O principiño que non quería ser rei

Xosé Manuel Beiras, nunha imaxe de arquivo © RAG

Naceu cun destino previsto por quen querían que Galicia tivese unha gobernanza ideal, con independencia e un proxecto nacional propio en tempos en que esa era unha proposta utópica máis non, necesariamente, imposible

Naceu cun destino previsto por quen querían que Galicia tivese unha gobernanza ideal, con independencia e un proxecto nacional propio en tempos en que esa era unha proposta utópica máis non, necesariamente, imposible. Xosé Manuel Beiras foi fillo do destacado intelectual e fundador do partido galeguista, Manuel Beiras, da xeración dos irmáns Villar Ponte, Fernández del Riego, Plácido Castro, Otero Pedrayo, Rodríguez Somoza, Lugrís, Castelao, Suárez Picallo, Maside ou Alexandre Bóveda. Beiras pai, logo da guerra civil, creara o Padroado Rosalía de Castro con Otero Pedrayo, Gómez Román, Luis Iglesias, Fermín Bouza Brey, Xaime Illa Couto, Antón Fraguas e Xesús Ferro Couselo, e xa coa democracia consolidada en 1987 tivo recoñecemento público ao ser distinguido coa Medalla Castelao en 1987, a Medalla de Ouro ao Mérito Cidadán de Compostela no 91, e o título de Galego do Ano en 1995 outorgado pola Universidade de Santiago.

Con eses antecedentes non sorprende que Xosé Manoel lera Sempre en Galicia sendo un rapaz, ou que estudase na Sorbona e na London School of Economics. Semella que estivese predestinado para ser o líder dunha Galicia independente, probablemente un cometido de longo alcance e difícil de sobrelevar.

Quen coñecemos e tratamos de preto a Xosé Manuel admiramos a súa brillante intelixencia e a súa innegable sensibilidade cara ao social. Deslumbrante pola súa cultura enciclopédica, capaz de simultanear artes, letras e ciencias con idéntica soltura, foi un gozo e un privilexio coincidir en dúas lexislaturas (terceira e cuarta) no Pazo do Hórreo cando os debates entre Fraga e Beiras pasaron á historia do parlamentarismo galego. Eu era unha política inexperta que se sentaba moi preto na fileira de diante. Daquela, ámbolos dous fumabamos abondo e demos moitas voltas e reviravoltas aos corredores do Pazo do Hórreo, comentando os debates ou falando do divino e do humano.

Lémbroo cunha admiración tan grande coma o afecto que sentín e sinto por el. Agradecida por algúns consellos que recibín da súa xenerosa amizade e adoecida polo tempo que deixei de tratalo, mesmo que cada reencontro supuxera unha sincera alegría

Lémbroo cunha admiración tan grande coma o afecto que sentín e sinto por el. Agradecida por algúns consellos que recibín da súa xenerosa amizade e adoecida polo tempo que deixei de tratalo, mesmo que cada reencontro supuxera unha sincera alegría. Nestes días de despedida só podo parafrasear ao meu admirado Celso Emilio nomeando a Xosé Manoel onde se cita a Castelao: “Si Castelao nos guiara, fillo do povo que il era, outro galo nos cantara no amencer que nos espera...”

Por favor, fágano vostedes por min. Teño néboa na ollada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.