Fai uns días as familias galegas i españolas fomos informadas de que o recibo de luz ía a experimentar unha suba espectacular tal que segundo as fontes mais fiables superará nun 42% ao do mesmo mes do ano anterior. Unha suba que pasa por sela mais elevada dos últimos anos. Unha suba que as industrias eléctricas atribúen a razóns de mercado. Algo que é parcialmente falso como intentarei demostrar a continuación pois si ben é certo que o prezo se fixa no mercado da enerxía tamén é que son as peculiares características deste mercado oligopolista i especulativo as que permiten tales subas nos prezos ao consumidor. Do contrario como explicar que mentres o prezo de enerxía sobe, por caso, un 4% o prezo da luz poida chegar a subir nalgúns horas hasta un 100%?.
Pero empecemos aclarando que esta suba non afecta a tódolos consumidores por que o mercado eléctrico en España non é homoxéneo. Mentres hai familias que teñen contratado o que se coñece como PVPC (Prezo voluntario ao pequeno consumidor) e que, segundo datos da CNMC suman sobre 11 millóns cincocentos mil fogares en España e 500.000 en Galicia, hai quen están no mercado libre e pagan segundo contrato polo prezo fixado e durante o período establecido no mesmo: un prezo mais alto que no mercado regulado (PVPC) pois inclúe unha serie de servizos. A actual suba afecta por tanto as familias acollidas ao sistema PVPC. Aínda que poida sorprender son moitos os consumidores que ao día de hoxe non saben que tipo de contrato teñen.
1. Como se fixa o prezo da enerxía?. Se fixa no mercado pero compre saber que estamos diante dun mercado cun marcado carácter especulativo (máxima ganancia no menor tempo posible). Un mercado diario a poxa na que participan tódalas empresas xeradoras de enerxía que lanzan as súas ofertas segundo horarios e que se ordenan por orde crecente, das mais baratas (renovables) as mais caras (combustibles fósiles), sendo a última oferta a que marcará o prezo. Non fai falta ser moi agudo para saber que esta sole coincidir na maioría dos casos coa mais cara en cada franxa horaria. Non esquezamos tampouco que, como sinalaba anteriormente, estamos diante de mercados especulativos (non se compran nin se venden quilowatios senón produtos financeiros cuxos prezos acaban sendo fixados polos grandes bancos internacionais)
2. Unha serie de factores interveñen nos prezos ofertados contribuíndo a que as tarifas da luz se disparen aínda mais. Por caso a existencia duns dereitos de emisión (pagos pola emisión de CO2) que por razóns ambientais deben recoller as centrais de gas e que estas inclúen nos prezos ofertados na poxa. Curiosamente este custo aínda que é propio das empresas gasísticas o aplican tódalas empresas eléctricas independentemente da fonte creándose así unha situación na que as empresas nucleares e hidroeléctricas inclúen ese custo no prezo aínda que non emitan gases efecto invernadoiro: velaí que se diga que estas empresas reciben "uns beneficios caídos do ceo" pero que pagamos os consumidores. Tamén inflúen nos prezos ofertados os chamados custos de oportunidade (custo de xerar nun determinado momento comparado co hipotético custo de facelo noutro momento) que fixan arbitrariamente as empresas, que nada teñen que ver cos custos de produción, que son moi elevados e que aínda que tamén afectan as centrais de gas son aplicados por tódalas centrais eléctricas polo que de novo algunhas delas, as mesmas de antes, se benefician dun custo que non soportan.
Esta tan particular e vantaxista liberalización do mercado eléctrico, que leva a que o prezo da luz en España este entre os mais elevados de Europa, foi aprobada no seu día polo Goberno Aznar sen que os gobernos posteriores a modificasen substancialmente.
3. Mais compoñentes, que poden chegar a supoñer o 55% da factura, interveñen no prezo final como, por caso, a potencia contratada (compre subliñar que en moitos casos as familias teñen contratada unha potencia superior a que precisan), o alugueiro do equipo (que os consumidores pagan aínda que non sexan poucos os casos de contadores con continuos fallos), os impostos (un 27% repartido en dous: un sobre a electricidade (6%) o outro o IVE (21%)) e finalmente os servizos contratados. Entre estes conceptos compre subliñar que, por caso, está un IVE (21%) que na actualidade é dos mais elevados na Unión Europea.
Como é posible un mercado desta natureza?. Dúas son as circunstancias mais determinantes. A primeira que por seren un limitado número de sinaturas (un oligopolio) as que controlan a produción e distribución de enerxía eléctrica son quen de mutuo acordo fixar os prezos arbitrariamente pero sempre pensando en obter a máxima ganancia. A segunda que esta situación de abuso é posible grazas a que nos consellos de dirección e administración de tales empresas hai antigos presidentes, ministros, directores xerais ("portas xiratorias") habendo incluso xuíces e altos funcionarios traballando para elas, o que lles permite exercer unha moi forte presión aos gobernos de torno, por caso, a través da Comisión Nacional do Sistema Eléctrico ou do seu Consello Consultivo.
Finalmente lembrar que esta tan particular e vantaxista liberalización do mercado eléctrico ("non se considera necesario que o Estado se reserve para si o exercicio de ningunha das actividades que integran o subministro eléctrico" Lei 54/1997 do sector eléctrico. BOE 285, 28.11.1997), que leva a que o prezo da luz en España este entre os mais elevados de Europa, foi aprobada no seu día polo Goberno Aznar pero sen que os gobernos posteriores (Zapatero, Rajoy, Sánchez) a modificaran substancialmente.