O moi rápido crecemento da pobreza no Uruguai

CC-BY Andrea Mazza

Os namorados da República Oriental do Uruguai sentimos moita tristeza de ver que o fermoso espazo verde da beira riopratense caeu nas mans corruptas dun goberno que practica o máis discriminador neoliberalismo da rexión sudamericana. Poida que sexa peor no Brasil pero o mandatario brasileiro é admirado polo presidente Lacalle Pou. Que me estás dicindo? Pois que así temos a explicación de que cada fin de semana ingresen ducias de autobuses de turistas brasileiros que veñen facer compras nos departamentos fronteirizos de Artigas, Rivera e Rocha. 

Con Brasil o que sexa pero non con Arxentina. Non hai boa onda con don Alberto, xa que sendo un peronista goberna para a maioría cidadá e iso achégase moito ao anterior goberno fronteamplista que durante 15 anos elevou o benestar a niveis nunca coñecidos. Os contaxios víricos están fóra de control debido a escolla de manter a actividade empresarial. Aínda que se contan máis de 4.000 mortos, a vida é secundaria. Quero subliñar que se non hai máis mortes é debido a que a boa administración fronteamplista deixou en herdenza un excelente Sistema Nacional de Saúde con varios centros de atención e hospitais recuperados e con outros de nova construcción.

O actual presidente é pouquiña cousa. A verdade é que non ten ningunha virtude pero os seus erros cotiáns son agachados e amañados por unha cuadrilla organizada de mercenarios mediáticos que manexan moi ben a brocha para tapar a escuridade con pintura branca. Son moi eficaces e agradecidos xa que viñan recibindo unhas poucas chauchitas nos seus respectivos medios de prensa ata que lles encheron de cartos os petos para convencer a un sector da clase media de que a Fronte Ampla estaba roubando neles. Eran os que se queixaban por pagar moitos impostos. Eran os que tragaron o conto de que co seu traballo mantiñan os preguiceiros. Hai que certificar que o veleno dos mercenarios foi moi efectivo xa que a Fronte Ampla perdeu nas urnas por uns 34.000 e pico de votos. A estratexia é clara, trátase de manter a adhesión do votante para perder o mínimo de vontades antes da fin do mandato.

Coido que por outra banda, toda a cantidade de erros, mentiras e perda de dereitos, fai medrar o ánimo dos fronteamplistas e tamén a súa temperatura ao comprobar que con tres boludeces borraron do escenario a un destacado elenco de honrados actores e actrices para cambialo por un desafinado grupo de coimeros delincuentes. A actual coalición de dereita debe repartir o botín co malandraxe ultradereitista do milico Manini que apoia para ter a maioría en sede parlamentaria. O presidente é de talante autoritario pero fréase para intentar dar unha imaxe de rapaz conciliador. Acaba de manifestar que “En Rivera hay 114 mil vacunados”; é a súa resposta as críticas da oposición e do colectivo sanitario pola moi alta taxa de contaxios que teñen lugar na fronteira con Brasil. A poboación de Rivera é de 104 mil habitantes. É unha vergoña que minta con tanto descaro pero a súa mensaxe vai dirixida aos seus votantes que se morfan sen mastigar todo o que diga e por iso pode permitirse pasarse de rosca en 10 mil persoas.

Quero facer referencia a un acto que tivo lugar no departamento de Florida (a pouco menos de 100 km de Montevideo) para evidenciar o desgraciado erro cometido nas urnas polos votantes do “Partido Nacional”, os que popularmente son coñecidos coma os brancos. Convócase unha rolda de prensa para comunicar que unha asociación local (Centro Comercial e Industrial) fará entrega dunha doazón para o hospital da capital departamental que consiste en 15 toallas brancas. 

É un exemplo que amosa aos miserables que están a afundir e desfacer un país solidario que sempre tivo abertas as portas para emigrantes en busca de refuxio. É moi triste porque este acto en Florida está sinalando que temos un grave problema de ausencia de moralidade que vai máis aló de calquera ideoloxía ou bandeira política. Outro acto delitivo que non quero deixar pasar é o relativo a privatización da axuda aos máis necesitados (Ollas Populares) por medio de fondos públicos do ministerio de Desarrollo Social. Non me sorprende que sexan uns coimeros absolutos pero o máis ofensivo é que fagan desaparecer as  “Ollas Populares” (comida quente gratuita) que eran mantidas por voluntarios en diferentes barrios de Montevideo. As comidas ofrecidas eran preparadas co diñeiro doado polos veciños. Onde está o problema?  Pois en que a maioría dos que colaboraban eran fronteamplistas.

Estou fervendo. Quixera voar ata a esquina montevideana do “Rover” para berrar forte que IMOS VOLVER pero teño que acougar xa que non falta moito para o inevitable retorno da Fronte Ampla ao temón da patria de Artigas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.