O castelán ten maioría de falantes en Galicia, pero o galego tamén. O último Censo de Poboación e Vivendas do ano 2021 infórmanos de que a maioría (o 64%) das persoas residentes en Galicia falan castelán coa familia sempre ou frecuentemente. Pero tamén nos di que outra maioría (o 57%) falan sempre ou preferentemente galego. E imos xa polo 121%! Para que logo digan algúns que Galicia non é un “sitio distinto”.
O último Censo de Poboación e Vivendas do ano 2021 infórmanos de que a maioría (o 64%) das persoas residentes en Galicia falan castelán coa familia sempre ou frecuentemente. Pero tamén nos di que outra maioría (o 57%) falan sempre ou preferentemente galego
O INE (Instituto Nacional de Estatística) nunca preguntou moi ben sobre o uso das linguas cooficiais. En edicións anteriores do censo facíase una pregunta con tres opción de resposta: “sempre”, “ás veces” e “nunca”, metendo así nun impreciso “ás veces” a todos os que non se situaban nos extremos. Na edición de 2021 engadiron unha opción máis: “frecuentemente”. Isto é unha pequena mellora, pero é unha mágoa que non adoptasen á formulación que ven sendo habitual dende hai décadas nas mellores enquisas sobre o uso das linguas oficiais nas comunidades bilingües: unha soa pregunta coas opcións de resposta “só A”, “máis A que B”, “máis B que A”, “só B”.
En vez diso, o cuestionario de 2021 fai preguntas por separado para cada lingua, as oficiais e outras, posibilitando así a escolla da opción “sempre” varias veces, tantas como linguas sexan pertinentes para o enquisado até un máximo de seis; ou como mínimo posibilitando a escolla de opcións diferentes a “nunca” tras ter escollido “sempre” nalgunha lingua. O sentido común dinos que se hai un 43,4% de individuos que falan “sempre” en castelán na familia, debería haber como mínimo a mesma porcentaxe de individuos que “nunca” o fan en galego (porque o fan sempre en castelán). ¿Ou non? Pois non ocorre así: hai só o 18,3%, así que valoren os lectores como lles pareza a calidade dos datos.
O INE nunca preguntou moi ben sobre o uso das linguas cooficiais. En edicións anteriores do censo facíase una pregunta con tres opción de resposta: “sempre”, “ás veces” e “nunca”, metendo así nun impreciso “ás veces” a todos os que non se situaban nos extremos. Na edición de 2021 engadiron unha opción máis: “frecuentemente”
A finalidade desta parte do cuestionario xa non é saber canto se usan as linguas cooficiais nas comunidades que as teñen, senón saber, en primeiro lugar, canto se usa o castelán en España e como se integran nel os inmigrantes con outra lingua de chegada. Un segundo obxectivo moi meritorio é coñecer os recursos lingüísticos do país. Agora podemos saber, por exemplo, cantas persoas poden falar ben inglés, árabe, etc., ou cantas o teñen como lingua preferente do fogar, no traballo, ou cos amigos. Bo indicador dese obxectivo é o feito de que nos titulares da primeira nota de prensa do INE sobre os resultados se resalte que o inglés é a segunda lingua máis falada en España, á que se lle atribúe un 24,6%, dato corrixido no texto á baixa (14,6%) e referido na realidade á porcentaxe de xente que sabe falalo ben, e non á que o fala habitualmente na familia.
A presentación das preguntas no cuestionario prima claramente o castelán: é a lingua que aparece en primeiro lugar, e tamén é a única etiquetada co seu nome. A partir de aí xa non hai nomes, e son os enquisados os que teñen que ir seleccionando linguas dunha lista na que o galego aparece xunto co inglés, o romanés, o árabe, etc.
A presentación das preguntas no cuestionario prima claramente o castelán: é a lingua que aparece en primeiro lugar, e tamén é a única etiquetada co seu nome
Que valor pode ter, nestas condicións, comparar o uso do galego co do castelán? Moi pouco, e o mesmo lle pasa ao catalán e demais linguas cooficiais. Posto que é a primeira vez que se fai esta pregunta separada sobre o castelán, non se pode comparar con anos anteriores. Xa que logo, o máis prudente a efectos da interpretación dos resultados é prescindir dela e aproveitar só a pregunta sobre o galego, pois é a única que permite unha comparación con censos anteriores, aínda que non perfecta por ter pasado de tres a catro opcións de resposta.
É previsible que algún día non moi afastado o castelán supere ao galego como lingua habitual en Galicia: a distribución por idades non deixa lugar a dúbidas. Pero non chegou aínda ese momento, xa anunciado en varias ocasións anteriores por cronistas e agoireiros inducidos á confusión por datos cativos
Semella razoable –aínda que non sen certas dúbidas – asimilarmos “frecuentemente” a “máis galego que castelán”; e tamén “ás veces” a “máis castelán que galego”, xa que, debidamente flanqueada, a opción “ás veces” perde gran parte da ambigüidade que tiña en censos anteriores. Admitido isto, as cifras do último censo aseméllanse moito ás das dúas últimas enquisas do IGE, nos anos 2013 e 2018.
Sen contar aos nacidos no estranxeiro, son case o 60% os usuarios habituais do galego na familia. Cando se dean a coñecer todos os datos publicables será posible indagar máis polo miúdo, como ver o que ocorre coa poboación nacida en Galicia.
É previsible que algún día non moi afastado o castelán supere ao galego como lingua habitual en Galicia: a distribución por idades non deixa lugar a dúbidas. Pero non chegou aínda ese momento, xa anunciado en varias ocasións anteriores por cronistas e agoireiros inducidos á confusión por datos cativos.