O rural é unha forma de lecer que, aínda que non o pareza, é profundamente revolucionaria
No verán, o ritmo frenético e asfixiante da cidade experimenta un freazo en seco. No medio dos pitidos do tráfico ou do son do teclado da oficina, o rural ábrese como un sopro de aire fresco ao que, chegado o 1 de agosto, todos buscamos fuxir. Empaquetamos o esencial (roupa de baño, montañas de libros...), montamos no coche e pomos rumbo ás nosas correspondentes aldeas co fin de cumprir o noso desexo estival: descansar.
Pola outra banda, o rural, cuxa imaxe de nai disposta a acoller nos seus mornos brazos aos fillos da diáspora está máis que instaurada no noso imaxinario colectivo, ofrece ante os nosos ollos o que nós, sumidos no esgotamento, vemos coma unha paisaxe case idílica: natureza, colectividade e dispor do tempo de seu. As estreitas rúas énchense de bicicletas, percorremos as aldeas do arredor en busca de verbenas e reencontrámonos con curmáns de curmáns no medio das festas porque, no fondo, aquí todo o mundo se coñece.
Este fluxo masivo de persoas ao medio rural durante o periodo vacacional mostra unha forma de lecer que, aínda que non o pareza, é profundamente revolucionaria. As nosas casas de pedra ancestrais, as nosas leiras e a nosa desconexión total da rutina da cidade conforman unha burbulla que, malia que só sexa por un mes ou unha quincena, escapa por completo das dinámicas do capitalismo urbanita. As aldeas, e con elas os pobos, técense utilizando fíos que as urbes non poden enfiar; entre nós pesa o agrupamento, a solidariedade veciñal e a tranquilidade. Fronte a unha vida repleta de présa, dun tempo propio carcomido polo traballo, no rural atópase un espazo para a reflexión, para a observación, para a creatividade e para o aburrimento, no que xerminan algunhas das ideas, proxectos ou esperanzas que levaremos con nós o resto do ano.