O Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, fixo público este mércores un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. O informe, elaborado por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense da Universidade de Vigo, subliña entre outros aspectos que os concellos pequenos (de menos de 5.000 habitantes) destinan 426 euros por persoa a servizos públicos básicos (seguridade e mobilidade cidadá, vivenda, urbanismo, benestar comunitario e medio ambiente), cifra moi semellante á dos grandes municipios (455 euros por persoa), aínda que estes ofrecen máis servizos á súa poboación.
O documento destaca que os concellos con menos poboación "deben realizar un esforzo maior que aqueles con máis habitantes"
O documento destaca que os concellos con menos poboación "deben realizar un esforzo maior que aqueles con máis habitantes". Por exemplo, as localidades de menos de 5.000 habitantes destinan 247 euros per cápita para os gastos de funcionamento do concello, fronte aos 166 euros de media do conxunto das entidades locais. Ademais, os concellos de ata 5.000 habitantes teñen que dedicar unha parte maior dos seus orzamentos ao pago dos intereses da débeda pública, aínda que as contías nas localidades galegas son moi inferiores á media do Estado.
As localidades de menos de 5.000 habitantes destinan 247 euros per cápita para os gastos de funcionamento do concello, fronte aos 166 euros da media global
Así mesmo, engade, “vense obrigados a destinar moitos máis fondos por habitante a servizos públicos básicos en termos absolutos que outros municipios con máis poboación, aínda que o seu peso relativo no total do seu orzamento é menor que aqueles entre 50.000 e 100.000 habitantes”. A medida que aumenta o número de habitantes dos concellos, a importancia relativa do gasto en actuacións de protección e promoción social vaise reducindo, posto que o custo por habitante dos servizos resulta menor, segundo se recolle no documento de Rede Localis.
"É habitual que aumente non só o número senón tamén a calidade dos servizos a medida que se incrementa a poboación, xa que os recursos cos que conta o concello, é de esperar que sexan maiores", sinala o informe
Todos estes resultados, subliñan desde a Rede Localis, deben pórse en consideración coa prestación obrigatoria (ou non) de certos servizos públicos. “Hai algúns que deben prestarse sempre con independencia do número de residentes. Por outra banda, a medida que aumenta o tamaño poboacional increméntase o número de servizos. Ao mesmo tempo, é habitual que aumente non só o número senón tamén a calidade do servizo a medida que se incrementa a poboación, xa que os recursos cos que conta o concello, é de esperar que sexan maiores”, sinalan.
Os concellos de ata 5.000 habitantes teñen que dedicar unha parte maior dos seus orzamentos ao pago dos intereses da débeda pública
Este resultado é consecuencia "de maior capacidade fiscal dos concellos a medida que aumenta a poboación (aumento das bases tributarias, tanto en número como en función da renda da poboación) como tamén en base á participación nos ingresos doutras administracións públicas", indican.
Rede Localis aposta pola promoción de fusións de concellos, polo fomento de mancomunidades, consorcios e áreas metropolitanas e pola colaboración máis activa coas deputacións
Para a Rede Localis, os resultados “deben facernos reflexionar sobre o tamaño da planta local e aquelas actuacións que en boa medida poden mellorar o uso dos recursos públicos garantindo a máxima cobertura e eficiencia”. A entidade insiste, polo tanto, na aposta pola promoción de fusións de concellos, polo fomento de mancomunidades, consorcios e áreas metropolitanas e pola colaboración máis activa coas deputacións provinciais.
A Rede Localis é unha entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo. Busca converterse nun foro de reflexión sobre a xestión do municipalismo co obxectivo de transferir coñecemento dende as universidades e a administración local para mellorar o debate público sobre temas de interese local.