Hai males que non se xustifican pola razón de Estado. Un deles é o do nacionalpopulismo, que busca a destrución da comunidade política democrática mediante a transgresión ética e a inmoralidade
Rafael del Águila deixou escrito que, na política, non todo é subsumíbel en regras xerais que proporcionen solucións impecábeis. Gustaríanos que non fose así, pero o mal pode ser necesario. Ou non haberá que quebrantar a xustiza e vulnerar valores para preservar a comunidade política que fai posíbel esa xustiza e ampara eses valores? Si, hai males con consecuencias positivas, hai accións inxustas pero eficaces, hai fins que xustifican os medios. Porque a acción política ten unha natureza tráxica. Sabémolo, como moi tarde, desde Maquiavelo. Non todo dilema pode ser resolto de acordo coa lei, porque a política é un espazo dicotómico e groseiro no cal o ben común e a xustiza non sempre son compatíbeis.
A política e o mal están pois indefectibelmente conectados. Pero hai males que non se xustifican pola razón de Estado. Un deles é o do nacionalpopulismo, que busca a destrución da comunidade política democrática mediante a transgresión ética e a inmoralidade. O populismo reaccionario racionaliza o mal, que lle é consubstancial, mediante unha linguaxe lexitimadora de propostas e condutas extremas. Non é perverso, por exemplo, negar a violencia de xénero? Non é cruel cualificar as clínicas de planificación familiar de «abortorios»? Non é ruín referirse a nenas e nenos como menas? Non é revirado atacar o «fanatismo climático» de quen advirte das consecuencias do cambio climático? Non é execrábel avogar pola chamada prioridade nacional? Ou non é infame inventar e anunciar futuros pucherazos electorais?
Para Hannah Arendt, o mal non é nin demoníaco nin grandioso nin propiamente radical. O mal non ten profundidade. Unha proba desta banalidade son os clixés, algúns dos cales acabamos de mencionar. E aí están os líderes políticos nacionalpopulistas dirixíndose con esta linguaxe primitiva a uns cidadáns que tratan como se fosen cretinos. Agrupados nunha internacional reaccionaria cuxo referente é Donald Trump, estes líderes exhiben fachendosos a súa atroz carencia de estándares morais básicos, sementan o medo e o odio na cidadanía, difunden o seu ideario antifeminista, xenófobo e antieuropeísta e esborranchan os límites entre o ben e o mal. A ostentación desinhibida da inmoralidade converteuse en norma. A mentira, a manipulación, o maniqueísmo, o cinismo, a provocación, o insulto, a traizón, o uso inmoderado da violencia, as limpezas étnicas, os crimes de guerra: todo lle serve ao nacionalpopulismo, hoxe ben enlazado coas mastodónticas corporacións tecnolóxicas.
Normalizarmos a contemporización co mal regálalle á ultradereita lexitimidade e credibilidade e crecemento, esvaece os límites entre a dereita democrática e o nacionalpopulismo e lamina a democracia
Os partidos conservadores teñen un problema grave. Non saben como afrontar o desafío que supón para eles o auxe da extrema dereita. Porque o discurso populista de dereitas, tan simplista como sofisticado, é moi efectivo, non só para espallar o seu ideario radicalmente antidemocrático –personalista, antielitista, antiintelectual, moralista, polarizador e hostil á política institucional–, senón tamén para crear a ficción da vinculación inmediata entre o poder e mais o pobo representado polo líder, esa figura carismática cuxa misión é precisamente restituírlle ao pobo o poder usurpado por unhas elites corruptas atrincheiradas nas institucións.
Ante a perspectiva de que un «cordón sanitario» os afaste do poder sine díe, os partidos conservadores procuran achegarse á extrema dereita con continuas cesións ideolóxicas e programáticas que os volvan facer atractivos para o pensamento antipolítico primario do cidadán desconfiado, atemorizado e encolerizado. Pero normalizarmos a contemporización co mal regálalle á ultradereita lexitimidade e credibilidade e crecemento, esvaece os límites entre a dereita democrática e o nacionalpopulismo e lamina a democracia. O mal si pode ser necesario. Pero cando pretende dinamitar a democracia, que é o noso ben político máis prezado, o mal debe ser tratado como unha ameaza vital que non temos máis remedio que controlar e neutralizar.