Doutra volta os tractores deixan a labranza dos eidos polo asfalto negro das estradas do país (cruel metáfora). Ao compás da Tratorada que cantaban os Rastreros de Chantada van marchando nunha ringleira infinita coma se dunha procesión fúnebre se tratase. Semella iso. O enterro do rural. Non son pastores a Belén – parafraseando a estampa de Castelao – son labregos loitando por un futuro que se ve incerto. Porque a crise actual, mal chamada do sector lácteo, é de fondo calado, estrutural, ataca á raíz coma a seca que veu sumarse tamén á agonía dos labregos.
É falso que os labregos fosen historicamente pasivos, indiferentes axentes antes os paus que lles mallaban o lombo
Este non é un capítulo máis desa particular longa noite de pedra que ven cubrindo co seu manto de morte o campo galego, dende xa hai décadas. Unha Historia labrada a por de labazadas que as xentes do rural foron resistindo cunha dignidade de xigante, a que só dá o saberse herdeiro dunha cultura milenaria. É falso que os labregos fosen historicamente pasivos, indiferentes axentes antes os paus que lles mallaban o lombo. As loitas de comezos de século a prol da redención duns xa tardíos foros, o asociacionismo agrario en cada parroquia (si en cada parroquia) que perdurou ata a República e que nutriu pola base moitos dos apoios do Partido Galeguista, o apoio social aos guerrilleiros na posguerra que permitiu facer do noso territorio o último bastión da resistencia ao réxime (O Piloto, último guerrilleiro asasinado en España), son feitos a ter en conta.
Incluso cómpre desbotar ese tópico tan recorrente que fala da suposta submisión do rural ás políticas do franquismo. Tópico arraigado especialmente en certos contextos urbanos que semellan non entender que as lóxicas e dinámicas da resistencia (pasiva ou activa) son diferentes en ámbolos dous espazos. Si houbo resistencia no rural. Véxase; a negativa a entregar parte da produción agraria ante as requisas (revolta do Saviñao), a rede de comercio negro á marxe do control do réxime, a escasa capacidade de convocatoria que tiñan os mitins da Falange, a policía rural e as iniciativas cooperativas no marco das Irmandades Sindicais… Un interesante traballo da historiadora Ana Cabana titulado la La derrota de lo épico pon de manifesto a necesidade de desterrar esa errada imaxe do labrego resentido e impotente.
E a resistencia continuou na Democracia, e aí están as masivas mobilizacións de finais dos oitenta cando a aplicación da PAC. E aquí onde se atopa o xerme da crise estrutural que padecemos hoxe. Na aposta por un modelo de suposta modernización en base á produción intensiva concentrada, ao xeito do novo mercado neoliberal. Tratouse dun proceso violento de tránsito cara os novos tempos no que o rural galego foi a tombos, lastrado (ou quizais se tratase dun mecanismo indirecto de resistencia?) por ese tan repetido atraso baseado nun modelo minifundista, do pequeno, máis sostible pero menos rendible en termos capitalistas.
Eran os tempos de abrise a Europa, de mercar tractores, da concentración parcelaria que aquí remataría con escaso éxito, pois doutra volta pesa máis a tradición, a cultura ao fin, có modelo imposto de fóra
Eran os tempos de abrise a Europa, de mercar tractores (amarelos, para maior gloria, dicía a canción), da concentración parcelaria que aquí remataría con escaso éxito, pois doutra volta pesa máis a tradición, a cultura ao fin, có modelo imposto de fóra. Velaí outra forma de resistencia aínda que a cotío a asociemos a posicións e mentalidades arcaicas ou retrógradas.
Podemos dicir que a reconversión neoliberal do rural galego de finais do século pasado, foi ao noso xeito. Así, ao lado de grandes estabulacións con centos de animais en produción e coa máis vangardista tecnoloxía, conviven centos de pequenos e medianos produtores (unha maioría en retroceso) a medio camiño entre o modelo tradicional e o industrial. É deste xeito polo que aínda hoxe vemos (nunha senlleira estampa de país) vacas pastoreando nunha paisaxe de minifundio, e iso, por moito que nos empeñásemos daquelas (e así o aconsellaban políticos e subvencións europeas) en asemellarnos aos terratenentes de Castela ou do norte de Europa.
En parte “tragamos” co modelo neoliberal e en parte non. E así é como resulta un modelo sincrético, orixinal galego, que non se acaba de axustar ás dinámicas do mercado europeo, porque en realidade nunca respondeu a esa lóxica. Trátase dun modelo foráneo que se quixo importar, un copia e pega á europea que non atopou adecuado acubillo no noso país.
Hai infinidade de exemplos; costumes, prácticas, usos, falares… herdados do modelo rural tradicional e que persisten no presente pese aos envites do vendaval dos novos tempos do “Progreso”. Non son sinais dun atraso histórico, senón trazos definitorios dunha cultura de longo percorrido, que se resiste a esmorecer, a ser colonizada a forza de impoñer un modelo intensivo de produción.
No marco desta brutal reconversión, pouco se falou da aposta por explotacións sostibles, menos contaminantes en canto a xurros e abonos químicos, autosuficientes e renovables no plano enerxético, que apostasen por mercados locais/rexionais, con produtos de proximidade e calidade (onde incluso se pode dar o diálogo produtor-consumidor), con prezos dignos que permitan vivir lonxe das arbitrariedades do mercado neoliberal. Explotacións familiares ao xeito tradicional, o que en realidade e ben pensado, é o único xeito de garantir o relevo xeracional e o futuro. Só nos últimos anos se comezou a falar de novo destas cuestións.
Confiemos na resistencia histórica do rural. Acollamos no peito a Espranza coma Celso Emilio. Creamos no futuro do agro, do noso leite
Porque quero crer que si hai futuro. Máis alá dos caciques das empresas leiteiras e da distribución especuladora no contexto da fin das Cotas Lácteas. Máis alá das terras a ermo que se volven inflamable combustible en cada verán. Confiemos na resistencia histórica do rural. Acollamos no peito a Espranza coma Celso Emilio. Creamos no futuro do agro, do noso leite, se xa o dicía Xabarín: O leite mola, Oink!