A Marea ten candidato e ten candidaturas. O éxito das primarias celebradas, coa participación de mais de 10.000 persoas e cun altísimo grao de apoio a Luis Villares como candidato á presidencia da Xunta de Galicia, desataron os temores da dereita e do conglomerado de medios de comunicación que dela dependen. Apostaba a dereita e os seus voceiros porque as diferentes sensibilidades das forzas progresistas non foran quen de poñerse de acordo nuns mínimos que lle permitirán presentar unidos ás eleccións do 25 de setembro. Calquera diferenza, calquera debate era amplificado nestes medios, nomeadamente La Voz de Galicia, ao grado superlativo. Unha táctica na que de seguro afondarán nos días vindeiros.
Pero os seus desexos, mailos esforzos denodados que no traballo puxeron, non se converteron en realidade. A inmensa maioría daqueles que dun ou doutro xeito apoian unha alternativa real ao goberno do Partido Popular sabe, a estas alturas, que a prioridade, por riba de calquera desacordo sobre aspectos programáticos ou ideolóxicos, por riba das fobias e filias persoais, é evitar a toda costa outros catro anos de políticas de inxustiza, de venta do público, de desigualdade. Ante a perspectiva de catro ano de políticas miserables do Partido Popular, calquera diferenza tórnase nimia, simplemente intranscendente.
A Marea conta cun candidato, da que o dato de que ten sido delegado en Galicia da asociación Jueces por la Democracia é suficiente para saber que é unha persoa de conviccións firmes, de que o que fai, o que fará dende o goberno, será convencido de que é o mellor para a sociedade que vai representar, non movido por intereses persoais. O que o distinguirá, nitidamente, do actual presidente da Xunta de Galicia, experto, sobre todo, en promoverse a si mesmo.
As primarias tiveron como resultado unhas candidaturas que, froito dun proceso participativo, son exemplo de diversidade. A Marea ten ante si unhas inmensas expectativas electorais. As persoas escollidas o foron para conquista novamente a confianza daqueles que votaron a En Marea nas eleccións de 20 de decembro e co reto de sumar a aqueles votos milleiros mais. A aspiración non son 16 ou 18 deputados e deputadas, a aspiración é chegar a 25. O reto é situarse, de xeito contundente, como segunda forza parlamentaria e facer que o Partido Popular sinta o alento nas costas dunha sociedade que xa non está disposta a deixarse manipular, xa non está disposta a deixarse enganar por promesas falsas.
A inmensa maioría dos candidatos e das candidatas da Marea aspiran por primeira vez a un asento no Parlamento do Hórreo. Son un grupo de persoas novas, unidas polo seu compromiso co país, coa súa xente, coas súas aspiracións dunha sociedade mais xusta. A pesar da xuventude, o grupo parlamentario que se constitúa contará con persoas que xa teñen demostrado a súa valía nas institucións, persoas como Antón Sánchez ou como Xosé Manuel Pérez Bouzas. Desa equipa que sairá das urnas o próximo setembro van formar parte persoas que coñecen o mundo rural, tan necesitado de políticas reais de desenvolvemento, non só de residencias da terceira idade e tanatorios que tanto celebra o PP, persoas como David Rodríguez ou Victor Álvarez, candidato por Lugo, de quen gardo o mellor dos recordos daqueles anos nos que colaboramos en diferentes iniciativas impulsadas pola Consellería do Medio Rural. Non hai dúbida que Ánxeles Cuña ou Pancho Casal saberán converter as propostas do noso mundo cultural, tan creativo, tan rico, pero tan necesitado de persoas que o entendan, en iniciativas parlamentarias que lle den o pulo que precisa. O mundo da educación superior e da investigación terán un referente no Horreo na profesora Mariló Candedo, a quen podemos definir con tres palabras: experiencia, sensibilidade e compromiso. A tan necesitada atención primaria encontrará en Flora Miranda unha interlocutora co coñecemento que da o trato cos pacientes no día a día. Xoán Hermida e Xan Xove saberán buscar a forma para, desde o respecto, dialogar cos movementos sociais que tan ben coñecen, e que tanto poden aportar a facer da nosa unha sociedade mais solidaria, na que as persoas sexan o centro de atención. E Manuel Lago, un economista experimentado, saberá darlle aos orzamentos autonómicos, esa columna vertebral da práctica política real, a perspectiva social que tan necesaria é para atender a esa parte da sociedade golpeada tan duramente pola crise que quenes mais teñen provocaron.
As candidaturas da Marea son candidaturas diversas, porque diversa é a nosa sociedade, porque diverso é o noso país. Son candidaturas plurais, como plural é a esquerda, como plural é o nacionalismo galego. Son candidaturas construídas dende o compromiso cun proxecto de País, cun modelo de sociedade, con modelos de comportamento político sustentados na ética, nos valores democráticos.
Nuñez Feijóo está asustando. Non é para menos. Ten que enfrontarse a algo que lle é descoñecido: a diversidade. Imposible para o actual presidente da Xunta entender que é o que significa. Que pouco teñen que ver esas candidatura coas candidaturas que el decidiu, construídas sobre a base de devoltar favores, asegurarse apoios, fortalecer componendas, garantir postos a amigos, pagar os servizos prestados ao partido… Son as candidaturas do Partido Popular candidaturas momias, candidaturas do pasado, candidaturas que so teñen como fin perpetuar unha maioría para garantir un Parlamento submiso, un Parlamento cego ante a realidade do País, un Parlamento mudo ante a inxustiza, un Parlamento xordo ante as demandas sociais.
O xornal económico Cinco Días publica durante os sábados do verán unha serie de artigos titulada “O Persoaxe da Serie”, na que profesores de ESADE, unha das mellores escolas de negocios de Europa, analizan aos protagonistas de distintas series de televisión co fin de, analizando os seus comportamentos, as súas formas de xestionar os conflitos aos que se teñen que enfrontar, extraer leccións que se podan aplicar ao “management”. Nun destes reportaxes o profesor de Dirección de Marketing, Jaime Castelló, fala de que o contrapunto entre distintos estilos de liderado, a flexibilidade e a resistencia que aporta o diálogo entre líderes con distintas visións dos problemas é o que marca moitas veces a diferenza e o que posibilita superar as situacións mais difíciles. As candidaturas da Marea son esa diversidade que significa riqueza, iso que pon tan nervioso a Núñez Feijoo, iso que odia porque lle é alleo.
Cando un, como o actual presidente da Xunta de Galicia, está habituado ao “ordena e mando” co que se goberna o Partido Popular, dificilmente pode entender a existencia dos liderados compartidos, dos consensos, da participación dende a base. Nuñez Feijoo seguramente tería que ler dúas ou tres veces, e chamar a algún asesor, para chegar a entender a entrevista que o día da final olímpica de baloncesto feminino lle fixeron á aleiro da selección española. Sen axuda dificilmente podería saber que quería dicir a mallorquina Alba Torrrens, unha das mellores xogadoras do mundo, cando afirmaba: “Este equipo ten moitas líderes, esa é a nosa principal forza”. A Marea ten moitos líderes e moitas lideresas, esa é, tamén, a súa maior forza, a súa diversidade, porque é así como é a nosa sociedade, e é así como queremos que siga a ser.