O Prezo de Vivir: A Financiarización da Vida Cotiá

A historia recente de España non é tanto unha lección de economía como unha obra de teatro onde ao cidadán lle foron cambiando o decorado sen pedirlle permiso. Pasamos de ter as chaves do piso no peto, e catro pesetas gardadas no colchón, a pagar unha peaxe dixital por case calquera xesto vital: ter un teito, pagar o pan de cada día ou acender a luz da cociña.

A historia recente de España non é tanto unha lección de economía como unha obra de teatro onde ao cidadán lle foron cambiando o decorado sen pedirlle permiso. Pasamos de ter as chaves do piso no peto, e catro pesetas gardadas no colchón, a pagar unha peaxe dixital por case calquera xesto vital: ter un teito, pagar o pan de cada día ou acender a luz da cociña

O Mercado Habitacional: Da Función Social ao Activo Especulativo

A metamorfose do mercado inmobiliario constitúe o primeiro grande eixe desta transformación. Para entender como chegamos aquí hai que mirar á crise de 2008. Ata aí, a banca española tiña un marcado acento territorial; as vellas caixas de aforros mantiñan un vínculo local e social coa xente. Hoxe, a banca de proximidade atópase nun traxecto directo cara á súa extinción.

Mentres as cooperativas de crédito lograron resistir polas súas características xurídicas (como é o caso de Caixa Rural Galega, que mantivo a súa sede, capital e autonomía en Galicia, fronte á bancarización doutras entidades), a tendencia hexemónica para o resto do sector foi a liquidación do modelo público e social das vellas caixas1, sacrificadas por intereses políticos e financeiros para despexar o terreo á gran banca privada.

Trala reconversión e bancarización do sector, a gran banca cotizada (Santander, BBVA, Sabadell) quedou baixo o control do capital transnacional, con máis do 70% do seu accionariado no seu conxunto en mans de xestoras e fondos de investimento internacionais2 .

En paralelo, o volume de pisos e hipotecas executadas tras a crise non serviu para crear un parque público de vivenda (que en España apenas representa o 2,5% do total, fronte á media europea do 9%3 ), senón que se traspasou a prezos de saldo a fondos de investimento e SOCIMIs, entidades que gozan dunha tributación ao 0% no Imposto sobre Sociedades fronte á fiscalidade xeral que se aplica na contorna comunitaria4 .

Con este panorama, o mercado habitacional pasou a funcionar baixo tres estratexias coordinadas:

O control da oferta por parte duns xestores que regulan o ritmo de saída ao mercado dos inmobles para manter os alugueiros polos nubes.

O peche da billa do crédito ás familias de rendas medias e baixas para empurralas ao alugueiro obrigatorio.

Un urbanismo deseñado a medida do capital, onde a construción xa non responde ás necesidades da poboación senón aos criterios de rendibilidade dos cartafoles internacionais.

 

A Peaxe Institucional: A Inclusión Bancaria Forzosa

Se para ter un teito hai que pasar pola caixa do mercado financeiro, para cobrar o salario a xogada é aínda máis redonda. A día de hoxe, a imposibilidade práctica de operar á marxe do sistema bancario para percibir a nómina, a pensión ou calquera axuda pública (derivada tanto do marco normativo de limitación do efectivo5 como da dixitalización estatal) funciona como unha peaxe institucional.

Como o Estado non ofrece unha alternativa pública directa (como poder cobrar a través dunha caixa do Tesouro Público ou en efectivo sen intermediarios), delega a xestión dos ingresos vitais nun oligopolio bancario privado. O cidadán atópase sen marxe para protestar, xa que pechar a conta nun banco só permite fuxir cara a outro que aplicará as mesmas condicións e que responde aos mesmos fondos de inversión.

Para a entidade, pola contra, esta entrada periódica e automática de millóns de salarios asegúralle unha liquidez astronómica sen necesidade de fidelizar o cliente, permitíndolle cobrar comisións por gardar o diñeiro, esixir a contratación de seguros e pechar oficinas físicas.

 

O impacto no rural

Dende o ano 2008 pecháronse en España máis de 25.000 oficinas bancarias (máis do 50% da rede comercial)6. En Galicia, máis do 40% dos concellos carece hoxe dunha oficina bancaria presencial7, deixando totalmente desatendida á xente maior ou con menos recursos dixitais.

 

A Colonización das Necesidades Básicas

Esta presenza dos grandes xestores de activos esténdese coa mesma naturalidade polo resto do consumo cotián e a xestión do público. O cidadán págalle a factura da luz ou do gas ás mesmas entidades que teñen posicións clave nas grandes enerxéticas (Iberdrola, Endesa, Naturgy)8, mentres que a entrada do capital financeiro na gran distribución, na propiedade de terras agrícolas e no mercado de futuros converte o prezo dos alimentos básicos nunha montaña rusa especulativa.

A lista de servizos esenciais colonizados pola lóxica do beneficio financeiro é interminable: dende a privatización e concesión de aparcadoiros públicos nas cidades ou a xestión da retirada do lixo e a limpeza urbana por parte de fondos de investimento, ata a penetración do capital risco na sanidade (tanto na proliferación de seguros e hospitais privados como na xestión privatizada da sanidade pública), convertendo a atención médica noutra subscrición mensual.

 

O Fin do Anonimato e o Euro Dixital

O círculo péchase coa progresiva desaparición do diñeiro físico e o avance cara a medios de pago 100% dixitalizados ou moedas de banco central, como o futuro euro dixital. Segundo datos do Banco de España, mentres que en 2014 o efectivo representaba o 80% das transaccións no punto de venda, a día de hoxe cae xa por debaixo do 50%. Este proceso conta co impulso decisivo dunha Unión Europea totalmente minada pola presión sistemática dos lobbies financeiros e das grandes plataformas tecnolóxicas.

Como sinala o analista Brett Scott, a eliminación do efectivo non responde a unha evolución natural do consumidor, senón a un desprazamento forzado dende un ben público analóxico (o diñeiro físico emitido polo Estado, anónimo e libre de comisións) cara a un monopolio privado dixital. Ao imporse as tarxetas e as plataformas bancarias como único medio de pago funcional, a cidadanía queda privada da súa autonomía e submítese ás condicións, custos e peaxes impostos por un oligopolio de entidades privadas e xestores de datos.

Este modelo transforma a privacidade nun ben en extinción. Baixo o pretexto da eficiencia e a loita contra o crime financeiro, subordínase a autonomía dos Estados á bancarización obrigatoria e certifícase a vulneración dun dereito fundamental nas democracias europeas: o dereito ao anonimato e á intimidade nas transaccións cotiás.

As consecuencias disto desbordan a simple comodidade: ao confundir deliberadamente a protección da intimidade coa ocultación de delitos, xustifícase a vinculación de cada transacción á identidade do cidadán. Isto abre a porta a un control técnico inmediato capaz de conxelar contas a un só clic, eliminar a resiliencia do sistema ante posibles apagóns ou crises de rede, e acelerar a arquitectura das moedas dixitais de banco central (CBDC), cuxa tecnoloxía permite aplicar funcións de programación, como caducidades ou tipos de xuro negativos para forzar o gasto se o marco regulatorio o autorizase no futuro.

 

Estratexias de Resistencia e Soberanía Cotiá

Fronte a este diagnóstico a marxe de resposta individual e colectiva require estratexias conscientes para recuperar soberanía cotiá, sen esquecer os teitos estruturais que impón o propio sistema.

A transición cara a entidades de finanzas éticas (como Fiare ou Coop57) e a opción por caixas de crédito de ámbito territorial (como Caixa Rural Galega) permiten retirar o capital dos grandes fondos especulativos e manter a decisión financeira no ámbito local. Con todo, cómpre ter presente o seu alcance limitado: mentres que as caixas rurais e Fiare operan baixo a mesma normativa e supervisión do Banco Central Europeo sen poder fuxir da bancarización obrigatoria, plataformas de crédito militante como Coop57 ofrecen unha alternativa real de financiamento social pero non permiten xestionar tarefas cotiás como o cobro de nóminas públicas ou a domiciliación de impostos.

De igual xeito, a defensa do uso do diñeiro en efectivo no comercio de proximidade constitúe unha liña de resistencia directa contra o control dixital e a perda de privacidade. Porén, esta ferramenta atópase acoutada por teitos legais (como a imposición de límites aos pagos en efectivo) e resulta ineficaz fronte a transaccións inevitables coa administración ou o pago de subministracións básicas (luz, auga, internet), xa dixitalizadas por decreto.

No ámbito habitacional, o desenvolvemento de cooperativas de vivenda en cesión de uso (cohousing) desvincula o acceso ao teito da lóxica especulativa e da propiedade privada tradicional. Porén, a súa capacidade de impacto é hoxe marxinal debido ao alto capital inicial exixido e á complexidade burocrática, polo que a súa expansión depende de exixir paralelamente a creación de parques públicos de vivenda a gran escala, a única solución estrutural capaz de regular o mercado libre.

A banca de proximidade sufriu un desmantelamento progresivo por intereses claros, pero a construción de redes éticas, o apoio á banca cooperativa, o uso táctico do efectivo e a presión política por lexislacións que protexan o ben común demostran que a cidadanía aínda conserva fendas para disputar o espazo da financiarización.



Notas

1 Banco de España / Tribunal de Cuentas: Informe sobre la nota informativa sobre ayudas públicas en el saneamiento del sistema bancario español (2009-2018). O custo do rescate bancario e o saneamento das caixas supuxo unha inxección pública superior aos 65.000 millóns de euros non recuperados na súa meirande parte.

2 Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV): Registros de participaciones significativas en entidades cotizadas. A suma conxunta do capital flotante en mans de fondos institucionais e de inversión internacional nas principais entidades bancarias do IBEX 35 supera o 70%.

3 Eurostat / Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana: Boletín Especial de Vivienda Social. España conta cun parque de vivenda social destinado ao alugueiro de arredor do 2,5% do total de vivendas habitadas, fronte á media da Unión Europea situada no 9,3%.

4 Ley 11/2009, de 26 de octubre: Reguladora de las Sociedades Anónimas Cotizadas de Inversión en el Mercado Inmobiliario (SOCIMI). Establece o réxime fiscal especial con tipo de gravame do 0% no Imposto sobre Sociedades a cambio de distribuír en dividendos polo menos o 80% do beneficio derivado do alugueiro.

5 Ley 11/2021, de 9 de julio: De medidas de prevención y lucha contra el fraude fiscal. Establece a limitación legal do pago en efectivo a 1.000 euros para operacións nas que un dos intervenientes actúe en calidade de empresario ou profesional.

6 Banco de España: Boletín Estadístico. Registro de Entidades y Red de Oficinas. A rede de oficinas bancarias en España pasou de máis de 45.000 puntos en 2008 a menos de 18.000 na actualidade.

7 Instituto Galego de Estatística (IGE) / Informe de Inclusión Financeira da CECA: Máis de 120 concellos galegos (máis do 40%) carecen de oficina bancaria física estable, concentrándose o deserto bancario nas provincias de Ourense e Lugo.

8 CNMV / Registro de Transparencia de la UE: Informe de estrutura accionarial das empresas estratéxicas do sector enerxético do IBEX 35, onde os grandes fondos internacionais ostentan participacións de bloqueo ou referencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.