Lonxe de ser un fenómeno esporádico, o pelotazo foi instituído en toda unha forma de facer economía e política. Na Coruña esta política económica recibiu, durante décadas, o nome de “vazquismo”
Lonxe de ser un fenómeno esporádico, o pelotazo foi instituído en toda unha forma de facer economía e política. Na Coruña esta política económica recibiu, durante décadas, o nome de “vazquismo”, tendo entre os seus mellores exemplos o abandono do Centro Comercial Dolce Vita, os centos de pisos baleiros no Bulevar do Papagaio, a Urbanización de Vioño ou os conflitos derivados da construción do Ofimático. Tras o parón provocado polo estoupido da burbulla inmobiliaria, a cultura do pelotazo volve gozar de boa saúde grazas á axuda inestimábel do goberno de Inés Rey.
É difícil argumentar que a reactivación dos pelotazos urbanísticos na Coruña responda a unha necesidade demográfica ou social. A cidade leva dúas décadas estancada entre as 240.000 e 246.000 persoas empadroadas e abofé que ningún veciño de Labañou desexa ver como se levantan moles de até 13 alturas fronte ao mar, enchendo o barrio de sombra nunha cidade onde, moitos invernos, custa ver o sol.
Abofé que ningún veciño de Labañou desexa ver como se levantan moles de até 13 alturas fronte ao mar, enchendo o barrio de sombra nunha cidade onde, moitos invernos, custa ver o sol
O pelotazo é unha cultura con graves implicacións económicas e sociais. No económico, procura grandes investimentos en períodos curtos de tempo para soster unha actividade laboral igual de curtopracista. Esta necesidade fugaz de capital chama a atención dos especuladores financeiros, polo que aos ciclos inmobiliarios adoita acompañar un ciclo de débeda (pública e privada). Sóanos isto xa a 2008? Pero se cadra, a peor das consecuencias económicas é a enorme cantidade de recursos dedicados a este modelo, o que dificulta a aparición e fortalecemento de modelos alternativos máis sostíbeis, tanto no económico coma no ambiental e redistributivo. Unicamente as grandes empresas dispoñen dos medios precisos para facer fronte a estes mega-proxectos, o que deriva nun reparto desigual da actividade económica e a concentración da riqueza.
A cultura do pelotazo, personalizada neste caso no goberno de Inés Rey, baséase na fe en que os beneficios do sector inmobiliario acabarán drenándose desde as grandes construtoras até as bases da pirámide social
No político, a cultura do pelotazo, personalizada neste caso no goberno de Inés Rey, baséase na fe en que os beneficios do sector inmobiliario acabarán drenándose desde as grandes construtoras até as bases da pirámide social. Pero o anterior ciclo inmobiliario demostrou, duramente, que a riqueza flúe xusto en sentido contrario, cara as contas de resultados da banca. Pese a todo, esta crenza remata implantándose como forma de xestión, reforzando un entendemento entre a clase política e as grandes empresas, que corre o risco de enaxenar o funcionamento da Administración, ao confundir interese público con interese privado.
Está claro que para o PSOE da Coruña non hai alternativa posíbel e que conciben o pelotazo como única forma de gobernar. O polígono das Percebeiras demóstrao. Precisamente cando a nivel estatal e europeo medra o cuestionamento desta forma de entender urbanismo, o goberno de Inés Rey empéñase en repetir os erros do pasado.