"Os partidos de extrema dereita existiron sempre, pero eran pequenos, de voto expresivo. Pero nas últimas dúas décadas foron cambiando o seu discurso, adoptando un discurso máis populista e efectista e tamén a súa estética: de levar cazadora bomber e pelo rapado pasaron a ser xente que leva traxe e garavata"
O pasado domingo Fratelli d'Italia, unha forza de extrema dereita herdera directa dos partidos fascistas, gañou as eleccións en Italia, levando á presidencia do Goberno a Giorgia Meloni. É a primeira vez dende a Segunda Guerra Mundial que a ultradereita vai liderar un dos grandes países europeos, completando un proceso de máis dunha década no que estas forzas de dereita populista foron gañando espazo político en practicamente todo o continente. A incontestable vitoria de Meloni chegou nun contexto de forte abstención, coa participación electoral máis baixa na historia de Italia, e de crise de prezos alimentada polos efectos da Guerra de Ucraína.
Onde nace o apoio a esta nova ultradereita? De que se alimenta? Como se pode frear o ascenso destas forzas? Falamos con Alfonso López Rodríguez, profesor da Facultade de Ciencias Políticas da USC, que nos últimos anos ten publicado traballos coma 'Las políticas públicas y la extrema derecha populista en la Europa del siglo XXI' ou 'A nova extrema dereita en Portugal: o caso de Chega'
Levamos anos observando o ascenso da ultradereita na maior parte dos países de Europa, nos últimos meses con grandes resultados electorais en Francia, Suecia ou Italia, onde Giorgia Meloni vai liderar o Goberno. Podemos falar dunha onda xeneralizada en todo o continente?
Si, hai unha onda de extrema dereita xeneralizada en Europa. Os partidos de extrema dereita existiron sempre nos sistemas de partidos europeos, pero eran partidos pequenos, de protesta, de voto expresivo. Pero nas últimas dúas décadas foron cambiando o seu discurso, adoptando un discurso máis populista e efectista e tamén foron cambiando a súa estética: de ser xente que leva unha cazadora bomber e o pelo rapado pasaron a ser xente que leva traxe e garavata. Todo iso fixo que foran máis vendibles para o gran público e foron medrando. Pero foi a Gran Recesión iniciada en 2008 o que lles deu o grande empurrón que os converteu en alternativa de Goberno ou socios de coalición en moitos países.
Que factores alimentan o ascenso da extrema dereita? Priman máis as cuestións económicas e materiais ou os elementos emocionais e identitarios, de reacción ao de fóra e aos cambios que se producen na sociedade?
"A crise iniciada no 2008 nunca se terminou de pechar en Europa, elevando o descontento social e xerando unha sensación continuada de frustración, de insatisfacción coas institucións e un empobrecemento material. Iso fixo que callasen os discursos populistas e efectistas, de saída fácil, da extrema dereita, prendendo en caladoiro electorais moi amplos"
A crise iniciada no 2008 nunca se terminou de pechar en Europa: a crise da débeda en 2012, a crise do refuxiados, a COVID, agora a guerra en Ucraína... foron crises concatenadas que elevaron o descontento social e xeraron unha sensación continuada de frustración coa situación, de insatisfacción coas institucións e un empobrecemento material. Iso fixo que callasen os discursos populistas e efectistas, de saída fácil, da extrema dereita, prendendo en caladoiro electorais moi amplos.
Esta depauperización material é o gran caldo de cultivo. Porque se só fose, como sucedía nos anos 80, unha cuestión de racismo e xenofobia, de reacción ante o de fóra, nun discurso máis puramente nacionalista, o crecemento destes partidos tería sido moito máis pequeno. As boas mentiras sempre teñen algo de verdade. A realidade é que estes dous elementos, o material e o emocional, operan de xeito combinado: existe unha situación material de estancamento e de empobrecemento das condicións de vida. E iso exprésase a nivel emocional, pero non falando en termos de clase ou dun conflito político entre propietarios e proletarios, senón en termos nacionalistas e identitarios: “nós (os españois, os suecos, os italianos...) fronte aos de fóra”. E aí os de fóra son os inmigrantes, pero tamén as institucións europeas e as elites estranxeiras, que eles chaman apátridas, e aí introdúcese unha cuestión nova, que é a problematización da integración europea. Eles utilizan este discurso populista de que eles defenden o pobo e a identidade nacional fronte ás institucións da UE.
O contexto económico que seguiu á Gran Recesión de 2008 debería ter sido o caldo de cultivo para o ascenso das forzas de esquerda, pero semella que ten sido a dereita populista quen mellor o aproveitou. Por que sucedeu isto?
"Estes dous elementos, o material e o emocional, operan de xeito combinado: existe unha situación de empobrecemento das condicións de vida e iso exprésase a nivel emocional, pero non falando en termos de clase, senón identitarios: “nós (os españois, os suecos, os italianos...) fronte aos de fóra”
A realidade é que houbo unha crise e un empobrecemento. En termos de lectura de clase, enténdese que iso vai levar a un conflito entre o capital e o traballo. Pero por parte da extrema dereita apareceu un discurso moi emocional e populista que catalizou esas pulsións noutra dirección. Parecería que o movemento debería ter ascendido dende a esquerda, pero temos que ter en conta algúns factores: a UE constrúese no marco da Guerra Fría e sempre houbo un soterrado anticomunismo en moitos países, especialmente no norte de Europa, o que leva a que o voto de protesta agrome máis pola dereita que pola esquerda, conseguindo penetrar a extrema dereita neses caladoiros de electorado orfo. O sur de Europa é distinto e, por exemplo, en Grecia Syriza si chegou ao Goberno e pode volver facelo nas próximas eleccións.
Hai elementos comúns entre estes partidos de extrema dereita ao longo do continente. Pero hai tamén diferenzas ou matices entre eles?
"Algúns destes partidos, como a Fronte Nacional, defenden o que poderíamos chamar 'estado de benestar nativista', que se parece ao discurso da socialdemocracia, pero reinterpretado non en termos democráticos -os cidadáns, os traballadores...- senón en termos nacionais"
Hai diferenzas e matices e os sistemas electorais, de partidos e as culturas políticas determinadas de cada país van determinar a forma que adoptan en cada lugar estes partidos, porque hai que lembrar que son forzas nacionalistas que reivindican unha idea do propio. Hai uns eixos comúns: antiinmigración, antidiversidade, antiglobalización, un marcado antifeminismo nos casos de VOX ou Fratelli. En xeral van rexeitar o que consideran 'diferente' e van reivindicar esa idea do 'nativo', todo cun discurso moi simplista e efectista, como se viu na campaña de Meloni, que daba discursos 'de eslogan'. Pero hai matices: hai un grupo de partidos máis conservadores e máis elitistas e neoliberais en termos económicos, os agrupados no grupo ECR do Parlamento europeo (Fratelli, VOX...) e outros agrupados a nivel europeo no Partido Identidade e Democracia (Liga Norte, Fronte Nacional), que busca unha imaxe máis moderna. No norte de Europa, en xeral, búscase máis unha imaxe de tecnócratas nacionalistas e nativistas.
Algúns destes partidos, como a Fronte Nacional ou a Liga Norte, defenden o que poderíamos chamar 'estado de benestar nativista', que se parece ao discurso da socialdemocracia dura, a dos anos 60 ou 70, pero reinterpretado non en termos democráticos -os cidadáns, os traballadores...- senón en termos nacionais -os franceses, os italianos...-. É un discurso que calla en persoas que poderían votar a partidos socialdemócratas porque semella máis doado pensarse en termos nacionais que en termos de clase.
Ademais de chegar a formar parte de distintos gobernos, ata agora case sempre como socios minoritarios, estas forzas de ultradereita están impoñendo a súa axenda e propostas programáticas ao resto de partidos, especialmente a aqueles que, na dereita, compiten con eles máis directamente?
"Fratelli d'Italia vai liderar o Goberno e ademais nun dos grandes países da UE. E iso pode condicionar as políticas públicas no conxunto da UE se Italia suma forzas con outros países que contan con forzas de extrema dereita nos seus gobernos"
Foron varias as formas en que estes partidos foron influíndo nas políticas nacionais nos distintos países europeos. Vemos por exemplo o caso danés, onde o principal partido de dereitas tradicional, o Partido Liberal foi asumindo partes do programa da extrema dereita para limitar o ascenso electoral do Partido Popular Danés. A realidade é que si conseguiu deter o seu ascenso, pero a custa de asumir as súas ideas e permeando ademais ao resto de partidos. É algo que tamén está facendo, en parte, Rutte nos Países Baixos.
Ata agora a extrema dereita chegou ao poder en países pequenos ou fíxoo como socios minoritarios de coalición, como de feito sucedeu xa en Italia en 2018, co acordo de Goberno entre o Movemento 5 Estrelas e a Liga Norte. Pero agora a diferenza é que Fratelli d'Italia vai liderar o Goberno e ademais nun dos grandes países da UE. E iso pode condicionar non só as políticas públicas dentro de Italia senón no conxunto da UE se Italia suma forzas con outros países que contan con forzas de extrema dereita nos seus gobernos, convertendo nunha masa crítica que pode condicionar as políticas europeas.
Os cordóns sanitarios funcionan? Ou están condenados a ir desaparecendo?
"Os cordóns sanitarios para que funcionen teñen que ser cribles e esixen do sistema de partidos moita flexibilidade para formar grandes coalicións ou para permitir a gobernabilidade"
Os cordóns sanitarios para que funcionen teñen que ser cribles. No caso de España esta mesma semana reuniuse o líder do PP co líder de VOX nun encontro secreto pero que saíu á luz, e iso fai que en política nacional un cordón sanitario sexa xa imposible de crer; na política autonómica e local xa non existía. Os cordóns sanitarios, como se ve en Alemaña ou Francia, funcionan, pero esixen do sistema de partidos moita flexibilidade para formar grandes coalicións ou para permitir a gobernabilidade. E, sobre todo, para que sexan cribles, o que non pode pasar é que algúns dos partidos rache o cordón para beneficiarse.
Como se frea á ultradereita? É mellor ignorar estes partidos? Normalizalos? Ou a forma máis efectiva é poñer en práctica políticas públicas que contrarresten os factores que están alimentando o seu ascenso?
"A mellor opción é combater a desafección política e loitar por conseguir que a cidadanía volva confiar nas institucións, apostando por políticas económicas que se afasten do integrismo do mercado e acheguen a recuperación económica á maioría da sociedade"
Hai varias opcións. A primeira, de asumir parte do programa da ultradereita para evitar a súa vitoria, en realidade é un triunfo para estes partidos, porque institucionalizan dentro do sistema as políticas que eles queren, por moito que fracasen a nivel organizativo. A consecuencia é unha dereitización das políticas públicas en termos nativistas e conservadores. Non semella o máis desexable en termos democráticos. A segunda opción é empregar cordóns sanitarios e ignorar estes partidos, pero aquí o problema é cando a ultradereita pasa por riba disto, capitaliza o descontento e ascende electoralmente.
E, finalmente, está a opción que poñer en práctica políticas publicas que combatan estes factores e problemas sociais que alimentan o voto da extrema dereita. Isto, combinado coa aplicación efectiva dun cordón sanitario, semella a mellor opción: o combate contra a desafección política e a loita por conseguir que a cidadanía volva confiar nas institucións, apostando por políticas económicas que se afasten do integrismo do mercado e acheguen a recuperación económica á maioría da sociedade, para pechar por fin a crise aberta no 2008 que vén alimentando á extrema dereita.