El Fill del Chófer é unha crónica política de Cataluña, un estudo histórico, novela tamén, que describe e analiza resortes profundos do poder catalán, desde a primeira posguerra até o remate do pujolismo. Grosso modo.
Josep Pla, influínte xornalista e talvez o mellor escritor en prosa da literatura catalá do S. XX; o seu amigo Jaume Vicens Vives, historiador destacadísimo; o chofer de Pla, que é moito máis que un chofer; a conexión deles con Josep Tarradellas, presidente da Generalitat no exilio francés; unha burguesía en transformación; economistas e profesores dispostos a colaborar na renovación da España de alpargata; contrabandistas de divisas desde o mercado bolsista de Tánxer, entre eles o pai de Jordi Pujol. Todo iso e o fillo do chofer, presente nas citas, charlas e tensións do grupo antedito, do pai chofera, de Pla e de Vicens Vives, desde os días da teta. Metido no vértice desa pirámide, onde se amasa algunha fariña do futuro poder.
Ao fillo do chofer gústanlle as grandes convulsións ao facerse grande, sen podelo remediar. Xa amosaba estilo de rapaciño. Unha extraordinaria predisposición para a chantaxe. Aos quince ou dezaseis anos ameaza a Pla e parece disposto a denuncialo na policía por mor das súas actividades, vinculadas a Tarradellas, se non se lle concede o que demanda.
Faise xornalista e despois director da edición catalá de El País. Desde alí investiga, destapa, publica, bombardea e case aniquila ao president Pujol polo escándalo de Banca Catalana.
Pujol fai política, non o amor, e negocia con el, convérteo en xefe de TV3, o principal órgano propagandístico do goberno de Convergéncia, onde cumpre con moita presteza a misión que se lle encomenda. O fillo do chofer acaba pegándose un tiro. A súa convulsa vida privada resulta definitiva para chegar ao suicidio. Por suposto que hai rigor no que se escribe, sen adubo imaxinativo.
Conto isto porque o libro, tan sobrio, consegue por momentos o brillo das obras mestras.
A quen lle interese coñecer os contidos políticos desa época e lle entre a gaña de ler a obra, non ha de importarlle saber o antedito, porque ao cabo é apenas o máis evidente, ou o máis anecdótico.
É extraordinaria esa radiografía de medio século e a capacidade para soldar tan ben a literatura coa historia, supoñendo que a historia sexa moito máis que literatura (dispensando).
Un grande relato do poder catalanista. Anímense se están dispostos a domar as follas a medida que van chegando. Se a idea é só entreterse un pouco, mellor non o intenten.
Xosé Manuel Díaz García, un lector incansábel e esixente, alleo aos pasatempos das teles e das redes, emprestoume esa obra e outra máis de Jordi Amat que en catalán se titula La Confabulació dels Irresponsables.
Moito menor que a primeira, céntrase nas desavenzas entre o poder institucional catalán e o núcleo do estado, máis ou menos desde as eleccións xerais de 1996, cando Pujol negocia o apoio a José María Aznar para que este sexa investido presidente do goberno español. O relato vai avanzando, intérnase na deriva independentista e chega temporalmente até hai un par de anos.
A Confabulación dos Irresponsábeis fura nas diferenzas xurídico-políticas, céntrase nesas causas da discordia. Non trata as económicas, que son talvez as principais, porque Cataluña vive o malestar dun país rico, atado a un estado da Europa do Sur, cuxos cidadáns, a maioría, viven e senten como os individuos periféricos de Europa que son. E eles poderían non selo. Cataluña, os cataláns, séntense centro, ou norte, como lle queiran chamar.
Un lastre descomunal ser españois, con madrileños a monte, castellanos aparcados en coordenadas vitais que eles superaron hai moitos decenios, andaluces estomballados no bar toda a mañá agardando o fin de mes para cobrar a sopa boba, e galegos que aínda tiran da vaquiña mentres piden pasta para trens veloces, detraéndoa, por suposto, da que necesitan eles para o corredor mediterráneo. Agardo que se entenda o sarcasmo.
Cataluña podía estar perfectamente ensamblada na Europa do centro, compartindo os seus latidos. É un dos catro motores económicos, unha clasificación non demasiado categórica, pero importante. E no entanto non consegue soltar amarras deste atraso económico
Cataluña podía estar perfectamente ensamblada na Europa do centro, compartindo os seus latidos. É un dos catro motores económicos, unha clasificación non demasiado categórica, pero importante. E no entanto non consegue soltar amarras deste atraso económico. Cataluña ten o mesmo anceio que a Lombardía e o Véneto, perder de vista a Roma ladroa e o tremendo sur.
O independentismo nunca centra a atención na economía nos últimos anos, nese poderosísimo sustento argumental de base. Dalgún xeito é como se Hong Kong, cunha das rendas per cápita máis altas do mundo, quixese atraer á opinión pública mundial explicando os seus sufrimentos pecuniarios. Optan, loxicamente, por explicarnos a falta de liberdade, de democracia, de dereitos individuais, tan pouco desenvoltos na China. Esta argumentación non nega en absoluto os dereitos que emanan de ser nación no caso catalán, por suposto.
Nisto da economía, o director do xornal independentista VilaWeb é unha excepción. Non é só o sufrimento pola carteira, é que se lamenta, no editorial deste vinte de xuño, das condicións coloniais que sofre a nación mediterránea. Nin máis nin menos. Pretende explicar que Cataluña sofre dinámicas das nacións colonizadas. Nunha especie de delirio analítico cita a Marcel Camus para descartalo, como se a nación catalá tivese algo que ver coa infeliz Alxeria dos anos cincuenta. Trata de ensamblar os principios de Frantz Fanon, teórico do poscolonialismo e da psicopatoloxía colonial, na opulenta e civilizada realidade catalá. Finalmente prefire o palestino Edward Saïd, teórico do orientalismo.
Cadaquén pode escribe o que lle peta, naturalmente, porque non estamos en Palestina, na Alxeria, nin en Angola, pero é moi recomendábel evitar ocorrencias que poden ser interpretadas como perversas. Non é digno banalizar os infernos do mundo. Porque os espantos da acción colonialista están causados por individuos de carne e oso, entre eles moitos cataláns ao longo dos últimos séculos. As clases comerciais catalás foron importantes actores dese saqueo. Os europeos deberíamos ser mesurados á hora de tratar estas cousas, pois todos os estratos sociais do Primeiro Mundo, sen excepción, se beneficiaron e nos beneficiamos amplamente..
O libriño (volvendo a el) discorre pola casuística xurídica e política, pero a súa construción argumental aséntase enriba dunha viga mestra que a continuación lles vou a describir.
Pedrol Rius foi un xurista de Reus, presidente do todopoderoso colexio de avogados de Madrid, moi influínte durante o franquismo. Cando se redacta a Constitución do 78 publica varios escritos falando do “punto cego”.
A Constitución redáctase de xeito “ambiguo” para que poida ser útil. E o Tribunal Constitucional, “ese preocupante superpoder” di Pedrol, encargarase de dirimir as diferenzas entre as correntes políticas cando sexa preciso interpretar a lei principal. E conclúe Pedrol: “A resolución dos casos ambiguos converteríao de facto nun órgano constituínte”.
Os membros do TC son nomeados polas quendas dos partidos é dicir, que para arbitrar conflitos entre políticos adxudícaselles case integramente aos políticos o dereito a nomear eses árbitros.
Está claro que a sentenza do TC sobre o novo estatuto de autonomía de 2006, ao ditaminarse despois do referendo efectuado en Cataluña, rompeu o grande acordo.
Pon o exemplo dun hipotético referendo, no que unha das tendencias políticas perde. A continuación o gabinete xurídico do partido presenta recurso, porque detecta aspectos anticonstitucionais. Esa tesitura pon en cuestión á forza o edificio constitucional, porque ningunha saída é boa de todo. Sexa cal fose a sentenza, xurdirán disputas, hostilidade e impopularidade. Parecíalle que detectara unha fisura, unha fenda importantísima no novo edificio.
É dicir que, ou as disputas se dirimen no alto tribunal antes de que se convertan en leis, ou se o fan despois, unha das partes políticas vai impoñerse e a outra ficará seriamente derrotada. Rómpese así o “consenso”, baseado precisamente na ambigüidade, nun pacto non escrito que soporta a convivencia institucional e impide o enfrontamento.
Está claro que a sentenza do TC sobre o novo estatuto de autonomía de 2006, ao ditaminarse despois do referendo efectuado en Cataluña, rompeu o grande acordo.
Esta miña descrición vai escrita con tecla moi lixeira, agardando que a xente de leis (eses documentos que conxelan a política, como di un tupamaro) non se poña estupenda buscando precisión terminolóxica e circunstancial.
Esa viga mestra que soporta o libro é magnífica. Amat desprega e describe a partir dela, aínda que o fai xa de xeito máis descritivo, creo que con menos sustancia para quen teña seguido o enfrontamento da política catalá durante este último par de decenios.