O retablo das sombras: Cando a toga se volve monicreque

Sede da Audiencia Nacional © Poder Xudicial

Na España actual, a política non é un servizo público, senón un exercicio de farsa; un teatro onde a toga xa non se leva como hábito de rigor, senón como o disfrace dun sistema que se cre o propietario absoluto da escena

Na España actual, a política non é un servizo público, senón un exercicio de farsa; un teatro onde a toga xa non se leva como hábito de rigor, senón como o disfrace dun sistema que se cre o propietario absoluto da escena.

De fronte, atopamos o museo pétreo dos intocables: figuras coa cara máis dura ca pedra pómez que desafían a gravidade e a decencia. Aí temos o "Señor X" dos GAL, ou ao señor das Azores (o que sostivo a guerra nunha man e, na outra, unha lista de invitados á voda da súa filla, hoxe inquilinos de celas), ou ese "M Punto Rajoy", o rexistrador da propiedade que sobreviviu a todas as tempestades grazas a unha impunidade de carácter relixiosa e unha dieta de Cardhu. Son deuses dun Olimpo de xoguete, seres capaces de facer arder o país sen que a súa perruca se mova un milímetro, mentres o sistema os blinda nunha urna de cristal.

Detrás do pano, o retablo transmútase nunha representación grotesca. Aquí, a xustiza activa o seu mecanismo máis perverso: usa o microscopio de feirante para buscar o po máis insignificante na chaqueta do canario Alberto Rodríguez, transformando unha patada nunha sentenza exemplar. E se falamos de exemplos, aí temos a Pablo Hasél: o trobador que, por escribir versos que incomodaban ao guión establecido, pasou a ocupar o seu propio camarote na cela, mentres o sistema lle recorda que a liberdade de expresión ten as paredes acolchadas co código penal. É a demostración definitiva de que neste retablo non se perdoa a irreverencia: a quen se atreve a desafinar a melodía oficial, a xustiza cámbialle o micrófono por uns barrotes, para que o público saiba que aquí a única música permitida é a que acompaña o ritmo dos fíos. Mentres tanto, outros mandan triturar documentación oficial e aquí non acontece nada; a función, indiferente, continúa o seu curso. Mónica Oltra? Unha vítima da "fatiga mental", un relato fabricado a base de denuncias fake e maquinaria mediática para limpar a escena dun elemento incómodo.

Pablo Iglesias e Victoria Rosell foron os punching balls deste circo durante unha década. Investigáronos até nos aneis de Saturno, filtraron informes PISA e contas nas Granadinas que só existían na imaxinación dun xuíz con ganas de titulares. O resultado final foi a nulidade xudicial, mais o obxectivo estaba cumprido: o seu capital político estaba machucado e o espectador, intoxicado, xa asumía aquel axioma perverso de que "algo tería que haber". Con Miguel Urbán o lawfare actuou como unha limpeza en seco, deixando a dignidade do adversario tan desgastada que, o protagonista, xa non pode pisar as táboas sen sentir o peso da sospeita.

O PSOE, ese director de escena que, tendo na man o guión para reformar o goberno dos xuíces e limpar o retablo de monicreques, preferiu gardar o libreto no caixón máis profundo

Pero non nos enganemos: ninguén está libre de pecado nesta función. O PSOE, ese director de escena que, tendo na man o guión para reformar o goberno dos xuíces e limpar o retablo de monicreques, preferiu gardar o libreto no caixón máis profundo. Entre pactos de alfombra e a cobiza por manter o statu quo, deixaron morrer a oportunidade (ou quizais foi que nunca tiveron a vontade real) de rematar coa coreografía imposta. Descubrimos, ao cabo, que lles viña ben que o decorado non cambiase tanto, pois a mesma xustiza que hoxe lles estorba é a que lles permitiu gozar da comodidade do poder sen ter que tocar os alicerces da barraca.

Agora, co goberno actual, o esperpento chegou ao seu paroxismo. Subir o salario mínimo ou derrogar leis laborais que eran puro óxido? Iso xa non é política, é sacrilexio contra o altar maior! O sistema, frenético, activou toda a súa maquinaria de acoso para evitar que o decorado se viñese abaixo. É unha gargallada macabra: que o "rolo compresor" se poña en marcha por unhas migallas de decencia social é a proba definitiva de que este teatro está sostido con goma de mascar e medo.

Ao final, a nosa complicidade non é máis que a necesidade de seguir sentados, temerosos de que, se a función remata, teñamos que enfrontarnos á angustia dun escenario baleiro, e ao silencio dunha sociedade que esqueceu como improvisar o seu propio futuro

Se polas "pequenas cousas" se monta este circo de tres pistas, cunha toga que xa nin disimula a súa coreografía, imaxinade que sería se aos cidadáns se nos dese, nun momento de lucidez, por mudar a obra por completo. Imaxinade que pasaría se a xustiza deixase de ser un monicreque nos dedos dos poderes fácticos e se convertese, por fin, nun espello real onde ver o rostro dos que moven os fíos.

Pero non. A función debe continuar. Porque no noso esperpento, a xustiza non busca a verdade; busca que o monicreque que se move máis rápido que o guión sexa apartado da escena, antes de que o público se decate de que, en realidade, somos nós os que pagamos a entrada deste desastre. Ao final, a xustiza é a mesma para todos, aínda que o tratamento sexa ben distinto segundo a quen lle toque bailar na barraca.

Porén, se somos nós os que pagamos a entrada, haberá que preguntarse por que seguimos sentados na poltrona, soportando o cheiro a po e o guión gastado deste teatro de monicreques. Quizais sexa a cómoda anestesia do cinismo, da fatiga, da precariedade ou da supervivencia diaria: ese "todos son iguais", que nos serve de escudo para non ter que asumir o custo de levantarnos. A maquinaria non só tritura aos actores incómodos; a súa función máis eficaz é a de convencernos de que a realidade é inmutábel, de que calquera intento de mudar o decorado acabará nunha sentenza, nunha multa ou nunha carreira truncada. Convertemos a nosa pasividade nunha virtude e o medo nunha forma de prudencia, aceptando que a integridade é un luxo que non podemos permitirnos... mentres queiramos manter o noso pequeno lugar na platea.

Ao final, a nosa complicidade non é máis que a necesidade de seguir sentados, temerosos de que, se a función remata, teñamos que enfrontarnos á angustia dun escenario baleiro, e ao silencio dunha sociedade que esqueceu como improvisar o seu propio futuro. Quizais sexa máis doado seguir sendo espectadores dun desastre que coñecemos de memoria, aplaudindo con desgana os vicios dos nosos propios verdugos, que coller a porta e comprobar, dunha vez por todas, que o altar non se sostén polos fíos da xustiza, senón pola nosa propia incapacidade de deixar de mirar. E só necesitamos querer facelo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.