O inmediato futuro de Italia: unha explicación do melonismo

Mitin de Giorgia Meloni en Roma © Fratelli d'Italia

O perigo do fascismo en Italia é evidente: a presidenta electa, Giogia Meloni, deu mostras de estar moi preto, polo menos coas súas palabras, do ideario mussoliniano. Pero sería demasiado compracente resolver o asunto cunha lapidaria emenda á súa figura e, sobre todo, demasiado torpe afastarse da comprensión do fenómeno. Sigo con certa constancia a vida política do país italiano e podo aventurar algunhas das razóns do éxito do partido de Fratelli d´Italia, no contexto da reorganización da dereita italiana.

Meloni representa a continuidade ou a deriva do berlusconismo. Quen viviu en Italia durante ese período coñece a profundidade da súa influencia, mesmo en materia estética ou cultural, dada a omnipotencia das súas canles de divulgación

Meloni representa a continuidade ou a deriva do berlusconismo. Desde a irrupción do empresario milanés, dono de editoriais e de medios de comunicación de masas, capaces de condicionar a mentalidade do cidadán medio (no que Scalfari denominaba con insistencia conflito de intereses), a política italiana xira ao redor da omnipresencia de Berlusconi. As maneiras cómicas, fachendosas, con aires de tirano cando a ocasión o precisa, cubriron a vida cotiá de Italia, con pequenas parénteses, durante case 20 anos, unha cifra emblemática no país do ventennio fascista. Quen viviu en Italia durante ese período coñece a profundidade da súa influencia, mesmo en materia estética ou cultural, dada a omnipotencia das súas canles de divulgación. Os anos finais do seu poder, enlamado en denuncias de variada natureza (fraude fiscal, prostitución de menores, sobornos, entre outros), non fixeron máis que prolongar o gusto político do país, que seguía a votalo a pesar dos sucesivos escándalos. Forza Italia e despois Popolo della Libertà obtiveron durante todos estes anos maiorías folgadas que lle permitiron gobernar sen demasiados problemas: só ao final, pero cunha esquerda desunida ou pouco atractiva, puido ver declinar o exercicio do seu poder. 

Giorgia Meloni CC-BY-SA VOX

Durante un tempo, o país mantívose gobernado por personalidades que non pasaban polas urnas, elixidas polos seus méritos intelectuais e pola súa maior aproximación ao ideal republicano italiano, consistente nunha recoñecible ensalada de democracia cristiá e comunismo moderado, en algo así como nun Aldo Moro reencarnado varias veces

Cando marchou de forma definitiva, a constelación de individualidades (homes todos) procedentes do ámbito universitario, (esa mestura de doctocracia e de expertos en dereito internacional ou en economía tributaria) tentou conducir o país co apoio externo dos distintos partidos de centro esquerda. Durante un tempo, o país mantívose gobernado por personalidades que non pasaban polas urnas, elixidas polos seus méritos intelectuais e pola súa maior aproximación ao ideal republicano italiano, consistente nunha recoñecible ensalada de democracia cristiá e comunismo moderado, en algo así como nun Aldo Moro reencarnado varias veces. Cando se analizan as figuras dos primeiros ministros que sucederon ou se alternaron con Berlusconi, sostidos polas distintas derivacións do PCI (L’Ulivo ou o Partito Democratico), Dini, Prodi, Amato, Monti mais o recente Draghi, tense a sensación de que procuran remontarse a ese alicerce central do edificio histórico da vella república italiana de postguerra. Era, en todo caso, (e foino até hai pouco) insólito ver un país gobernado por persoas que non pasaran polas urnas, co beneplácito de boa parte da clase política e económica do país. 

A proliferación de gobernos sen unha clara representación directa conduce a unha disociación democrática que aproveitan con habilidade emotiva os populismos e os movementos ultradereitistas

Os movementos centrífugos, coma o da Lega Nord (cun Bossi, que agora soa de novo para ministro, ou de Salvini), inquedaron de forma lixeira esas novas formacións de goberno, mentres nacía e medraba, como resposta popular ao ensimismamento elitista das clases políticas tradicionais, a forza dun Beppe Grillo, un cómico de discurso crítico, detractor diso que naquela época xa comezou a chamarse casta, quen construíu un partido de masas heteroxéneo que obtivo un éxito grande nas eleccións de 2013. Este último partido, a pesar do seu éxito, declinou o poder ata que outro profesor, Giuseppe Conte, logrou ser primeiro ministro co insólito e efémero apoio da Lega de Salvini no ano 2018. O famoso reddito di cittadinanza, o ingreso mínimo vital, unha das medidas máis importantes dos últimos anos, débese a ese goberno preocupado por diminuír e paliar as extraordinarias diferenzas entre os territorios do sur e do norte, ou entre as periferias (os non lugares dos arrabaldes) e o centro das cidades. 

Silvio Berlusconi CC-BY-SA EPP

A dialéctica entre casta e corpo electoral, entre élites políticas e masas populares foi explotada con certo impudor por case todos os partidos, pero en especial por Giorgia Meloni

Se me estendo nestes pormenores, é para comprender a complexidade do mapa político italiano, que, nos últimos anos, deixou en mans doutro profesor, Mario Draghi, recoñecido expresidente do Banco europeo, o goberno do país, co apoio dun bo número de partidos. As fórmulas gobernamentais italianas móstranse flexibles, pero sempre dan a sensación de obedecer máis a estratexias de salón (de preferencia, universitario) que a inequívocos mandatos electorais. Esta dialéctica entre casta e corpo electoral, entre élites políticas e masas populares foi explotada con certo impudor por case todos os partidos, pero en especial por Giorgia Meloni, que, sustentada en consignas simples e efectivas e en palabras fetiche, atopou o referendo nas últimas eleccións. Onte, no diario La Repubblica, o antigo dirixente do PCI, Achille Occhetto, falaba desa fenda, en particular nas forzas da esquerda, entre as clases dirixentes, nadas e crecidas nas estruturas do poder, e as necesidades das clases sociais que din defender. A proliferación de gobernos sen unha clara representación directa conduce a unha disociación democrática que aproveitan con habilidade emotiva os populismos e os movementos ultradereitistas. 

A cuestión consistirá en saber agora que fará Meloni cando teña que xestionar os fondos europeos, guiados por ideas ou por fórmulas que durante estes meses combatiu no parlamento italiano. Aí é onde ese berlusconismo primario agarda por ela: o dos poderes económicos que pouco queren saber de bandeiras, de deuses ou de familias unha vez que estas marcas básicas xa conducisen á xente de forma convincente ás urnas 

A nostalxia tácita mussoliniana (a do ordine) que, sen complexos, moitos airean nas redes sociais; o medo inducido desde Berlusconi pola inmigración, co recurso algo extravagante -pero eficaz ao parecer-, ás raíces cristiás e católicas de Italia; o escepticismo e, en certos casos, a rabia contra Europa; a visión excluínte do norte, disque industrioso e traballador, sobre un sur cualificado disque tamén de pobre e inútil, que calquera pode observar a pouco que poña o oído nas conversacións, convirten a Meloni na voceira das vellas consignas berlusconianas, se cadra sen tantos reparos verbais, se cadra con máis desenvoltura e desvergoña, cos ecos preocupantes e ominosos da retórica fascista, capaz de aglutinar o voto masivo. A cuestión consistirá en saber agora que fará Meloni cando teña que xestionar os fondos europeos, guiados por ideas ou por fórmulas que durante estes meses combatiu no parlamento italiano. Até que punto poderá presumir de soberanía, de non inxerencia nos asuntos italianos, poderase ver moi axiña. Aí é onde ese berlusconismo primario agarda por ela: o dos poderes económicos que pouco queren saber de bandeiras, de deuses ou de familias unha vez que estas marcas básicas xa conducisen á xente de forma convincente ás urnas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.