O exiliado galego José Almoina Mateos novelado por Selena Millares

Claudio Rodríguez Fer e Selena Millares presentando a novela sobre Almoina na Fundación Granell © Cedida

Al calor de tu nombre é unha novela da polifacética creadora canaria Selena Millares, publicada en 2026, que trata sobre a vida do político socialista, cidadán masón e intelectual erasmista galego José Almoina Mateos (Lugo, 1903 - Ciudad de México 1960)

Al calor de tu nombre é unha novela da polifacética creadora canaria Selena Millares, publicada en 2026, que trata sobre a vida do político socialista, cidadán masón e intelectual erasmista galego José Almoina Mateos (Lugo, 1903 - Ciudad de México 1960). Este opositor republicano á ditadura de Primo de Rivera foi un activista sindical varias veces sancionado, incluso durante a II República, que, tras fuxir durante a Guerra Civil da represión fascista e instalarse en Francia, se exiliou sucesivamente na República Dominicana e en México, países nos que deixou unha significativa pegada profesoral e intelectual, mentres se consolidaba o seu esquecemento na España de Franco e no postremeiro tardo-franquismo.

Selena Millares percorre toda esta traxectoria en Al calor de tu nombre cunha estrutura circular, pois a novela comeza e remata co asasinato do protagonista, á maneira de Gabriel García Márquez na súa Crónica de una muerte anunciada (1981). Mais isto non rebaixa a intriga do relato, no que, aínda que ao final se cumpra o designio fatal anunciado ao principio, se revela outra clase de verdade moito máis transcendente que a puramente argumental, acaso porque “la vida es más fabulosa que las novelas”, como nesta se di expresamente. De feito, non deixan de ser novelescas a relación de Selena Millares e ata a miña propia relación co protagonista desta novela, que explica o meu interese vital por aquel y por esta máis alá do literario, como penso que debo evidenciar tamén neste escrito.

En efecto, eu medrei no Lugo dos anos sesenta escoitando ao meu pai, antifascista oriúndo da provincia de Zamora, contar historias de sucesos e persoas anteriores á Guerra Civil nas que resaltaba o nome de José Almoina Mateos, ou máis ben o de “José Almoína Mateo” (sic), que o meu proxenitor recordaba como vibrante orador socialista en Benavente durante a II República. Pero non vin nunca tal nome escrito ata que lin nos anos setenta, finalizada xa a ditadura franquista, unha crónica xornalística retrospectiva do escritor Ánxel Fole, quen, por certo, foi como un avó literario para min, titulada “El lucense José Almoina Mateos es asesinado en la capital de Méjico por un comando trujillista” (1977). Así souben que Almoina non era unha fantasmagórica figura republicana só subsistente na clandestina memoria zamorana do meu pai, senón un intelectual lucense, fillo dun reputado médico, a quen tamén tratara persoalmente o seu coetáneo Ánxel Fole, pois ambos naceran en 1903.

José Almoina Mateos © Cedida

Este opositor republicano á ditadura de Primo de Rivera foi un activista sindical varias veces sancionado, incluso durante a II República, que, tras fuxir durante a Guerra Civil da represión fascista e instalarse en Francia, se exiliou sucesivamente na República Dominicana e en México, países nos que deixou unha significativa pegada profesoral e intelectual

A partir de aí intereseime tanto pola vida como pola obra de Almoina, a quen nos anos noventa dediquei como simbólico recoñecemento o libro O mundo lucense de Ánxel Fole, para o cal encarguei un perfil seu á investigadora Isabel Gómez Rivas, ex-alumna miña no Instituto Ánxel Fole de Lugo. Xa no século XXI, dous libros documentaron historiograficamente a traxectoria do enigmático personaxe: Almoina, un exiliado gallego contra la dictadura trujillista, do cubano Salvador Morales Pérez, e José Almoina. Pilar Fidalgo. Exilio, Dominicana-México, do galego con nacionalidade venezolana Xurxo Martínez Crespo (ambos de 2009), obras que eu mesmo presentei na Galería Sargadelos de Lugo por iniciativa do venerable prócer lucensista e memorialista Xesús Pérez Regueiro. Tras isto, a citada Isabel Gómez Rivas acometeu a súa completa monografía Almoina (2013), libro ganador do Premio Literario Ánxel Fole que tamén tiven o pracer de presentar con ela en Lugo.

Anos despois, o cineasta uruguaio de ascendencia galega Breogán Riveiro dirixiu o documental Almoina: O heroe infame (2018), para o que me pediu que relatase os recordos do meu pai sobre o desventurado personaxe, declaracións que filmou no Vello Cárcere de Lugo, onde o meu proxenitor estivo internado como preso político. Nesta película comparece a propia familia de Almoina, coa cal eu xa trabara amizade, especialmente coa filla menor de Almoina, Leticia. Por certo, na novela de Selena Millares, Leticia Almoina aparece descrita por un personaxe, precisamente mediante oportuna analoxía cinematográfica propia da época, co aspecto de “una actriz de cine”: “A mí se me parece a Lauren Bacall, tiene la misma cara de gata”. Finalizada a rodaxe, eu mesmo presentei Almoina: O heroe infame nun concorrido cinefórum do Club Cultural Valle-Inclán de Lugo. 

Nesta mediometraxe viume falando a miña amiga Selena Millares cando se documentaba para a súa novela sobre Almoina, polo que unha vez editada esta me propuxo presentala, o que fixen con moito gusto en tres espazos emblemáticos de Galicia: O Vello Cárcere de Lugo, cidade natal de Almoina e prisión pola que pasaron tanto Fole como o meu pai, quen como xa dixen coñeceron a aquel persoalmente; a Fundación Eugenio Granell en Santiago de Compostela, pois o exiliado Granell tratou o exiliado Almoina na República Dominicana e ademais aparece como personaxe na novela en cuestión, ao igual que José Vela Zanetti, e na Casa Museo Casares Quiroga en A Coruña, xa que o exiliado Casares conviviu en Londres co seu amigo e protector socialista Juan Negrín, último Presidente de Goberno da II República, do cal foi precisamente fiel seguidor e beneficiario o tamén exiliado Almoina.

A novela Al calor de tu nombre ten moito do polifacetismo da súa autora, Selena Millares

Agora ben, a novela Al calor de tu nombre ten moito do polifacetismo da súa autora, Selena Millares. En efecto, esta catedrática de Literatura Hispanoamericana na Universidad Autónoma de Madrid descubriu a Almoina investigando precisamente sobre a súa especialidade académica na República Dominicana, pois, como é sabido, o maioritario exilio republicano español a América Latina deixou indelebles pegadas na cultura e na sociedade de tal construto xeopolítico. De feito, eu mesmo tiven o pracer de coñecer persoalmente a Selena Millares por formar parte ambos os dous do tribunal dunha tese doutoral comparatista sobre Westphalen e Valente na Universidade de A Coruña no ano 2009, encontro que por certo propiciou a miña conversión en personaxe da súa novela El faro y la noche (2015).

Pero a este vínculo profesional da autora coa súa obra hai que agregar as conexións directamente creativas, xa que Selena Millares é unha artista plástica de recoñecida estirpe, pois non en van descende das tan nutridas familias canarias de intelectuais e artistas Millares Carló e Millares Sall, polo que non é de estrañar que a arte compareza na súa novela incluso a través dos ensaios que a aquela lle dedicou Almoina; é unha prolífica poeta, polo que a poesía está moi presente directa e indirectamente neste libro, comezando polo verso que lle dá título, e é unha experimentada novelista, polo que estamos ante unha ficción de base real que responde a todas as esixencias tradicionais do xénero, pois non se trata dun crebacabezas experimental nin dunha biografía histórica, senón dunha auténtica novela sobre unha vida absolutamente novelesca, pero chea de sombras íntimas e secretos silenciados que a autora tivo que ficcionar para poder ofrecer un cadro histórico e intrahistórico completo. 

Ademais, trátase da primeira novela que fai xustiza a tan brillante e contraditorio personaxe, centrándose no seu protagonismo e no da súa familia, aínda que tendo como antagonistas ao ditador Trujillo e á propia familia deste, pois Almoina foi sucesivamente protexido e vítima do tirano, quen polas súas altas capacidades o nomeou catedrático universitario, preceptor do seu fillo e secretario persoal, pero tamén foi quen o mandou asasinar. Por isto, a autora non escamotea as orixes do protagonista e menciona a prensa galega na que publicou e a temática galaica dos seus artigos, recorrendo ás veces ao uso do idioma galego e a consideracións de psicoloxía antropolóxica asociadas á paisaxe: “Así es Galicia, escribió allí. Donde nada es extremo, ni siquiera esa tristeza que en cada gallego es una forma de melancolía. Por eso los labriegos responden preguntando. Y el Miño no es más que una pregunta en movimiento”.

Ata o de agora, Almoina comparecera na literatura sempre menosprezado como figurante secundario e co xenófobo e agravante alcume de galego, como poñen en evidencia dúas novelas centradas no mesmo contexto histórico, ambas as dúas levadas ao cine: Galíndez (1990), do español Manuel Vázquez Montalbán, e La fiesta del Chivo (2000), do peruano Mario Vargas Llosa. Na primeira novela, Trujillo califica a tal “gallego” como “sapo de Almoina” e os esbirros trujillistas o tachan de “seboso Almoina”, “traidor Almoina” e “gallego reservón que jugaba con dos caras”, estigmas que o sentencian a dobre morte: “el gallego equívoco no es otra cosa que merecedor de morir dos veces”. Na segunda novela, o tirano refírese a Almoina como “gallego traidor” e “pérfido gallego”.

A traizón e a perfidia das que Trujillo acusaba a Almoina debíanse á súa autoría do libro, publicado con pseudónimo en México, aínda que figurando Guatemala e redactado con erros lingüísticos para despistar, Una satrapía en el Caribe (1949), descarnada denuncia da corrupta e criminal ditadura trujillista. Pero a petición do propio tirano, para evitar sospeitas e en finxida contestación a si mesmo, Almoina tivo ademais que publicar a continuación o hiperbólico panexírico do ditador Yo fui secretario de Trujillo (1950). Este vaivén entre o heroísmo clandestino e o colaboracionismo público é o misterio álxido da novela de Selena Millares, quen escolle a dimensión humanista e sacrificada ata o martirio deste quijote secreto, rebelándose así contra a lenda negra de submiso mercenario do xenocida que el mesmo esperpentizou como dexenerado sátrapa.

Claudio Rodríguez Fer e Selena Millares presentando a novela sobre Almoina na Casa Museo Casares Quiroga © Cedida

De feito, ademais do seu valor histórico e político, Una satrapía en el Caribe presenta calidades literarias de raíz esperpéntica, acaso no ronsel da novela Tirano Banderas (1926) do tamén galego Ramón del Valle-Inclán, que foi a iniciadora do subxénero novelesco de ditadores latinoamericanos de tan amplo cultivo, como demostran El señor Presidente (1946), de Miguel Ángel Asturias; Yo el Supremo (1974), de Augusto Roa Bastos; El recurso del método (1974), de Alejo Carpentier; El otoño del patriarca (1975), de Gabriel García Márquez, ou a citada La fiesta del Chivo (2000), de Mario Vargas Llosa. Entre elas dende logo non desmerece a prosa, aínda que dende logo non sexa de ficción, do propio Almoina, quen ademais inicia en Una satrapía en el Caribe o oprobio literario contra si mesmo autocualificándose de “miserable gallego Almoina”. 

Retomando esta actitude disimuladora, o protagonista de Al calor de tu nombre se recreará imaxinándose a si mesmo visto polos seus inimigos trujillistas como “miserable gallego que fue secretario del Jefe”: “El odiado Almoina”. E Selena Millares conecta esta postura críptica coa do mestre intelectual e moral do protagonista: “Piensa otra vez en Erasmo, que hizo su crítica a los abusos de la Iglesia bajo el disfraz de una mujer llamada Locura. Y quien puede creer o culpar a una loca. Sabio, Erasmo”.

Pero, a diferenza de Almoina Mateos, Vázquez Montalbán e Vargas Llosa, Selena Millares non se limita á faceta política e psicolóxica do personaxe e do seu contorno, senón que recrea a personalidade humanística e intelectual dos individuos e do seu contexto. Por exemplo, destaca o importante estudo erudito de Almoina sobre o pensamento renacentista e o humanismo erasmista, pois, en efecto, en La biblioteca erasmista de Diego Méndez (1945) demostrou a temperá influencia de Erasmo de Rotterdam nos cronistas do Novo Mundo, e, en Rumbos heterodoxos de México (1947) e outros traballos, afondou na disidencia do humanismo cristián en América. Non obstante, o seu ideal erasmista, baseado na tolerancia, no pacifismo, na razón e na reforma moral fronte a todo dogmatismo, contrastaba co seu forzado servilismo público á intolerante, violenta, irracional e corrupta tiranía establecida polo megalómano Generalísimo Rafael Leónidas Trujillo (cuxa esposa regalou a Almoina, paradoxalmente, como se recorda na novela, a edición príncipe das obras completas de Erasmo de 1541, xoia bibliográfica impresa por Frobenius).

Ademais, Selena Millares confire especial protagonismo e afirmado carácter á esposa de Almoina, a benaventina Pilar Fidalgo Carasa, que en 1936 foi encarcerada en Zamora coa súa filla acabada de nacer e que en 1937 foi canxeada nun intercambio de prisioneiros e puido reunirse co seu marido. Neste último ano, escribiu e publicou en francés o testemuño Una joven madre en las prisiones de Franco, logo traducido a outros idiomas, unha das mostras do peso da historia que houbo de soportar esta muller ata o asasinato de Almoina e aínda despois. E tamén ten notable protagonismo a terceira esposa de Trujillo, María Martínez, “La Españolita”, que padecía de ridículas aspiracións literarias, como a de gañar o Premio Nobel, e para quen Almoina exerceu de escritor fantasma.

Al calor de tu nombre iníciase cunha cita do poeta lucense Luis Pimentel que apela ao silencio ao que o abocaron a conciencia e a necesidade no proceloso exilio, como a tantos outros intelectuais desterrados aos que a novelística contemporánea está tratando de devolver a voz

A convivencia ao longo da narración de familiares reais e amantes ficticias, de políticos e intelectuais españois e dominicanos ou de represores trujillistas e sicarios cubanos, facilita sen dúbida a consecución dun panorama coral que vai máis alá do protagonista e, por tanto, da novela estritamente biográfica. Así pois, aínda que sen deixar de ser biográfica, é tamén unha novela de memoria histórica, que relata, por exemplo, a terrible represión fascista en Benavente; unha novela de intriga que narra intrigantes fuxidas de disidentes, delacións de espías, persecucións de opositores e conspiracións de criminais; unha novela de amores plurais con incursións sexuais e unha novela de viaxes, do protagonista e de todas as comunidades exiliadas dun e doutro signo que aparecen cruzadas: a española antifranquista, a dominicana antitrujillista, a cubana anticastrista… 

De feito, como se pon en evidencia nesta novela errante, a vida de Almoina foi absolutamente itinerante dende o Lugo natal ata a Ciudad de México letal, pasando por A Coruña, Santiago de Compostela, Benavente, Alcaudete, Santander, Bayona, Toulouse, París, Marsella e Ciudad Trujillo, que era como se chamaba durante a ditadura Santo Domingo, capital da República Dominicana. E neste trafego acompáñao, dende o período de Benavente, a súa familia, confluíndo, dende o período do exilio, con desterrados como o historiador Claudio Sánchez Albornoz, o filólogo Vicente Llorens ou o escritor e político Jesús de Galíndez, polémico axente dobre ou triplo do Partido Nacionalista Vasco que nesta novela se presenta como antagonista de Almoina.

Al calor de tu nombre iníciase cunha cita do poeta lucense Luis Pimentel, coterráneo e case coetáneo de Almoina, que precede a outras dúas, respectivamente, de Borges e do propio Almoina, reunindo así as voces do vate local, do polígrafo universal e do humanista transterrado aquí novelado. A deste apela ao silencio ao que o abocaron a conciencia e a necesidade no proceloso exilio, como a tantos outros intelectuais desterrados aos que a novelística contemporánea está tratando de devolver a voz, o que xa ocorreu, con desigual fortuna, nos casos de Pedro Salinas, Emilio Prados, Pedro Garfias, Max Aub, Gustavo Durán, María Casares, o devandito Jesús de Galíndez ou, agora, José Almoina Mateos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.