O Parlamento galego e o 25 de Xullo

A pesar de que nos últimos anos da década dos 70 do pasado século, Antonio Rosón promoveu a instauración oficial do Día Nacional de Galicia, os antecesores do actual PPdG e do propio PSdG non quixeron camiñar por ese vieiro simbólico e deixaron que o nacionalismo galego mantivera, en solitario, a vitalidade conmemorativa do 25 de Xullo. A carencia dunha fortaleza institucional suficientemente determinante e a excesiva preocupación pola disputa da hexemonía entre as diversas expresións do movemento nacionalista, dificultou a consecución dunha maior complicidade social con esta celebración identitaria e facilitou a construción dun imaxinario popular que equiparou o Día da Patria coa celebración partidaria das organizacións nacionalistas.

Atopámonos, pois, ante unha situación singular no seo da opinión publicada:no canto de aproveitar o 25 de Xullo para realizar un balance anual do estado da nación e do seu autogoberno, utilízase a ocasión para analizar a temperatura das forzas que se moven, de xeito mais ou menos explícito, no ámbito do universo nacionalista e para formular hipóteses a respecto da súa evolución futura. Neste momento, ademais, algúns factores conxunturais reforzan esa focalización valorativa: a división interna de En Marea (exteriorizada no esperpéntico espectáculo de catro actos diferenciados a pesar das amplas coincidencias programáticas certificadas na actividade parlamentaria) e a perda da posición electoral acadada no pasado polo BNG (compatíbel, en todo caso, coa súa demostrada superioridade mobilizadora nunha data coma esta).

A presenza do Bloque no goberno da Xunta entre agosto de 2005 e marzo de 2009 non foi suficiente para establecer novos hábitos institucionais acordes coa importancia simbólica do 25 de Xullo. O cambio requiría a vontade explícita do socio maioritario daquel goberno bipartito. Era preciso, concretamente, que a presidencia do Parlamento asumira a iniciativa de promover un acto conmemorativo que consagrara un permanente lugar de encontro da pluralidade social galega como expresión dun sentimento común de pertenza nacional.

No ano 2021 o Parlamento galego cumprirá 40 anos de vida. A existencia desta institución está directamente vinculada ao carácter nacional de Galiza e por iso debería ter xogado un papel decisivo na consolidación do 25 de Xullo como festa nacional dun vello Pais que non quere perder os seus sinais de identidade. Canto tempo teremos que agardar para que unha maioría da Cámara do Hórreo asuma esta tarefa pendente?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.