O goberno español de quenda (PSOE/UP) ten, entre os seus moitos méritos. o de poñer en evidencia a falsidade dalgúns dogmas que moldearon as políticas públicas dos distintos gobernos na democracia como, por caso, o dogma sobre emprego. Un dogma que provocou que España, e con ela Galicia, viñera agochando estas últimas décadas un problema sistémico no mercado laboral: se creaba pouco emprego e de mala calidade o que contribuía a ter elevadas taxas de desemprego e precariedade que, no caso galego, levaba a que se disparase a emigración da xente moza.
Que pasou para que nunha fase marcada por grandes turbulencias -a pandemia, a guerra en Ucraína- España presente estes resultados laborais?. Que se deron varios cambios relevantes nas políticas públicas citadas anteriormente deixando atrás unha parte relevante dos dogmas sen fundamento científico que viñeron marcando a política laboral nas últimas décadas
Unha situación que viña derivada basicamente das políticas públicas aplicadas en todas estas décadas e que tiñan nas políticas fiscais, laborais e industriais, de carácter liberal practicamente todas elas, as súas pancas. Así bastou que o goberno español de quenda (PSOE/UP) modificase radicalmente algunhas desas políticas para que o mercado laboral dera un xiro positivo, tanto na creación de emprego como na calidade do mesmo. Un xiro como non se ten memoria próxima de algo parecido.
Recentemente vimos a ter evidencias empíricas desta viraxe positiva. Así, nestes días soubemos que España, e con ela Galicia acadaron os mellores datos de emprego -20,4 e 1,05 millóns respectivamente- e desemprego -2,9 e 0,14 millóns- dende a crise bancaria do 2008: as altas na Seguridade social son tamén as maiores dende que hai rexistros. Unha mellora que non so é cuantitativa senón cualitativa como, por caso, unha maior estabilidade: nos novos empregos creados son maioría os contratos indefinidos (47%). Unhas melloras que chegan aos colectivos ata agora menos favorecidos polo emprego -mulleres o mozos- e que a vindeira Enquisa de Poboación Activa (EPA) -a mellor e mais fiable información sobre o mercado laboral- debería confirmar.
Que pasou para que nunha fase marcada por grandes turbulencias -a pandemia, a guerra en Ucraína- España presente estes resultados laborais?. Que se deron varios cambios relevantes nas políticas públicas citadas anteriormente deixando atrás unha parte relevante dos dogmas sen fundamento científico que viñeron marcando a política laboral nas últimas décadas e que eran a causa principal de que estiveramos en cabeza da Unión Europea en materia de desemprego.
Dogmas que podemos resumir en varias teses fundamentalistas que se apoian no suposto de que os mercados son perfectos. A primeira tese afirma que a situación do emprego depende da demanda e a oferta que exista no mercado laboral. A segunda, que deriva da anterior, que basta con que os gobernos aproben as normas que garanten a concorrencia perfecta para que non haxa desemprego. Pero, que normas son esas?: a desregulación e a flexibilidade laboral que eliminan as rixideces do mercado laboral. A terceira que sinala que o emprego tamén depende de que os traballadores acepten a oferta que se lles presenta o que leva a afirmar que si hai desemprego é por que os traballadores "non queren traballar" e prefiren estar desempregados velaí que se afirme, por caso, que os subsidios ao desemprego freen a creación de emprego. Finalmente que a demanda de traballadores por parte das empresas tamén depende dos custos laborais: si baixan estes aumentará aquela. En definitiva si non hai normas reguladoras, si non hai sindicatos que interfiran, si se moderan os salarios, si o mercado laboral funciona con liberdade se acada automaticamente o pleno emprego.
Pero as evidencias demostran que a marcha do mercado laboral -oferta e demanda- depende da situación económica global, do que suceda coa demanda e a oferta agregadas. Que hai, xa que logo, que actuar sobre ámbalas dúas. Algo que está facendo o goberno español de quenda (PSOE/UP) pero que, por desgracia, non fai o goberno galego (PP) e aí están os peores resultados. En primeiro lugar o goberno español asume que debe intervir na economía global para melloralo emprego e non deixalo exclusivamente nas mans do mercado: velaí, por caso, que sacaran adiante uns orzamentos públicos expansivos que turran da demanda agregada e teñen como horizonte o crecemento económico en base a creación de emprego e a mellora do benestar. Uns orzamentos públicos que, por caso, poñen o acento nas funcións públicas de benestar que son grandes creadoras de emprego. De xeito paralelo, e para estimulala demanda pola vía do consumo, o goberno español aprobou unha importante ampliación dos estabilizadores -SMI, IMV, axudas familiares, subsidios de desemprego, bonos...- que, contradicindo as voces dos defensores dos mercados perfectos, estimularon o consumo e a demanda agregada colaborando así ao crecemento económico e a creación de emprego. Este goberno tamén parece ter claro que o mercado laboral debe regularse si se quere que axude a creación de emprego e que para esa regulación precisa da participación dos traballadores a través dos seus sindicatos. Algo cuxa eficacia se está demostrando: está fora de toda dúbida que, a pesares das súas insuficiencias, a Reforma laboral última está contribuíndo tanto a creación de mais emprego como a unha maior calidade do mesmo.
Estas políticas precisan de continuidade e dun maior impulso para seguir reducindo o grande diferencial que aínda temos cos estados europeos mais avanzados en esta materia
Velaí as razóns que me levan a afirmar que este goberno español de quenda (PSOE/UP) cos resultados das súas políticas esta tirando por terra algúns dos dogmas neoliberais mais aplicados sobre o mercado laboral. Pero estas políticas precisan de continuidade e dun maior impulso para seguir reducindo o grande diferencial que aínda temos cos estados europeos mais avanzados en esta materia. Así, por caso, resulta evidente que hai que avanzar nas reformas laborais por que hoxe en día aínda en España segue sendo moi fácil e barato o despido o que provoca que diante de calquera dificultade os empresarios opten en primeira instancia polo despido antes que por outras medidas. Non menos evidente é a necesidade de mudar o modelo produtivo actual -que ten como principal soporte o sector terciario e dentro dese ao turismo- por outro onde a produtividade, a concorrencia e a calidade do emprego sexan os seus fundamentos. Tamén hay que premer en continuar mellorando o estado de benestar que segue sendo bastante deficitario como, por caso, estamos vendo coa sanidade, a atención aos maiores, a dependencia..... funcións que crean moito emprego e de calidade. Finalmente hai que seguir subindo os salarios para recuperar unha demanda que se mantén moi débil tanto polos baixos salarios -que frean o consumo- como pola difícil conxuntura que atravesamos -inflación, turbulencias,....-.
Desgraciadamente o goberno galego (PP) segue, a pesares das contundentes evidencias, aferrado aos mesmos dogmas que están lastrando a economía e contribuíndo a que Galicia teña menos emprego (52,5% de taxa de ocupación: 6 puntos por baixo da media española que é do 58,5%) -a pesar de ter salarios mais baixos (1.919 euros de salario medio mensual: 89% da media española que está en 2.153 euros)- e a que os/as mozos/as, os mellor cualificados de sempre, teñan que seguir emigrando.