Vivimos instalados nun paradoxo con aroma a traxicomedia: eriximos escolas, enchemos enciclopedias, decretamos o «Nunca Máis» en solemnes monumentos de granito e, con todo, coas mans lavadas en xampú democrático, asistimos á resurrección dos vellos monstros do século XX. O bicho non morrera; só estaba mudando de pel coma a serpe, no camerino da historia
Os espellos non deforman a realidade; simplemente teñen a mala educación de dicir a verdade sen anestesia. Se botamos unha ollada sobre este mundo moderno, tan pagado de si mesmo, o que vemos reflectido, que moitas veces semella o busto de mármore dun filósofo ilustrado, non é outra cousa ca a fachenda dun monicreque de feira. Vivimos instalados nun paradoxo con aroma a traxicomedia: eriximos escolas, enchemos enciclopedias, decretamos o «Nunca Máis» en solemnes monumentos de granito e, con todo, coas mans lavadas en xampú democrático, asistimos á resurrección dos vellos monstros do século XX. O bicho non morrera; só estaba mudando de pel coma a serpe, no camerino da historia.
A gran falacia da modernidade foi crer nun progreso lineal, unha especie de escaleira mecánica que nos levaba directamente cara ao ceo da tolerancia (viva Led Zeppelin!!), a golpe de titulacións universitarias e conexión de fibra óptica. Que inxenuidade tan burguesa! Pensar que o fascismo e o nazismo eran fillos da ignorancia rural ou do analfabetismo.
Alemaña no século pasado era a terra da alta filosofía, o faro científico de Europa. E, con todo, os seus catedráticos e doutores correron a medirlle o cranio ao veciño con compases de precisión. O erro de peso do noso tempo é pretender combater con datos un mal que opera no estómago. A educación apela á razón, pero o totalitarismo responde ás vísceras, ás «miudezas» e «asaduras»: ao medo ao futuro, ao resentimento económico e á fame de identidade nun mundo desalmado. Ofrece respostas de tres palabras a problemas de mil páxinas. Fronte ao balbordo da complexidade, o tambor do bruxo Voldemort sempre resulta máis sedutor.
Din os vellos sabios que a historia é circular, un eterno retorno onde o ser humano está condenado a empurrar o penedo ladeira arriba coma un Sísifo con gravata. Pero a xeometría do tempo esixe un trazo máis retorto: non é un círculo perfecto, senón unha espiral. Pasamos polos mesmos abismos, pero o terreo cambiou. Xa non hai camisas negras desfilando de perfil por Roma; agora hai algoritmos que cociñan o odio a lume manso no peto do teu pantalón ou da túa chaqueta.
O problema non é unha maldición cósmica, senón a pura e simple amnesia biolóxica. As sociedades teñen a memoria curta dos cans de caza. Cando morre a última testemuña que sufriu o frío do arame de espiñas ou o balbordo das bombas, o horror perde a súa carnalidade. Convértese nun parágrafo aséptico nun libro de texto de bacharelato, algo que hai que memorizar para aprobar un exame e esquecer o venres pola noite. A Guerra Civil española xa é algo tan afastado para a mocidade coma as guerras carlistas do século XIX.
Tras a caída do Muro de Berlín, proclamouse con soberbia «o fin da historia», pensando que o sistema democrático funcionaba en piloto automático coma un electrodoméstico de alta gama. Baixamos a garda. Esquecemos que a liberdade non é o estado natural do ser humano, senón unha fazaña artificial e fráxil que esixe un mantemento diario. No momento en que se deixa de exercer a forza cara arriba, a gravidade do tribalismo empúrranos de cabeza na lama.
É precisamente nesta espiral de desmemoria onde se produce o xiro máis ferinte do retablo, aquel que afecta ao mesmo pobo que sufriu un dos intentos de desaparición máis sistemáticos da historia: o pobo xudeu. O trauma do Holocausto pariu un Estado protexido por toda Europa, baixo o berro de existir a calquera prezo.
Porén, o espello non perdoa as intencións. Baixo a presión do medo crónico, o conflito xeopolítico perenne e o auxe dun nacionalismo feroz e atroz, certos sectores políticos de Israel acabaron adoptando as mesmas estruturas mentais e tácticas efémeras dos seus antigos verdugos: a deshumanización sistemática do outro, o supremacismo identitario baseado en dereitos divinos ou históricos, e a xustificación da forza bruta por riba de calquera moral. Igualiño cás actuacións que sufriu o seu propio pobo. Non é unha perversión única; é a demostración empírica de que ningunha cultura, relixión ou etnia posúe un xene de inmunidade ética. Cando o medo se converte en fe, calquera pobo corre o risco de acabar rimando co seu opresor en nome da supervivencia.
A diferenza do espectador pasivo, aquel que logra ver o fío da guillotina detrás do disfrace xa non pode volver sentar con indiferenza. A verdadeira ruptura da opereta comeza no intre en que alguén, na fila de atrás, decide non rir, deixa de consumir o ruído e tende a man cara a quen ten ao lado. Porque se a historia é un eterno retorno, a nosa capacidade de subverter o guión tamén é unha facultade inesgotable. A liberdade non é un agasallo, é un xardín que esixe ser coidado; e por moito que a lama nos ameace, sempre haberá mans dispostas a soster o penedo antes de que volva caer
Pero se algo define o noso presente non é a solemnidade do terror clásico, senón a farsa máis absoluta. Xa o avisara o vello barbudo do materialismo histórico: a historia preséntase a primeira vez como traxedia e a segunda como farsa. Hoxe asistimos á vitoria da opereta política. Xa o prognosticara tamén Charles Chaplin «Charlot».
Os ditadores de ferro, de ollada fría e discursos de catro horas por baixo dun bigote ridículo, foron substituídos por personaxes de Gran Hermano. Son líderes que fan chistes en streaming, que usan motoserras nos mitins, coma personaxes de película de serie B metendo medo, ou que se envolven en cazadoras de coiro mentres insultan a través de chíos de madrugada. O totalitarismo actual non esixe o sacrificio heroico polo Estado; consúmese coma quen compra unhas zapatillas de marca. É a ideoloxía convertida en material promocional, en gorras de cores e lemas de alfombra vermella.
O asalto ao poder moderno xa non gasta a épica sanguenta do Putsch de Múnic nin a seriedade marcial da Marcha dos Camisas Negras sobre Roma. O que se viu no Capitolio de Washington ou nos ministerios de Brasilia foi unha auténtica charlotada: un tipo con cornos de bisonte e a cara pintada facéndose un autorretrato na cadeira do presidente do Senado do seu país, e señores de mediana idade roubando atris, coma se fosen lembranzas dun parque de atraccións. Un entroido de descontentos e conspiranoicos.
Aquí reside a xenialidade macabra desta farsa contemporánea. Ao vestirse de opereta, ao presentarse como algo ridículo, estrambótico, unha bufonada, a intolerancia consegue o seu mellor escudo: que non a tomemos en serio. Rímonos do pallaso, parécenos inofensivo porque non viste o uniforme impecable deseñado por Hugo Boss nin leva tanques polas avenidas.
Pero o ridículo non lle quita o fío á guillotina. O home dos cornos de bisonte foi un paso previo a volver á Casa Branca a Dólar Trump, coas ameazas e consecuencias tremendas que todos sabemos: mentres baila nunha pantalla aproba leis reais que destrúen vidas reais. A farsa non é menos perigosa ca a traxedia; simplemente ten mellor sentido do espectáculo. A historia segue a correr, si, pero mentres nós rimos na platea a farsa segue o seu curso.
A diferenza do espectador pasivo, aquel que logra ver o fío da guillotina detrás do disfrace xa non pode volver sentar con indiferenza. A verdadeira ruptura da opereta comeza no intre en que alguén, na fila de atrás, decide non rir, deixa de consumir o ruído e tende a man cara a quen ten ao lado. Porque se a historia é un eterno retorno, a nosa capacidade de subverter o guión tamén é unha facultade inesgotable. A liberdade non é un agasallo, é un xardín que esixe ser coidado; e por moito que a lama nos ameace, sempre haberá mans dispostas a soster o penedo antes de que volva caer.