Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio marcados por Nacións Unidas para o período 2000-2015 trouxeron importantes avances na igualdade de xénero a nivel mundial, especialmente no acceso ao Ensino Primario. No entanto, as mulleres e as nenas seguen sufrindo discriminación e violencia en todos os lugares do planeta, polo que foi preciso que nos novos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados polos Estados membros da ONU se dedicase un deles a avanzar nesta loita. Deste xeito, o ODS 5 avoga por “lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar todas as mulleres e nenas” no horizonte de 2030 e queremos lembralo neste 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
Estímase que o 35% das mulleres de todo o mundo teñen sufrido violencia física ou sexual. Ademais, 49 países carecen de leis que protexan ás súas habitantes da violencia machista. De igual modo, aínda que van diminuíndo prácticas nocivas coma os casamentos infantís e a ablación, que caeu un 30% na última década, case 15 millóns de rapazas menores de 18 anos contraen matrimonio cada ano, é dicir, unhas 37.000 ao día. Así mesmo, uns 133 millóns de nenas e mulleres teñen sufrido algunha forma de mutilación xenital nos 29 países de África e Oriente Medio onde esta mala praxe é máis habitual. Aplicala conleva un alto risco de hemorraxia, infeccións prolongadas (mesmo por VIH), complicacións posteriores no parto, infertilidade e ata a morte.
Persoas, colectivos e institucións estamos chamadas a combater a violencia de xénero na nosa contorna inmediata, onde segue moi presente, pero tamén en calquera lugar do mundo onde unha muller estea a ser discriminada.
Persoas, colectivos e institucións estamos chamadas a combater a violencia de xénero na nosa contorna inmediata, onde segue moi presente, pero tamén en calquera lugar do mundo onde unha muller estea a ser discriminada. Os municipios e deputacións de Galicia, coma o Concello de Ponteareas, podemos facelo sumándonos ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede a través da que un cento de administracións locais e provinciais concentran os seus esforzos para impulsar proxectos de desenvolvemento nos países do Sur e actividades de sensibilización en Galicia. Actividades como os contos e obradoiros da Tropa de Trapo que o vindeiro 14 de decembro chegarán ao Auditorio ‘Reveriano Soutullo’, dentro do Plan de Igualdade municipal, e aos que asistirá alumnado da vila. Á proposta súmanse outras coma os concertos do grupo de caboverdianas ‘Batuko Tabanka’ ou as exposicións itinerantes, que os concellos socios poden acoller de balde.
A igualdade de xénero é unha constante transversal tanto nas actividades de concienciación coma nos proxectos de cooperación do Fondo Galego, se ben noutros supón o eixo central
A igualdade de xénero é unha constante transversal tanto nas actividades de concienciación coma nos proxectos de cooperación do Fondo Galego, se ben noutros supón o eixo central. Así acontece co programa que nestes intres se executa canda a Fundação Encontro en Mozambique para previr doenzas, adiccións e embarazos precoces na mocidade a través do deporte, creando equipos de fútbol e atletismo nos que se incentiva a participación e liderado das rapazas. O mesmo sucede cos pequenos sistemas de abastecemento de auga financiados na vila mozambicana de Nhamayábue co fin de evitar mortes polos ataques de hipopótamos e crocodilos no río Zambeze, sobre todo entre as donas, que son habitualmente as encargadas de encher os bidóns e lavar a roupa. Cabo Verde é outro dos países onde na última década se centrou o traballo do Fondo Galego para fomentar a igualdade, con accións para rehabilitar as vivendas de familias encabezadas por mulleres, establecer plans municipais de equidade de xénero ou incrementar a presenza feminina nas listas electorais.
Nos parlamentos de 46 países, as mulleres ocupan na actualidade máis do 30% dos escanos, cando menos nunha das cámaras. No eido laboral, as mulleres gañan de media un 24% menos que os homes. Son só algunhas porcentaxes nas que cómpre ir mellorando, porque a igualdade de xénero resulta básica para acadar un mundo pacífico e próspero, polo que é preciso garantila no acceso á educación, á atención médica, a un traballo decente e á representación nas instancias políticas e económicas onde se toman as decisións.
Publicidade