A ultradereita obtén unha ampla maioría nas eleccións italianas coa abstención máis elevada das últimas décadas

Giorgia Meloni CC-BY-SA VOX

O sistema político italiano, no que unha maioría dos escanos se elixen en distritos uninominais, beneficiou neste caso á unión conservadora, que co 45% dos sufraxios se fixo cunha clara maioría absoluta

A extrema dereita gobernará en Italia, que se converterá no primeiro gran país da Unión Europea onde unha formación ultra chega á Presidencia do Goberno dende os anos 30 do pasado século. Giorgia Meloni foi a gran triunfadora duns comicios marcados ademais por unha elevadísima abstención de máis do 36%, case dez puntos superior á do ano 2018, récord na historia do país transalpino.

A coalición de dereitas liderada por Fratelli d'Italia obtén unha ampla maioría absoluta en ambas as dúas cámaras e Meloni, co 26% dos votos, gobernará co apoio da Lega de Matteo Salvini e da Forza Italia de Silvio Berlusconi, con resultados por debaixo do 10%. O sistema político italiano, no que unha maioría dos escanos se elixen en distritos uninominais, beneficiou neste caso á unión conservadora, que co 45% dos sufraxios se fixo cunha maioría moi clara.

Meloni foi a gran triunfadora da noite, levando ao poder a un partido que no 2018 ficara por debaixo do 5% dos votos e que é unha refundación dos Movemento Social Italiano e da Alianza Nacional, herdeiros directos do fascismo italiano

No centro e na esquerda a noite deixou poucas oportunidades para celebracións. O Partito Democrático de Enrico Letta mellorou o resultado obtido hai catro anos, pero ficou por debaixo do 20%. Pola súa banda, o Movimento 5 Stelle de Giuseppe Conte quedou moi lonxe do resultado obtido hai catro anos, cando foi a forza máis votada. Porén, o 15% acadado finalmente mellorou claramente as previsións ofrecidas polas enquisas publicadas nos últimos meses. Tampouco a "terceira vía" liderada por Azione e Italia Viva foi quen de darlle a volta a unha vitoria de Meloni que se viña anticipando dende había semanas.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, fixo hai uns días unha advertencia pública de que a UE dispón de instrumentos (referíndose ás sancións que pairan por exemplo sobre Hungría) para obrigar aos Estados a manterse dentro das liñas fixadas pola Unión

Meloni foi a gran triunfadora da noite, levando ao poder a un partido que no 2018 ficara por debaixo do 5% dos votos e que é unha refundación dos Movemento Social Italiano e da Alianza Nacional, herdeiros directos do fascismo italiano a partir de 1946. Preséntase cun programa político ultraconservador no social (oposto radicalmente ao aborto, ao matrimonio homosexual e á eutanasia), neoliberal no económico (partidario de baixar impostos e de reducir as políticas sociais), antiinmigración e euroescéptico. 

Neste sentido, ante a posibilidade de que o próximo Goberno italiano aplique políticas contrarias aos principios da Unión Europea, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, fixo hai uns días unha advertencia pública de que a UE dispón de instrumentos (referíndose ás sancións que pairan por exemplo sobre Hungría) para obrigar aos Estados a manterse dentro das liñas fixadas polos 26.

A ampla vitoria da dereita explícase non só pola mobilización conseguida por Meloni, senón tamén pola desmobilización do centroesquerda e da esquerda. O sur de Italia, coas máis altas taxas de desemprego e pobreza, rexstrou unha abstención récord

A ampla vitoria da dereita explícase non só pola mobilización conseguida por Meloni, senón tamén pola desmobilización do centroesquerda e da esquerda nos últimos anos. O Partito Democrático non foi quen de recoller o voto perdido polo Movimento 5 Stelle despois dunha lexislatura caótica para esta formación, que con todo segue a contar con amplos apoios no sur de Italia.

O sur de Italia, coas máis altas taxas de desemprego e pobreza, rexistrou unha abstención récord, moi por riba da rexistrada no norte e no centro do país. Esta desmobilización penalizou especialmente ás formacións progresistas.

Meloni afirmou que a súa vitoria non é "un punto de chegada, senón de partida" e que o seu principal obxectivo é "reconstruir a relación entre os cidadáns e o Estado". "Somos cidadáns libres, non súbditos", dixo

Meloni converterase ademais na primeira muller que dirixe a política italiana. Durante a noite electoral, a líder de Fratelli d'Italia non avanzou gran cousa sobre os seus plans á fronte do Goberno, limitándose a afirmar que "gobernará para todos" e que buscará que os italianos "se volvan sentir orgullosos de ser italianos". Así mesmo, afirmou que a súa vitoria non é "un punto de chegada, senón de partida" e que o seu principal obxectivo é "reconstruír a relación entre os cidadáns e o Estado". "Somos cidadáns libres, non súbditos", dixo. Agora Meloni deberá agardar o chamamento do Presidente da Repúblíca, Sergio Mattarella, que debe encomendarlle o encargo de formar Goberno.

As tres forzas da coalición de dereitas fixéronse coa maior parte dos escanos uninominais © Youtrend
A vitoria conservadora asentouse no norte e no centro do país © Youtrend

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.