 na Barreira e fixalas todos os sábados nas prazas e rúas con capacidade para acoller os postos. 

A priori a decisión semella atinada e foi recibida con éxito entre comerciantes e veciñanza. No entanto, a corporación municipal procedeu a inutilizar algunhas prazas de aparcamento mediante ferros cravados no chan e xardineiras. Estas prazas acrecentarán o espazo de privilexio que merecen os peóns. Os mesmos que aparcan os seus coches para vir á feira. 

A xente das aldeas, precisamente quen sostén a maior parte do éxito do mercado e do comercio local, aproveitaba o bus do colexio e do instituto para achegarse á vila os días de feira. Sábados non hai bus. Haberá que organizar logo o servizo ad hoc, co consecuente gasto público. Ou non. 

Os feirantes, por outra parte, veranse obrigados a renunciar a outros mercados para vir a Allariz, ou viceversa. O acordo foi tomado polo BNG da estrela das cinco puntas na bandeira, co apoio de PP e PSdG, sen oír nin reunirse unha soa vez cos feirantes. E estes, oh, non están de acordo. Hoxe, que debería haber feira, houbo manifestación. 

Pouco tería custado falar con traballadores e traballadoras para procurar o consenso que lograse canxar intereses e desexos. Impoñer unha solución unilateral parece condenar ao fracaso as máis multitudinarias feiras do ano, en xullo e agosto. O BNG hai tempo que abandonou formas e toldou horizontes; unhas por inútiles, outros por utópicos. A oposición, a real, a que hai e podería haber pola esquerda, faría moi ben en sumarse á protesta. 

Desta apelación pública tamén non debería desentenderse o espazo que agora se chama Galicia en Común. A reacción de quen a boca chea aínda di defender os dereitos de traballadores e traballadoras se cadra había ser tan rápida coma cando lle dás ao botón do Enter no teclado.

Feirantes Allariz © pepe do rial

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.