Esta semana sentín ese medo paralizante que provoca recibir a agresividade e o odio da ultradereita no teu corpo. Tiven que ir ata Roma para experimentar o sinalamento de quen dispara o seu odio a berros para quen poida escoitalo.
Esta semana sentín ese medo paralizante que provoca recibir a agresividade e o odio da ultradereita no teu corpo
Coas temperaturas marcando máximos en Europa, foi nun ateigado autobús romano onde escoitamos a dúas persoas ameazar a cataláns e vascos porque cando chegasen “os seus” ao Goberno de España ían ter consecuencias por esas aspiracións independentistas. O home maior, que dirixía o discurso, referiuse tamén aos galegos, que desde o seu punto de vista tiñan menos pecado, pero xa se lles estaba pegando iso da independencia.
E onde estaba o principal problema? Pois nas linguas. Obvio. Cando gobernen “os seus” acabouse falar catalá, euskera, galego e todas as outras que tamén lles din linguas. Todas salvo o español, claro. Defender a nosa cultura é estar manipuladas, dixo, para ameazar con que se chegaban ao poder non volveriamos traballar na nosa lingua. “Eu vou votar a Vox”, anunciou nun berro que escoitou todo o autobús. “Non tiñamos ningunha dúbida”, respostamos.
Nunca escribo artigos de opinión porque considero que o que se agarda de min é contar o que lle pasa a outras. Mais esta vez considero que urxe ser unha máis que chama a votar este 23X
Eu, que falei máis galego en Madrid que na miña adolescencia en Vigo, que vin grupos neonazis ao meu carón durante a etapa universitaria e sempre marchei a tempo, que repetín mil veces o meu discurso de que tiñamos que converter Galicia nunha illa para separala da Península co obxectivo de facer rabiar a quen trataba de menosprezarme por ser “de provincias”, esta vez tiven medo.
Non comparo este medo co de ninguén. Nin o poño por enriba de ningún outro. Pero creo que hai que compartir este medo polas persoas en situacións máis vulnerables que non poden facelo.
Estes días vexo como a careta de Feijóo cae ao meu arredor, pero sei o rápido que se lle dá a volta ao ‘relato’ con cartos e poder.
Nunca escribo artigos de opinión porque considero que o que se agarda de min é contar o que lle pasa a outras, o que nos pasa a todas, pero non en primeira persoa. A miúdo elaboro parágrafos enteiros na miña cabeza deses artigos imaxinarios, que probablemente tampouco cheguen a existir pola maldita síndrome da impostora. Mais esta vez considero que urxe ser unha máis que chama a votar este 23X.