O eurodeputado Miguel Urbán (Podemos) e a deputada na Assembleia da República Maria Manuel Rola (Bloco de Esquerdas) debateron este venres na Coruña sobre o auxe dos fascismos en Europa e as estratexias máis axeitadas para combater o seu ascenso. A mesa serviu para abrir a Escola Municipalista de Outono, organizada ao longo da fin de semana pola Asociación M.
"Constrúese unha guerra entre o último e o penúltimo. O primeiro expulsado é o migrante, convertido nunha especie de chibo expiatorio para que poidamos cuestionar quen ten acceso ao reparto pero non cuestionemos o propio reparto"
Tanto Miguel Urbán como María Manuel Rola fixeron fincapé no contexto socieconómico no que crecen os movementos de ultradereita no continente: desigualdade crecente, pobreza, desemprego e precariedade laboral, recortes nos servizos públicos e problemas no acceso á vivenda, unha situación da que responsabilizaron ás políticas neoliberais aplicadas nas últimas décadas. “O neoliberalismo non só é unha máquina de destrución de dereitos sociais, senón que tamén construíu un imaxinario de escaseza entre as clases populares europeas. Isto xera unhas dinámicas de exclusión social. Se 'non hai para todos' a lóxica que se alimenta dende o poder -e na que se asenta a ultradereita- é a da expulsión de sectores sociais polo reparto dos recursos escasos: diñeiro, traballo, servizos públicos...", sinalou Urbán.
"Constrúese unha guerra entre o último e o penúltimo e o primeiro expulsado é o colectivo máis débil: o migrante, convertido ademais nunha especie de chibo expiatorio, para que poidamos cuestionar quen ten acceso ao reparto pero non cuestionemos nunca o propio reparto", dixo, concluíndo que "o cuestionamento do reparto debería ser a base dunha política anti-neoliberal e tamén dunha política antifascista".
"A esquerda debe evitar combater a inseguridade que na actualidade vive a poboación coas mesmas lóxicas da dereita e o neoliberalismo: exclusión e competencia entre os de abaixo"
De igual xeito, Maria Manuel Rola apuntou que "as políticas neoliberais están a provocar un incremento da inseguridade da poboación: inseguridade para acceder ao sistema público de saúde, para acceder a unha vivenda, para contar cun emprego estable...". "A esquerda debe evitar combater a inseguridade que na actualidade vive a poboación coas mesmas lóxicas da dereita e o neoliberalismo: exclusión e competencia entre os de abaixo", salientou, concluíndo que "a defensa da sanidade pública, dunha política de vivenda que garanta o acceso á poboación, unha política de emprego que garanta o acceso a emprego estable..., deben ser o núcleo das políticas de esquerda".
A UE
"Para eles é máis doado falar contra Bruxelas que contra a patronal italiana. Así é como Salvini escenifica o seu teatro político"
Os partidos de extrema dereita manteñen unha constante retórica contra as institucións da Unión Europea, críticas nas que en ocasións coinciden cos partidos de esquerda, aínda que con motivacións distintas. As sondaxes apuntan a un importante ascenso dos partidos de ultradereita nas eleccións europeas do vindeiro mes de maio. Cal debe ser a estratexia das formacións de esquerda neses comicions e ante as políticas deseñadas dende a UE? "Hai moitas extremas dereitas distintas en Europa, pero a retórica antiestablishment parece que si une a todos estes partidos, sobre todo se entendemos o establishment como 'Bruxelas'. Porque para eles é máis doado falar contra Bruxelas que contra a patronal italiana. Así é como Salvini escenifica o seu teatro político", explicou Urbán.
"A esquerda debe comezar a ter un discurso claro sobre a construción europea, porque ata agora a súa posición foi moi morna. E, así, a esquerda foi vista como parte substancial da construción da Europa neoliberal"
O eurodeputado estableceu diferenzas entre as críticas dende a esquerda á política europea: "Hai mil razóns obxectivas para que a poboación vexa a UE como un problema e nós estamos en contra da UE, eu defendo que a UE é irreformable, pero si creo que hai que impulsar un proxecto europeo, non estou a favor dun repregue nacional. Pero así como digo isto, tamén creo que a esquerda debe comezar a ter un discurso claro sobre a construción europea, porque ata agora a súa posición foi moi morna. E, así, a esquerda foi vista como parte substancial da construción da Europa neoliberal"
"Vivimos unha gran polarización política, que xa non se da só en eixos esquerda-dereita, senón en eixos de dentro e fóra do sistema. Nese esquema a esquerda é vista como establishment e a extrema dereita como antiestablishment, recibindo unha parte importante do voto de protesta xerado pola situación creada polo neoliberalismo. Ou a esquerda comeza a queimar o tratado de Maastricht non terá lexitimidade ante as clases populares. Hai que reverter a camisa de forza que supoñen os tratados europeos. Non é posible un goberno de esquerdas dentro da UE, non é posible dentro dos límites que impoñen os actuais tratados europeos. Gobernos de esquerda deberían comezar a tomar en serio a desobediencia ao marco imposto dende Bruxelas", concluíu.
"Debemos poñer sobre a mesa unha idea diferente de Europa e asegurar unha soberanía popular que permita a democracia. Temos que colocar enriba da mesa como os tratados nos dificultan a vida"
Tamén Rola apostou por "poñer sobre a mesa unha idea diferente de Europa e asegurar unha soberanía popular que permita a democracia". "Temos que colocar enriba da mesa, en concreto, que os tratados nos dificultaron a vida. Vimos os obstáculos que tivo Grecia, demostrándose que o modelo europeo non permite neste momento que un país dea respostas ao que a súa cidadanía demanda. Tamén en Portugal tivemos nos últimos tempos varios conflitos coas institucións europeas, pero de menor intensidade", dixo.
Identidade ou redistribución?
"Non temos que escoller entre representación e redistribución. O movemento feminista está resolvendo ben esta cuestión, como se viu na folga do 8M"
A esquerda europea vive nos últimos tempos varios debates sobre que estratexia adoptar para conformar maiorías sociais e dar resposta ás situacións de desigualdades. Voces que denuncian que se concede máis importancia a demandas identitarias (feminismo, dereitos das persoas LGTBI...) que á resposta ás necesidades materiais. E, de igual xeito, debates internos (nomeadamente en Alemaña) mesmo sobre a conveniencia de fixar un discurso máis duro sobre a inmigración. Tanto Urbán como Rola rexeitaron a utilidade destes debates formulados de forma tan simplista, rexeitando "elixir entre identidades oprimidas e clases oprimidas". "Non temos que escoller entre representación e redistribución. O movemento feminista está resolvendo ben esta cuestión, como se viu na folga do 8M", concordaron.
Urbán criticou "a permeabilidade dos discursos da extrema dereita dentro dos partidos de esquerda" que se está dando nalgúns lugares. "Plantéxase que a extrema dereita soubo conquistar a alma e o corazón das clases populares, asumindo que a clase obreira se volveu racista da noite para a mañá. Eu sublévome contra esa idea. Hai que defender a tradición solidaria e internacionalista da clase obreira, que sempre se levantou contra a xenofobia. A realidade é que o voto da clase obreira vai máis para a abstención que para a extrema dereita. E vémolo tamén nos EE.UU. e Brasil, onde Trump e Bolsonaro non gañaron entre as clases populares", dixo. E, de igual xeito, Rola cualificou de "simplista e perigoso para a esquerda" esta posición "por estarmos a contribuír a un discurso que neste momento é hexemónico, o da xustificación da desigualdade". "Non é un discurso anticapitalista, non pon o foco en quen fica coa maior parte dos recursos", concluíu.
"A esquerda ten un perigo de moderación en momentos políticos que non son moderados. Hai que volver falar de nacionalizar sectores estratéxicos e de intervir social e medioambientalmente a economía"
"Nunca máis guerras entre o último e o penúltimo. Hai que sinalar os culpables da crise", resumiu Urbán. "A esquerda debe volver ter un discurso impugnador, un discurso anti-elites, un discurso que non se pode moderar. A esquerda ten un perigo de moderación en momentos políticos que non son moderados. Hai que volver falar de nacionalizar sectores estratéxicos e de intervir social e medioambientalmente a economía. O gran problema da esquerda é que nos normalicen, que sexamos un partido más", engadiu.
As posibilidades reais dun ascenso da extrema dereita en España e Portugal
Existe un risco real de que no Estado Español ou Portugal vexamos a aparición dun partido de extrema dereita homologable ás que existen noutros países da UE, como Austria, Italia, Suecia, Francia ou Alemaña, cun 20% dos votos? Ou o risco é que con menos apoio social unha formación política de ultradereita poida definir a axenda e o relato dos restantes partidos de dereita? Maria Manuel Rola destacou que en Portugal "a maioría de esquerdas e a aplicación dunha serie de medidas políticas que conseguiron avances contra a pobreza, a pobreza enerxética, melloras nas pensións ou a maior suba do salario mínimo" funcionaron como vacina contra a extrema dereita. Con todo, alertou do risco de "contaxio dende Brasil", trala vitoria de Bolsonaro e dada a relación directa entre os dous países. "Estamos vendo xa casos de fake news e de utilización das redes sociais para a construción dunha narrativa moi dirixida contra a esquerda", comentou.
"O perigo non é tanto que un partido de ultradereita poida acadar un 20% de todo, senón que unha forza pequena como Vox cun 3% ou un 5% poida marcar a axenda política do conxunto da dereita española, de PP e Ciudadanos, e do propio PSOE no goberno"
"A actual fragmentación da dereita española, por primeira vez dende a Transición, abre unha nova fiestra de oportunidade para o nacemento dunha forza de ultradereita homologable a fenómenos que estamos a ver noutros países europeos", sinalou pola súa banda Urbán, que subliñou que "o perigo non é tanto que un partido de ultradereita poida acadar un 20% de todo, senón que unha forza pequena como Vox cun 3% ou un 5% poida marcar a axenda política do conxunto da dereita española, de PP e Ciudadanos, e do propio PSOE no goberno". "Xogámonos moito nas eleccións de dentro dunhas semanas en Andalucía", engadiu.
"O gran problema de Vox é a competencia entre Casado e Rivera para ver quen é máis de extrema dereita, a ver quen lle compra máis o seu discurso sobre Cataluña ou sobre a inmigración. Vox non vai gobernar, pero si pode condicionar políticas de goberno. Cando se merca o discurso da extrema dereita, o que se fai é normalizala e poñer bases para que creza", concluíu.