O Retablo do Gran Guiñol: Carnicería, Negocio e Silencio (1975-1999)

Cárcere CC-BY-NC-SA como_un_pez_en_el_agua

A Transición non foi máis que un entroido de amnésicos, un escenario onde a gangrena se tapou con seda. Baixo o verniz da concordia, o Estado operou como un matadoiro que, co tempo, refinou o oficio de Inquisidor. Todo aquel que non estaba de acordo con que da noite para a mañá pasásemos a ser monárquicos ou só españois, moito e nada máis que españois, como diría o outro, sufriron as consecuencias. Para eles non houbo amnistía

Hai catro semanas escribía neste mesmo medio sobre o trato que a Democracia lle deu aos presos comúns. Deixei para hoxe outra pata do mesmo banco: que pasou cos presos políticos que non abxuraron das súas ideoloxías? Vou tratar de esbozar que foi deles.

A Transición non foi máis que un entroido de amnésicos, un escenario onde a gangrena se tapou con seda. Baixo o verniz da concordia, o Estado operou como un matadoiro que, co tempo, refinou o oficio de Inquisidor. Todo aquel que non estaba de acordo con que da noite para a mañá pasásemos a ser monárquicos ou só españois, moito e nada máis que españois, como diría o outro, sufriron as consecuencias. Para eles non houbo amnistía. O sistema penitenciario erixiuse entón como un funil, deseñado para asfixiar a quen non marchase ao paso da oca democrática: desde o marxismo do PCE(r) e os GRAPO, ata o independentismo de ETA, do EGPGC galego, do MPAIAC canario ou de Terra Lliure, ou a insubmisión herética do anarquismo e a autonomía obreira. O corpo do preso converteuse nun lenzo onde o Poder, con sangue e ferro, tatuaba a súa soberanía.

 

O Sacristán e a Vara de Dar: Xeografía do Terror

O bautismo na nova era foi, para moitos, unha caída polas escaleiras do tempo. A galega Dolores Castro Sáa, torturada en 1979 ata quedar feita un farrapo humano, é o retrato vivo desta fealdade. O sadismo, porén, non tiña teito. A José Hierro Chomón, figura clave da resistencia, o sistema non só quixo encerralo; quixo anulalo. Está documentado o horror de lle queimaren as mans cun soplete, unha amputación funcional, de corte inquisitorial, pensada para que os seus dedos nunca máis puidesen empuñar unha arma. Non buscaban xustiza, buscaban a marca do ferro candente.

O epicentro deste drama situouse en Herrera de la Mancha. Alí, os carcereiros recibían aos novos cunha liturxia de malleiras, mentres soaba o "Cara al Sol" literalmente. Era unha estampa da España profunda, onde a democracia levaba tricornio e cheiraba a carraxes vellas.

 

A Procesión de Caídos e a Xustiza Cega

O andaluz Juan Martín Luna, símbolo da fuga de Zamora en 1979, acabou cunha bala na fronte en 1982. Foi un episodio de "gatillo fácil" que cheiraba, irremediablemente, a execución policial. Nos módulos, o Estado deixou que Crespo Galende se convertese nun esqueleto tras cen días de folga de fame. Outros, como José España Vivas, aparecían "suicidados" nas súas celas, ao tempo que Joseba Arregi Izagirre era trasladado moribundo ao hospital penitenciario tras nove días de salvaxes torturas policiais, con marcas de bota que os forenses oficiais, por obediencia ou medo, se negaban a ver, isto ao tempo que o anarquista Agustín Rueda era rebentado a golpes en Carabanchel.

Esta cegueira non foi só doméstica. España converteuse nunha cliente habitual do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). Estrasburgo condenou ao Estado en reiteradas ocasións, non sempre por torturar, senón por algo máis revelador: a negativa sistemática a investigar as denuncias. O sistema protexía o verdugo, arquivando os expedientes antes de que a luz puidese entrar nos cuartos de interrogatorio.

 

O Inquisidor Moderno: FIES e a Dieta do Tubo

Co PSOE de despacho, a represión profesionalizouse. Inventaron o réxime FIES (1991), un xeito de converter ao preso nunha illa de nada, mergullado no illamento absoluto. A censura volveuse unha parodia macabra e absurda: prohibían a poesía de Miguel Hernández ou de Manuel María, ou tachaban calquera adxectivo nas cartas familiares, non fora a ser que houbera mensaxes indescifrables de por medio. Se o preso teimaba en morrer de fame, o Estado seguía aplicando a alimentación forzada. Un tubo polo nariz, unha imaxe cruel, servía para evitar que a foto do mártir estragase o informativo da noite. Unha práctica que a ONU sinalou como un trato inhumano que vulneraba a dignidade do individuo.

 

O Cárcere-Bazar: Rezos e Beneficios

O maior sarcasmo de todo este circo foi o negocio. O cárcere funcionou como un obradoiro de escravos para o gran capital. Mentres se falaba de dereitos, as presas cosían uniformes para El Corte Inglés ou subcontratas de Inditex, percibindo un salario miserable que non chegaba nin á metade do Salario Mínimo Interprofesional. Nos módulos de homes, montábanse pezas para Renault ou Seat, como se fosen galeras modernas. Chamáronlle "reinserción" ao que era, de toda a vida, man de obra barata sen dereitos laborais. O Estado facía de capataz para as elites, cobrando o seu décimo en paz social.

A Química do Zombi e o Taboleiro de Zúric

A historia que une as mans queimadas de Hierro Chomón cos beneficios das grandes firmas é o auténtico retablo da Transición. Foi un sistema que utilizou o terror, a pastilla que anula o "eu" e o traballo forzado, amparado por un aparello xudicial que Europa tivo que sinalar co dedo. O cárcere español non foi unha escola de civismo, senón a trastenda dun matadoiro onde se intentou que o silencio fose a única lei eterna

Xa non facía falta romper os ósos se podías derreter o cerebro. A "química penitenciaria" (un rancho de pastillas para transformar ao disidente nun espectro sen vontade), foi a norma. Todo este guiñol estaba blindado pola impunidade de casta. Maxistrados que, anos despois, se converterían en heroes da xustiza universal en Arxentina ou Chile, sepultaban as súas propias sinaturas en autos de castigo locais.

O acto final tivo lugar en hoteis suízos. En 1999, o goberno de Aznar mandaba a Pedro Arriola a Zúric, para parlamentar coa dirección de ETA (coa mediación do bispo Uriarte) e os GRAPO dentro da prisión de Sevilla. Mentres o réxime FIES seguía triturando vidas, o Estado movía pezas nun taboleiro de cinismo puro. O illamento e as malleiras non eran xustiza; eran, simplemente, a moeda de cambio para forzar unha rendición sen tocar o botín económico.

 

Conclusión

A historia que une as mans queimadas de Hierro Chomón cos beneficios das grandes firmas é o auténtico retablo da Transición. Foi un sistema que utilizou o terror, a pastilla que anula o "eu" e o traballo forzado, amparado por un aparello xudicial que Europa tivo que sinalar co dedo. O cárcere español non foi unha escola de civismo, senón a trastenda dun matadoiro onde se intentou que o silencio fose a única lei eterna.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.