«Alí onde fala o corazón é de mala educación que a razón o contradiga».
(Milan Kundera, A insoportábel levidade do ser)
O informe coxea das dúas patas: os argumentos parecen inocuos e as propostas abúlicas. Cando fala dunha maior cobertura e calidade dos servizos prestados polos concellos máis grandes, sería necesario que nos aclarase se a prestación é a mesma nas cabeceiras destes concellos –cidades e vilas– e nas súas aldeas, e se a prestación é homoxénea no centro e nos barrios periféricos
Resolto o enigma das pasadas eleccións locais, e xa imbuídos no do 23X, un par de xornais daban conta dun informe ‘sobre a situación económica-financeira dos concellos galegos’, auspiciado polo Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, e asinado por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense. O documento conclúe que, en servizos básicos, os concellos máis pequenos gastan tanto como os grandes, mais ofrecen menos atencións. As prestacións dos grandes disque son tamén de maior calidade, porque dispoñen de máis recursos; e iso seica acontece mercé á súa maior capacidade fiscal e maior participación nos ingresos doutras administracións. Esa é a razón pola que o autor do relato propón, en primeiro lugar, a fusión dos concellos de menor poboación, tomando como referencia as actuais cabeceiras de comarca e, en segundo lugar, ínstaos a que constitúan mancomunidades, consorcios, áreas metropolitanas e a que colaboren máis coas deputacións.
A proposta, amais da escasa atención mediática, pouco lle interesou á clase política e á veciñanza galega. Visto o visto, todo parece indicar que estamos ante un novo capítulo daquela gran iniciativa de Feijóo –e dalgún medio amigo– que pretendía unha redución drástica do número de concellos galegos, cuxo resultado foron dúas tristes fusións. Pois iso, nada novo baixo o sol.
O informe coxea das dúas patas: os argumentos parecen inocuos e as propostas abúlicas. Cando fala dunha maior cobertura e calidade dos servizos prestados polos concellos máis grandes, sería necesario que nos aclarase se a prestación é a mesma nas cabeceiras destes concellos –cidades e vilas– e nas súas aldeas, e se a prestación é homoxénea no centro e nos barrios periféricos. Porque se non for así –que non o é– a comparativa leva a trampa na barriga. Ou, dito doutra maneira, cando se teña que fusionar O Saviñao (3.547 almas) con Monforte (18.374 habitantes), as 613 entidades resultantes recibirán os mesmos servizos e coa mesma calidade que a vila? E, os servizos serán máis baratos no novo concello que en Mondariz-Balneario (675 habitantes e 5 entidades)?
Deberiamos esixir que Galicia goce canto antes da suficiencia xurídica que lle permita conformar unha organización territorial e unha ‘planta local propia’, dotada dun elenco competencial actualizado, acorde coas súas circunstancias e necesidades
Tamén debería contarnos, á hora de calcular os custos, se os autores tiveron en conta a axuda que supón a duplicidade e suplencia dos servizos prestados por outras administracións públicas nas cidades (hai centros culturais, pavillóns de deportes, recintos feirais, bibliotecas, garderías, transporte público subvencionado, etc, cuxos custos non tocan un só céntimo dos orzamentos municipais). A senso contrario, o informe debería analizar a repercusión negativa que teñen nos custos as competencias impropias que deben asumir os concellos pequenos (verbi gratia, cofinanciamento de centros de día, axuda no fogar, etc). E, por suposto, non debería ignorar canto están aforrando os concellos fusionados (Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade) e se hai mellora real na calidade das prestacións. Finalmente, sorprende a proposta dunha «colaboración máis activa coas deputacións provinciais». Non debería ser ao revés?
Hai moitas circunstancias que fan de Galicia un país distinto, tamén nesta materia. Basta comparar a media de entidades por concello, tan desproporcionada entre esta esquina do mapa e o resto (98 contra 3 e pico). Por tanto, deberiamos esixir que Galicia goce canto antes da suficiencia xurídica que lle permita conformar unha organización territorial e unha ‘planta local propia’, dotada dun elenco competencial actualizado, acorde coas súas circunstancias e necesidades, no canto de perdermos o tempo con panos quentes que, aínda que alivien algo as doenzas, non acabarán coa malura endémica que padece.
Como Castela-León ten 2.248 concellos (600 con menos de 100 habitantes) e hai varias autonomías que por aí andan, parece razoábel que o experimento das fusións respecte as prioridades, onde a Galicia (313 concellos, sete veces menos) lle tocaría contra o final do proceso
Mais, mentres iso non aconteza, como Castela-León ten 2.248 concellos (600 con menos de 100 habitantes) e hai varias autonomías que por aí andan, parece razoábel que o experimento das fusións respecte as prioridades, onde a Galicia (313 concellos, sete veces menos) lle tocaría contra o final do proceso. E, xa de postos a analizar custos, se Galicia tivese unha única provincia, canto aforrariamos? Canto nos custan as catro deputacións? En fin, se estas entidades están para equilibrar os servizos, ao desaparecer os concellos pequenos, deberían seguir existindo? Velaí o campo do debate.
Os informes como este de Redes Localis tamén deberían ter o valor de dicirnos se os cidadáns galegos merecen recibir todos os servizos públicos básicos, universais e de calidade, vivan en concellos pequenos ou grandes, ou deben resignarse ante as teses neoliberais, privatizadoras, tan empeñadas en confundir dereitos e mercadorías.
[Di o meu tío Lisardo que primeiro agruparon as escolas, despois suprimiron servizos agrarios, veterinarios municipais, etc, logo descarrilaron o transporte de viaxeiros e eliminaron as oficinas bancarias; hai uns meses comezaron a substituír consultas médicas presenciais por telefónicas e non tardarán en pedirnos a tarxeta de crédito no canto da sanitaria. Agora queren eliminar os concellos pequenos porque seica hai que abaratar custos. Iso si, todos enchen a boca dicindo que cómpre potenciar o ‘medio rural’. Mais cando alguén o diga en serio, xa será demasiado tarde]