Tristemente, no Estado Español ten de se produciren acontecementos especiais para que os e as súas habitantes procedan a esixiren cambios tras analizar unha situación concreta que, disque, enodoa as súas vidas. Isto é o que, ao meu xuízo, está a ocorrer co debate sobre da monarquía, un sistema de goberno que, seica, moitos e moitas –mesmo os e as españolas case en tropel— recoñecían como a mellor forma política de organización estatal, unha forma que, aliás, eles e elas dicían visada pola enteira poboación da España que, disque, a institucionalizou propiamente alá por 1978, a cuarta feira do 6 de decembro nun proxecto que foi aprobado polo 87,78% de votantes que representaba o 58,97% do censo electoral de entón.
Tristemente, no Estado Español ten de se produciren acontecementos especiais para que os e as súas habitantes procedan a esixiren cambios tras analizar unha situación concreta que, disque, enodoa as súas vidas
Desde hai trinta e cinco anos, portanto, boa parte das bocas das e dos españois enchíanse en eloxios para un tal Juan Carlos Alfonso Víctor Mª Borbón, fillo do exinfante Juan Carlos Teresa Silverio Borbón, un dos vástagos máis novos do exrei Alfonso XIII, e da exprincesa das Dúas-Sicilias Mª Mercedes Borbón y Orleáns, que usaban, sen ningunha validez como se desprende do feito de que nun Estado non monarquista non existen títulos de nobreza ningúns, a mercé de condes de Barcelona. Co beneplácito de seu pai, aquel cativo, que a súa familia chamaba “Juanito”, foi educado por un Franco Bahamonde máis monárquico que ninguén, e mesmo foi designado como seu herdeiro directo. Salvagarda da patria, pai da democracia, gobernante excelso, embaixador de excepción, home bonachón, son algúns dos cualificativos que recibiu, e recibe quen semella que, atendendo ás novas publicadas no New York Times, construíu un patrimonio de dous mil trescentos millóns de dólares, patrimonio que, seica, está fóra do territorio do Estado que tan ben e con tanto acerto rexe, dirixe e preside.
Non vou entrar en asuntos de cama. Non son quen de facelo nin me interesa con quen fode ese Juan Borbón y Borbón
Non vou entrar en asuntos de cama. Non son quen de facelo nin me interesa con quen fode ese Juan Borbón y Borbón que para non emporcar os degoxos dun pai que non paraba de se chamar Juan III de España –e, claro, talvez porque desexaba instaurar unha dinastía nova, máis ben un novo momento dunha caste que, disque iso pensa el, é consubstancial aos destinos de España— quixo propiamente, ou foi nomeado así polo franquismo que tan ben coñecía e recoñecía, usar o nome de “Juan Carlos I de España” para aparecer en moedas, selos, títulos universitarios e outros asuntos en que exercía como xefe estatal. Portanto, pouco me interesa se ten dous ou trinta e sete fillos fóra do seu casal ou se foi, como alguén di, amante de Bárbara Rey, de Sara Montiel ou da Corinna Larsen que gusta de se autocualificar como princesa porque casou cun aristócrata alemán descendente dos vellos condes e príncipes de Wittgenstein. Estes días, semella, parte da poboación anda preocupada por se non se trata coa súa esposa, por se dormen en camas ou en cuartos afastados, mesmo polas propietarias das babecas que, seica, andou ou anda a furar.
O certo é que o asunto dos reis fura-conas non é nada novo. E o dos reis que enchen o seu reino de fillos e fillas nados e nadas de parrochas que nada teñen a ver coa da súa rexia partenaire menos! Lémbrese o conto do tío Leandro, disque fillo do exrei Alfonso XIII, a quen non se lle recoñeceu expresamente tal circunstancia mais a quen si se lle permitiu o uso do apelido Borbón, que desde entón anda a transitar polos platós das varias televisións que hai en España.
Os feitos son outros. Si. E as persoas españolas semella que non aturan xa o que chaman un relevo na xefatura do Estado cara a un preparadísimo individuo –é así como o cualifica alguén— que quixo aparentar coa ‘clase media’ casando coa neta dun taxista, divorciada e cun currículo enchido de acontecementos ben xugosos para a prensa rosa que tanto inflúe nas vidas dos e das que percorren as rúas de España –doutro xeito non se entendería o éxito literario que teñen asinaturas como Belén Esteban Menéndez, exnoiva dun extoureiro de fama absoluta na España dos anos 90 do pasado século e tertuliana de prestixio en medios de comunicación do mesmo prestixio que os programas en que se levan a cabo tales faladoiros. Si. Milleiros de persoas enchen as manifas que queren cambiar de forma de goberno, malia que os e as que rexen os ministerios e a presidencia do goberno digan que son uns e unas desfarrapadas que, nun número máis que exiguo, se conectan coa conformación política dun politólogo criticado por mercar a roupa en Alcampo ou por se conectar co terrorismo independentista de Euskal Herria.
España, señoras e señores, semella que está de loito; e non é por, como di o “Romance de la reina Mercedes”, ter morto unha raíña guapa e amante de seu marido, unha xoia doméstica vamos. España está de loito porque en case quince días, sen ninguén sabelo, din que nin os mesmos e mesmas implicadas, artella unha abdicación real e trata de desconectar a xefatura do Estado coas prácticas da corrupción, favoritismos, censuras, roubos e escándalos aos que, disque, tiña afeito aos e ás españolas. A partir de agora, portanto, o rei da España non vai ser irmán dunha imputada por delictos fiscais, non vai ser sogro dun posíbel delincuente por falsidade, malversación ou prevaricacións e non vai ser esposo dunha aldraxada muller a quen fai residir a poucos metros da cama dunha amante alemana que se gaba de ser alteza serenísima. Tampouco vai ter protagonizado safaris onde se abatían elefantes nin vai mandar calar de xeito maleducado un xefe de Estado elixido democraticamente polo pobo dunha nación americana.
Nunha democracia real e verdadeira, que non rexia, o que se fai é procurar que o pobo se manifeste e elixa, e unha vez manifestado e coa súa capacidade de elección desenvolvida, reformar todas as constitucións que sexan necesarias
Non. O conto vai cambiar. E o novo rei da España, seica, é un home de hoxe, alto, guapo, amante esposo, bon pai de dúas fillas, viaxeiro, embaixador exquisito, licenciado universitario, marido dunha outrora xornalista, moderna, guapa e dinámica por cuxas veas talvez discorra o mesmo sangue obreirista que o da súa nai sindicalista. España é diferente, que se dicía no franquismo ese ao que os novos Borbóns lle deben os cartos e a sona. Falta agora, iso si, que o pobo decida se quere manter un rei tan alto e tan guapo, tan preparado para ser xefe de Estado, ou se quere apostar por unha República, unha situación que algúns –poucos, claro— xa coñecen. Talvez pensen, eses e esas que apostan por unha República Española, que as súas vidas poden mellorar se se lles quita de diante unha familia absentista que unicamente serve para representar os intereses dunha ‘nación española’ que se gaba de unida polo mundo adiante. E talvez así ocorra. Mais o feito é que nunha democracia verdadeira, nunha desas democracias que a España lle fican tan lonxe, non se para a pensar en vantaxes monárquicas nin en embaixadores de luxo, que vai! Nunha democracia real e verdadeira, que non rexia, o que se fai é procurar que o pobo se manifeste e elixa, e unha vez manifestado e coa súa capacidade de elección desenvolvida, reformar todas as constitucións que sexan necesarias.
Hai, seica, españois e españolas que pensan que as constitucións son documentos feitos por homes e mulleres para rexérense durante un tempo, e que non son como as táboas que o Moisés aquel recibiu directamente dunha divindade no Monte Sinaí. E en España? Crerán que a constitución de 1978 foille ditada a Cisneros Laborda, Pérez-Llorca, Herrero y Rodríguez de Miñón, Fraga Iribarne, Peces-Barba, Roca i Junyent e Solé-Tura –óllese que persoal!— polo propio xefe do panteón divino dos e das católicas…
Mentres a mentalidade española non cambie, xulgo, difícil vai ser que se provoque un verdadeiro diálogo sobre da forma de goberno, un verdadeiro diálogo que unicamente se pode dar nas urnas
Mentres a mentalidade española non cambie, xulgo, difícil vai ser que se provoque un verdadeiro diálogo sobre da forma de goberno, un verdadeiro diálogo que unicamente se pode dar nas urnas. Mais este conto é como o dos e das catalás, que piden e piden que se lles deixe elixir a súa pertenza ou non ao Estado Español e ven enodoado o seu dereito en aras desa mesma Constitución Española que, seica para sempre e por sempre, di que España é un reino adscrito á póla familiar de quen, en 1938 e en Roma, naceu como simple fillo dun exinfante español que xa por entón tiña arelas de rei dun Estado que aguantou unha ditadura fascista até que a súa cabeza foi chamada pola divindade para ser depositado, con honras de santo varón, nun monumento funerario inmenso que aínda hoxe é obxecto de culto e subsidios polos sucesivos gobernos desa España que di que republicana si, faltaría máis!, mais juancarlista e unitaria. Non vaia ser que agora comecen a querer separárense dela os vascos e as vascas, os cataláns e as catalás, e os galegos e as galegas, eses e esas que pensan que non son España e que esquecen que a unidade española é un asunto divino que iniciara un devanceiro de Filipe Borbón y Grecia alá polo século VIII, un asunto que, se a monarquía de Juan Borbón y Borbón está institucionalizada para sempre desde 1978, está máis que fixado e non admite aposicións desde hai máis de mil anos.