O necesario pacto de rentas

“E hora de subir os salarios pois resulta preciso revertela economía anémica actual e que a sociedade galega recupere poder adquisitivo” (Antón Arias, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia-CEG)

Nos derradeiros tempos veñen producíndose en Galiza unha serie de pronunciamentos sobre o mercado laboral que considero de grande relevancia. Pronunciamentos que pareceran dar a entender que se vai estendendo entre os diferentes axentes sociais e políticos galegos a convición de que, como vimos repetidamente sinalando dende estas páxinas de Praza Pública, o principal problema macroeconómico de Galiza é a situación do mercado laboral (salarios, empregos). Circunstancia esta que non podemos por mais que aplaudir.

Se o movemento sindical (CIG, CCCO de Galicia e UGT Galicia) leva tempo denunciando a grave realidade do mercado laboral galego, os representantes do mundo empresarial, e ao seu carón a Xunta de Galicia (PP), parecían  estar satisfeitos coa situación presente (elevado desemprego, caída dos salarios) sen preocuparse da súa relación coa crise financeira e a longa recesión económica que derivou das políticas adoptadas co gallo de aquela. Pero de pronto parecera como si algo empezara a cambiar tanto na organización empresarial (CEG) como na propia Xunta de Galicia (PP), aínda que sexa moi timidamente polo de agora.

Así o actual presidente da CEG (Confederación de Empresarios de Galicia), Antón Arias, daba recentemente a coñecer aos medios de comunicación a súa aposta “por subir o salarios”, cualificando de modelo fracasado a reforma laboral “pois temos unha precariedade elevadísima e non somos quen de xerar emprego de calidade … non podemos ter unha economía anémica por falta de consumo”.

Pola súa parte o Parlamento de Galicia aprobaba, tamén recentemente, por unanimidade, é dicir co voto favorable do PP –amais de En Marea, PSdeG-PSOE e BNG-, unha moción presentada polo parlamentario Manuel Lago do grupo En Marea na que “se insta a Xunta de Galicia a tomar medidas concretas para loitar contra a desigualdade salarial e a pobreza laboral actual (…) que supón un problema global que tamén afecta a economía e a sociedade galegas e, xa que logo, combatela ten que ser un dos obxectivos explícitos na estratexia económica e laboral da Xunta de Galicia”.

A estas alturas xa deberan quedar poucas dúbidas de que a longa recesión que sufriu España, e con ela Galiza, non viu orixinada pola crise financeira do 2008 senón polas políticas que a continuación se adoptaron primeiro polo PSOE logo polo PP. Políticas que tiveron dos piares: o axuste fiscal e a rebaixa salarial. Cómpre, xa que logo, deterse un momento na relato do papel que a caída das rendas salariais tivo tanto na crise económica española, e galega, como na posterior recesión.

E ben sabido que, en contra de tódalas evidencias, os neoliberais que nos gobernan e os seus altofalantes subliñan que os graves problemas económicos que sufrimos son como consecuencia dos elevados salarios .. dos traballadores. Ergo, o que teñen que facelos gobernos e impedir que suban os salarios, facer que baixen xa que así seremos mais competitivos e sairemos da crise.  E niso están todos úfanos a pesar, repito, de tódalas evidencias en contra.

A maior evidencia de que é falsa a teoría de que baixando os salarios gáñanse mais cotas de mercado é a propia evolución, nestes derradeiros anos,  dos salarios e da economía en Galicia e en España. Anos nos que os salarios non pararon de caer sen que por ilo mellorara a competitividade de ámbalas dúas economías. A principios dos anos oitenta a participación dos salarios na riqueza nacional era do 62,1% en Galiza e o 65,9% en España, para a partires deses anos empezar a baixar inenterrumpidamente ata chegar aos actuais 44,1% e 47,4%. Nesta evolución descendente cabe subliñar varios aspectos: 1º. A participación dos salarios na riqueza nacional sempre estivo en Galiza por baixo da media española,  2º. España, e con ela Galiza, foi o único estado  da Unión Europea no que non se produciu un crecemento real dos salarios na fase expansiva última, 3º. Este comportamento dos salarios fai que España e Galicia, estean entre os países da Unión Europea con menor participación dos salarios na riqueza nacional, manténdose claramente por baixo da media na UE: 44,1% en Galicia, 47,4% en España, e 54,2% na UE15, 4º Unha evolución negativa dos salarios galegos, e españois que non se viu acompañada de maiores cotas de mercado.

Un empresario galego individualmente pode querer que na súa empresa baixen os salarios o máximo posible,  pero si é un empresario listo –como parece selo Antón Arias- sabe que si tódolos empresarios galegos –inmensa maioría de pequenos e medianos- fan o mesmo caerán as súas ventas pois diminuirá a capacidade de consumo dos seus clientes que son, maioritariamente, os traballadores galegos das outras empresas. Por iso mesmo estará interesado en que os salarios deses traballadores suban o máximo posible para poder vender todo o que produce. A grande recesión, da que aínda non saímos de todo, é unha evidencia deste aparente paradoxo.

A redución dos custos para mellorala competitividade non necesariamente ten que ser baixando os salarios senón que pode ser vía incrementala produtividade. Opción esta que moitos empresarios, políticos e altofalantes non contemplan. Así numerosísimas experiencias móstrannos como se pode incrementala produtividade sen baixalos salarios. Mellores formas de organización interna das empresas –horarios, ambiente laboral, -, melloras no ambiente laboral –transporte, conciliación-. Maior e  mellor formación dos traballadores e emprego de sistemas informáticos tamén supoñen melloras na produtividade e, xa que logo, menores custos por produto. 

Para analizar o impacto real dos salarios na competitividade das empresas hai que vela súa relación coa produtividade e cos prezos o que se fai ao través dos chamados “custos laborais unitarios” –custo salarial medio que custa producir unha unidade de produto-. Unha análise que nos mostra de forma contundente como nas derradeiras décadas a suba destes custos en Galiza e en España ten máis que ver coa suba nos prezos dos produtos que cos salarios dos traballadores. Para reducir os custos laborais unitarios, en Galiza e en España, hai, xa que logo, que intervir nos prezos. Uns prezos que veñen determinados polas grandes empresas oligopolísticas que dominan os mercados e impoñen os prezos que lles interesan. Son estas grandes empresas –que, co beneplácito gobernamental, soben os prezos cando e como lles da a gana- as que provocan, en Galiza e en España, perdas na competitividade e non os salarios dos traballadores. Velaí que no caso dos “custos laborais unitarios reais” España, é con ela Galiza, estea a cabeza de Europa na redución dos mesmos.

Estas evidencias deberan ser suficientes para rexeitar definitivamente o dogma neoliberal sobre os salarios e a competitividade xa que nos leva de recesión en recesión.  Se analizamos con rigor as causas da, polo de agora, derradeira recesión veremos como o crecemento das rendas de capital a costa da caída dos salarios reais desempeñou un papel fundamental na explosión da crise financeira que a precedeu. A caída dos salarios trouxo como consecuencia unha enorme debilidade da demanda privada e un crecemento exponencial da débeda tamén privada. Un endebedamento estimulado pola abondosa liquidez derivada da existencia do euro pero que rematou creando unha enorme burbulla. Unha burbulla que como todas acabou estoupando e dando lugar a crise financeira. Crise financeira que tratada con políticas anticíclicas de austeridade fiscal e rebaixa salarial transformouse nunha longa recesión. Longa recesión que se apoiou, e tivo como consecuencia, que se seguira disparando a diferenza entre as rendas do traballo e as do capital (Vicenç Navarro: “Ataque a la democracia y al benestar”. Editorial Anagrama).

Feitos obxectivos que poñen en evidencia a urxente necesidade de cambiar esta dinámica de rendas e proceder a estimular o crecemento dos salarios e a creación de emprego para así recuperar o poder adquisitivo, como ben di Antón Arias, e con el a enormemente debilitada demanda.
Velaí a oportunidade e a xusteza da interpelación que ven de presentar no Parlamento galego o grupo En Marea. En Galiza, como en España, é urxente chegar a un Pacto de Rendas entre as forzas do capital –CEG- e o traballo –CIG, CCOO de Galiza, UGT Galiza- no que ademais ten que participar a Xunta de Galicia –como empresario público-. Un pacto que teña como principal obxectivo que as rendas do traballo recuperen, no prazo de unha ou dúas lexislaturas, o nivel dos anos oitenta cando menos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.