Teño unha libretiña negra, desas que son algo hipsters, coa súa goma por fóra para que non se abra. Nese caderno hai unha folla na que anoto temas dos que me apetece escribir coa idea de darlle tempo aos miolos de facer a dixestión reflexiva. Hai tempo que está anotada a frase que titula este breve texto: O machismo estrutural da TVG.
Na nosa televisión pública o factor feminino non cotiza moito, semella máis ben un atranco para progresar profesionalmente. Nunha rápida ollada o prime time da Galega temos claro que é un todopirolos.
Hoxe foi o día de recuperar esa idea desde o noxo e a carraxe, persoal, profesional e humana.
Non sei se caeron na conta máis na nosa televisión pública o factor feminino non cotiza moito, semella máis ben un atranco para progresar profesionalmente.
Nunha rápida ollada o prime time da Galega temos claro que é un todopirolos. Sei que poden argumentar que o Telexornal, o Zig zag ou A Revista son presentados por mulleres, certo, mais déixenme contarlles un segredo. A TVG, coma case todas as teles, divide a súa programación en dúas grandes taxonomías: servizos informativos e programas. Os informativos fanse con medios e persoal propios, en troques, os programas fanse a través de subcontratacións –opacas e dixitais, é dicir, a dedo– a outras produtoras.
Isto é así porque a Lei 11/2009 dos Medios de Comunicación de Galiza di no seu Artigo 5.5: A realización e a edición dos servizos informativos non poden ser cedidas a terceiros. Porén, todo o que non pertenza, segundo a dirección da casa, aos servizos informativos está externalizado. É dicir, precarizado.
Os informativos fanse con medios e persoal propios, en troques, os programas fanse a través de subcontratacións –opacas e dixitais, é dicir, a dedo– a outras produtoras. Todo o que non pertenza aos servizos informativos está externalizado. É dicir, precarizado
Así que xa podemos establecer unha diferencia fundamental, parte da programación faise na «casa» o que facilita o control por parte de, por exemplo, os sindicatos e o Comité de Empresa.
Tres son os presentadores estrela de programas (estrelas non por profesionalidade, da que non dubido, senón por salario), o incombustíbel Gayoso, o supervivente Piñeiro e o… e o… o Roberto Vilar.
O Gayoso no Luar sempre tivo (polo menos) unha co-presentadora, dirán vostedes. Tamén é certo. Sen embargo miren que casualidade que nunca duran máis de unha ou dúas tempadas (hai algunha excepción mais se non lembro mal creo que o máximo foron cinco), por que será? Se foramos malpensados, que non somos, poderiamos deducir que a alguén non lle interesa ter mulleres moito tempo e que se asenten no programa e fagan sombra ou poidan chegar a substituír ao gran tótem da televisión galega no favor da audiencia ou da dirección do ente público. Será iso?
O Tonecho expuxo a unha muller a unha situación de violencia e de perigo para a súa integridade. E por se non abondara, co aplauso e os vítores dunha señora de fóra que pasaba por alí a por un bó cheque e a amosar que para ela a sororidade debe ser unha marca de colonia
O Bamboleo, outro deses produtos de dubidoso interese que pagamos a escote, foi presentado por un tempo por unha muller, Lucía Regueiro, durante unha longa baixa laboral do presentador titular, Piñeiro. En canto este se recuperou ela desapareceu do programa e mesmo da canle. Por certo, se lembran, o Supermartes xa tiña unha muller á que non deixaron despregar as ás, Nelly Fernández, tamén desaparecida das pantallas.
Roberto Vilar (me dicen la bien pagá) presenta ou o que sexa que fai alí, dous programas. Un polas tardes, a gran aposta fallida do Xefe de Contidos, feito por unha produtora madrileña con gran orzamento, que nunca cumpriu as expectativas, nin de audiencias nin do resto, no que un bo presentador, home, ten que apandar cun mal presentador, home. Que coma di o dito, un leva a auga e outro a fama… e o parné. Máis do mesmo, puro pirolismo catódico.
O outro programa no que fai cousas é o que ten nome de coche, outra infamia televisiva. Alí tamén hai unha muller á que teñen para… para… para facer… para estar alí. Nese programa, no que coa escusa do humor, se manipula un país (lembren a participación estelar de Alberto dos Peares) é usual que traian convidados e convidadas. As de fóra cobran mellor. As mulleres póñenas a interpretar só determinados tipos de papeis e roles que podemos considerar, por non ser moi bastos, estereotipos vulgares trasnoitados, groseiros, machistas e as máis das veces violentos contra a muller. Foi no que onte, o Tonecho, expuxo a unha muller a unha situación de violencia e de perigo para a súa integridade. E por se non abondara, co aplauso e os vítores dunha señora de fóra que pasaba por alí a por un bó cheque e a amosar que para ela a sororidade debe ser unha marca de colonia.
O sucedido debería ter consecuencias inmediatas, para o programa e para o pintamonas mais tamén para que alguén, dunha vez nesa santa casa, saque a cabeza do cu e aproveite para darlle unha volta a esta deriva cosmopaleta e machista da TVG
Os que tivemos a desgraza de coñecer moi de preto casos de violencia contra a muller, pónsenos a pel de galiña ao ler nos xornais o sucedido onte nunha canle pública. O sucedido debería ter consecuencias inmediatas, para o programa e para o pintamonas mais tamén para que alguén, dunha vez nesa santa casa, saque a cabeza do cu e aproveite para darlle unha volta a esta deriva cosmopaleta e machista da TVG. Por desgraza estou convencido de que non pasará nada e que na maioría dos xornais non se escribirá nada, porque saben como se financian case todos? Con produtoras audiovisuais.
Son só tres exemplos, porque podemos facer a mesma reflexión coas series de ficción ou mesmo cos programas informativos mais iso quedará para outra vez.
O tratamento que a TVG dá ás mulleres é infame e despectivo, no social, no laboral, no artístico e sobre todo no económico.
Canto tempo imos aturar estes medios públicos ridículos, inxustos, manipulados, insolidarios, opacos, casposos, autoritarios, caciquiles e antigos?
Machismo que comeza no papel que se lles outorga, continúa no trato e finaliza na precariedade laboral e económica. Por certo, canto lle pagarían a señora Moreno por participar no programa?
Canto tempo imos aturar estes medios públicos ridículos, inxustos, manipulados, insolidarios, opacos, casposos, autoritarios, caciquiles e antigos?
Remato co artigo 4 apartado f da Lei 9/2011 dos Medios de Comunicación Audiovisual de Galiza, esa que a dirección da Corporación non leu ou non entende:
f) A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista.