O meu querido Uruguai volve ao rego da solidariedade

Verónica Piñeiro Rodríguez CC-BY-SA Santiago Mazzarovich

Coido que o triunfo da Fronte Ampla na patria de Artigas foi posible porque os seus cidadáns aínda manteñen un elevado índice de sensibilidade social

Moito é o que me doe ver que na xenerosa terra arxentina elixiron a un mandatario para estragar o que fixo da patria de San Martín un acolledor lugar onde abrían as portas para que as familias galegas erguesen o seu futuro nas beiras do Prata. Non se entende que instalen no poder a un grupo de sinvergonzas que ofenden aos esforzados avós que suaron na procura dunha mellor educación, sanidade e convivencia social para os seus descendentes.

En cambio, alégrame moitísimo que cruzando o Río da Prata deixen atrás cinco anos de coimera escuridade pola actividade ilícita dunha dereita corrupta que se adicou a favorecer aos máis ricos e a empobrecer a maoiría da poboación. Na miña querida República Oriental do Uruguai recuperouse a cordura pois coido é parte da esencia frenteamplista. Coido que o triunfo da Fronte Ampla na patria de Artigas foi posible porque os seus cidadáns aínda manteñen un elevado índice de sensibilidade social. Hai que darlle máis voltas ao asunto xa que esta diferencia con Arxentina, máis alá do fútbol de Peñarol e Nacional, é clara a pesar de compartir a herdanza que deixaron tanos e gayegos.

José Batlle y Ordóñez Dominio Público

Os apelidos dos presidentes de ambos os dous países son italianos pero os seus portadores son moi distintos. Non ten ningunha importancia a determinación da orixe xeográfica, é dicir se eran “polentoni” ou “terroni” xa que despois de cruzar o mar, os desprazados adoitan o irmanamento dos seus corazóns. Nas dúas capitais riopratenses temos asentados a milleirros de descendentes de emigrantes europeos pero penso que é necesario razoar un pouco para entender a miña categórica afirmación de que no Uruguai non tería éxito un candidato semellante ao actual presidente arxentino. Aínda que os votantes son moi semellantes na súa composición étnica (en Uruguai con máis presencia de negros e na Arxentina de pobos orixinarios) nunca se chegaría ao grandísimo erro de votar a un desquiciado delincuente.

A miña feliz experiencia da infancia e xuventude na capital uruguaia (cheguei alí con cinco anos) e as miñas visitas a familiares en Buenos Aires e Córdoba, permiten o achegamento a unha cancha que teño ben presente na miña memoria. Atopo a fundamentación de que o Uruguai está a salvo de falsos profestas, no seu pasado institucional de décadas de gobernos saídos das urnas. O cidadán acostumouse a que as ideas non se impoñen e deben ser defendidas por medio da participación política. Non estou a dicir que desde 1830 foi un camiño de rosas pero o certo é que en século e medio de historia, son minoritarios os períodos de autoritarismo ou dictadura.

Para entender que Arxentina estea afundida na intolerancia mentras no Uruguai vólvese a percorrer un roteiro de esperanza, temos que centrar a vista nas datas de 1903 e 1946 que foi cando chegan a presidencia Batlle e Perón

Na República Arxentina, desde a independencia, a inestabilidade foi a norma. Ademais debemos de ter en consideración un feito que coido marca a diferencia entre arxentinos e uruguaios. O que considero é o máis importante acontecemento político do Uruguai producese no comezo do século XX nas presidencias de Xosé Batlle e Ordóñez (1903-1907/1911-1915) e na Arxentina ten lugar entre 1946 e 1955 co presidente Xoán Domingo Perón. Son dous exemplos de estadistas que buscan a xustiza social mediante un cambio político que implemente unha mellor distribución da riqueza social. Por suposto que as figuras de Batlle e de Perón son diferentes pero coinciden en que ambos os dous son defensores dos intereses nacionais e que os dous queren acabar cos gobernos ao servizo dos estancieiros (terratenentes gandeiros) vende-patria.

Juan Domingo Perón Dominio Público

No Uruguai, os que non son batllistas (agora os auténticos son frenteamplistas) non odian aos que o son. En cambio, na Arxentina, o anti-peronista é un odiador irracional que como non ten freos é utilizado pola dereita para evitar que o demo peronista gañe as eleccións.

Para entender que Arxentina estea afundida na intolerancia mentras no Uruguai vólvese a percorrer un roteiro de esperanza, temos que centrar a vista nas datas de 1903 e 1946 que foi cando chegan a presidencia Batlle e Perón. Aquí é cando me deteño a reflexionar sobre o moi importante efecto deses case 50 anos de adianto dos uruguaios. Poida que sexa este medio século de normalidade institucional o que fixo aos uruguaios máis dialogantes e moi escépticos diante de propostas que se promoven como produtos de inmellorable oferta. O batllismo enraizou na sociedade uruguaia a pesar de que a partir de Pacheco Areco foise desdebuxando pero o peronismo foi atacado como se dunha enfermidade se tratase e o resultado foi que o peronismo vai máis alá de calquera ideoloxía e convertiuse nun sentimento que move a millóns de arxentinos. No Uruguai, os que non son batllistas (agora os auténticos son frenteamplistas) non odian aos que o son. En cambio, na Arxentina, o anti-peronista é un odiador irracional que como non ten freos é utilizado pola dereita para evitar que o demo peronista gañe as eleccións.

O vindeiro domingo 11 de maio celebranse eleccións municipais e quero pedir o apoio da colectividade para lograr que Verónica Piñeiro Rodríguez sexa a próxima intendenta (alcaldesa) municipal de Montevideo. A candidata é bióloga de profesión e filla dun emigrante de Redondela (Pontevedra) e dunha montevideana filla de galegos

Se algo quedou claro é que unha maioría de electores uruguaios escolleron voltar ao camiño da solidariedade despois de sufrir o desprezo dun goberno neoliberal que empeorou e estragou todo pois optou por enriquecer aos que máis teñen en lugar de mellorar o nivel de vida dos máis desfavorecidos. Aínda que os mercenarios mediáticos repetían a cotío que se estaba mellor, foron moitos os que fixeron as contas sen unha venda nos ollos. Un goberno que é incapaz de manter axeitadamente os hospitais construídos polo anterior goberno é merecente da reprobación do electorado. Pero se ademais cerra e liquida e pecha unha sociedade mutualista como a gran Casa de Galicia para levarse unha saborosa coima dos seus amigos do Círculo Católico, entón, gañouse unha forte patada no cu ou traseiro.

A perda da Casa de Galicia entristeceme moito e faime subir a temperatura cando penso que houbo gallegos e gayegos (os descendentes) que apoiaron ao presidente blancobarato que estafou miserablemente aos herdeiros dos honrados emigrantes que con esforzo e teimosía fundaron unha sociedade na que fosen atendidas as necesidades de saúde, cultura e ocio. O vindeiro domingo 11 de maio celebranse eleccións municipais e quero pedir o apoio da colectividade para lograr que Verónica Piñeiro Rodríguez sexa a próxima intendenta (alcaldesa) municipal de Montevideo. A candidata é bióloga de profesión e filla dun emigrante de Redondela (Pontevedra) e dunha montevideana filla de galegos. Vai sendo hora de volver a ter na fronte da intendencia máis importante do país a un descendente de Galicia. O anterior foi o moi eficaz arquitecto Mariano Arana Sánchez que era fillo de nai nacida no concello de Arteixo (A Coruña). É unha oportunidade para que a colectividade se mova para empurrar a favor dunha persoa de recoñecida profesionalidade e calidade humana. Forza Verónica!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.