O pulso eléctrico

CC-BY-SA Praza Pública

Sería desexable que as familias galegas e o conxunto das familias dos pobos de España non esquecerán onde estivo cada quen, cada partido político e organización social, a hora de enfrontarse ao inadmisible comportamento do oligopolio eléctrico nestas últimas semanas.

Mentres, por caso, tanto o goberno español (PSOE, UP) como os partidos soberanistas galegos (BNG) traballaron duro e intensamente na elaboración de propostas e medidas de goberno que serviran para frear as enormes subas no prezo da luz a pagar polos consumidores (multiplicouse por 10 nos últimos seis meses). Mentres isto sucedía as dereitas (moi especialmente o PP) xustificaban e apoiaban as subas co argumento de que "son os mercados" polo que o goberno non debía intervir a pesares dos manifestos abusos.

Un argumento mentireiro pois como explicaba nun artigo anterior neste mesmo medio (https://praza.gal/opinion/o-prezo-da-luz-e-o-enorme-poder-dos-oligopolios) as razóns destas desmesuradas subas non son estritamente de mercado (evolución da demanda e a oferta) senón que responden a inmensa avaricia e a falta de escrúpulos dunhas empresas eléctricas que aproveitando tanto dunha situación de oligopolio no mercado eléctrico como do seu enorme poder de influencia ("portas xiratorias") intentan e conseguen tanto obter as máximas ganancias (disparando os prezos) canto votarlle un pulso ao goberno de progreso. Un pulso que adquire as formas de un autentica ataque camorril cando un grupo de presión importante do sector (as centrais nucleares) ameazan con pechalas instalacións. Un ataque que cualifico de camorril por que ademais das formas estas empresas parecen esquecer que están obrigadas por lei a aseguralo subministro eléctrico polo que de levar adiante estas ameazas estarían actuando fora da lei, como unha camorra calquera.

Que agora, mediante o decreto lei aprobado, o goberno español por unha iniciativa -todo hai que dicilo- de Unidas Podemos pero asumida por todo o goberno co seu presidente Pedro Sánchez á cabeza, tomara a valente decisión de reducir -que non suprimir- unha parte dos "beneficios caídos do ceo" que só o ano pasado lle permitiron a estas empresas oligopolistas acadar unhas ganancias superiores aos 3.000 millóns de euros, é unha medida absolutamente necesaria, xusta e oportuna. 

Necesaria por que as dimensións do impacto que estaban acadando as subas nos prezos poñía en risco ao conxunto da economía española xa que non so afectaba as familias senón ao conxunto do sistema produtivo, aos servizos básicos e ao comercio polo miúdo cuxa solvencia corría auténtico risco.

Unha medida xusta por que se pon freo a unha situación inxusta por un crecente abuso dunhas compañías que aproveitan, como sinalaba antes, tanto a súa condición de oligopolio no mercado eléctrico canto o seu enorme poder de influencia.

Unha medida oportuna por que os movementos conxunturais que atravesa o mercado eléctrico non xustifican tales subas nos prezos. Tamén, por que en contra do que afirman estas compañas, as medidas aprobadas de ningures poñen en risco a viabilidade destas empresas senón que simplemente rebaixan unha parte das súas zumarentas e insultantes ganancias.

A pesar diso esta decisión (rebaixa nos impostos, redución de beneficios) non debera ser mais que unha medida conxuntural destinada a paliar a gravidade actual da situación. A medio e longo prazo o goberno español debe afrontar con valentía e decisión a reforma integral e de calado do mercado eléctrico para que este se converta realmente nun servizo público. Non lle debera tremer o pulso por que pode estar seguro que, de avanzar neste camiño, terá o apoio tanto da maioría cidadán dos pobos de España como das forzas e movementos progresistas. Apoio que dado o enorme poder con que conta o oligopolio eléctrico (clase política, poder xudicial, medios de comunicación e opinión, colectivos universitarios,...) lle resultará moi, moi necesario. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.