O prezo oculto do que mercamos

Lixo electrónico nos vertedoiros Dominio Público Praza Pública

Nun planeta que xa amosa sinais de esgotamento, seguimos alimentando unha maquinaria económica que fabrica obxectos destinados a morrer axiña. O que parece unha simple estratexia comercial é, en realidade, unha trampa estrutural que ameaza o noso futuro material e climático

Nun planeta que xa amosa sinais de esgotamento, seguimos alimentando unha maquinaria económica que fabrica obxectos destinados a morrer axiña. O que parece unha simple estratexia comercial é, en realidade, unha trampa estrutural que ameaza o noso futuro material e climático. 

A obsolescencia programada funciona como unha engrenaxe silenciosa dentro do capitalismo contemporáneo, unha técnica empresarial que converte a fugacidade en virtude e o desperdicio en modelo de negocio. Non é unha conspiración difusa senón un método documentado de redución deliberada da vida útil dos produtos mediante fraxilidades incorporadas, barreiras á reparación ou actualizacións de software que degradan o rendemento de dispositivos perfectamente funcionais. É a filosofía do usar para tirar e do tirar para volver a mercar, unha lóxica que se oculta tras campañas publicitarias que celebran cada ano a suposta revolución do novo mentres nos empuxan a refugar o que aínda funciona.

O problema é que este mecanismo choca violentamente coa realidade biofísica do planeta. A fabricación de calquera aparello require extraer minerais críticos que non son só escasos senón difíciles de obter sen devastar territorios completos. Litio, cobalto e terras raras son o sangue mineral do sistema dixital e enerxético que sostén as nosas sociedades. A súa extracción avanza máis rápido que a capacidade de rexeneración dos ecosistemas e máis rápido tamén que as posibilidades de atopar alternativas viábeis. Non se trata dunha metáfora do esgotamento senón dun proceso medíbel que xa está a xerar tensións xeopolíticas, degradación ambiental extrema e un mapa de sacrificios imposto case sempre sobre rexións empobrecidas.

A obsolescencia programada funciona como unha engrenaxe silenciosa dentro do capitalismo contemporáneo, unha técnica empresarial que converte a fugacidade en virtude e o desperdicio en modelo de negocio

O resultado visíbel deste ciclo é a montaña crecente de residuos electrónicos que producimos cada ano. Millóns de toneladas viaxan desde os centros de consumo do Norte Global até entulleiras ao descuberto en África e Asia onde se queiman cables para recuperar cobre ou se desmantelan dispositivos sen protección ningunha. É a cara oculta da nosa suposta modernidade. Alí, o fume tóxico da combustión libera metais pesados ao aire, á auga e ao solo mentres comunidades enteiras conviven con niveis de contaminación que deterioran a saúde das xeracións actuais e futuras. Convertemos territorios enteiros en cemiterios tecnolóxicos que rexistran o custo verdadeiro da nosa cultura da substitución constante.

A esta ecuación súmase a pegada do carbono. A maior parte das emisións asociadas a un dispositivo non se produce cando o usamos senón cando o fabricamos. Cada teléfono móbil, cada portátil e cada electrodoméstico incorpora no seu interior a enerxía gastada en extraer minerais, transportalos, procesalos e ensamblalos. Cando reducimos a vida útil dos produtos obrigamos a multiplicar a enerxía necesaria para manter o mesmo nivel de consumo. Nun contexto de emerxencia climática este patrón é un  contrasentido enerxético que acelera o quecemento global e afástanos de calquera escenario de sustentabilidade.

Entender os riscos terríbeis desta estratexia consumista é o primeiro paso para construirmos un sistema económico alternativo e sostíbel que non trate ao mundo como un almacén inesgotábel nin ás persoas como consumidores refugábeis. Só así poderemos reconciliar a nosa prosperidade coa supervivencia daquilo que a fai posíbel

O capitalismo baseado no consumo acelerado construíuse sobre a ficción dun planeta infinito onde os límites non existían ou podían ignorarse. Hoxe sabemos que esta premisa é cientificamente falsa. Os límites planetarios que regulan a estabilidade da biosfera son infranqueábeis e xa estamos a presionalos cunha intensidade que ameaza a integridade de sistemas fundamentais como o clima, a biodiversidade ou os ciclos bioxeoquímicos. Insistir nun crecemento infinito baseado no desperdicio é unha imposibilidade lóxica ademais dun suicidio material.

Fronte a esta deriva a economía circular non é un slogan verde senón un imperativo civilizatorio. Supón regresar a unha evidencia elemental da física que o modelo económico dominante empéñase en esquecer, nada se crea sen custo e nada desaparece sen consecuencias. Deseñar produtos reparábeis, duradeiros e actualizábeis, asegurar o dereito a reparar e estabelecer sistemas de reutilización e reciclaxe de alta calidade non é só unha política sensata senón unha condición imprescindíbel para reducir a velocidade do colapso.

Quen defende a obsolescencia programada como motor da innovación esquece que a verdadeira innovación consiste en prolongar a vida do que xa existe. A creatividade tecnolóxica debe orientarse á eficiencia material e non á aceleración da entulleira. A modernidade non pode medirse pola rapidez con que refugamos o que fabricamos senón pola capacidade de soster a vida dentro dos límites biofísicos do planeta.

O modelo actual convídanos a crer que cada novo obxecto achéganos a un futuro mellor sen mostrarnos a paisaxe de ruínas que deixa ao seu paso. Entender os riscos terríbeis desta estratexia consumista é o primeiro paso para construirmos un sistema económico alternativo e sostíbel que non trate ao mundo como un almacén inesgotábel nin ás persoas como consumidores refugábeis. Só así poderemos reconciliar a nosa prosperidade coa supervivencia daquilo que a fai posíbel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.