As traballadoras de Tenerife reivindicaban algo tan razoable como que o seu traballo é coidar persoas, non substituír servizos de limpeza. E teñen razón. Mais... Se elas non limpan esas casas, quen o fai? E, é máis: quen se ocupa de cobrir as outras necesidades desas persoas «dependentes»?
Hai uns días lin unha reportaxe titulada «Nuestro trabajo es ayudar a los mayores, no limpiar sus casas». O artigo falaba das reivindicacións das traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) de Santa Cruz de Tenerife.
Nun primeiro momento pensei que se refería a Santa Cruz de Oleiros.
Non era así.
A confusión durou apenas uns segundos, pero resultou reveladora porque a situación descrita parecía tan familiar que asumín automaticamente que podía estar ocorrendo aquí. E probablemente podería estalo, porque os problemas relacionados coa dependencia, os coidados e os servizos de axuda a domicilio repítense dunha punta á outra do Estado. E tampouco era a primeira vez que me atopaba con estas reivindicacións. Hai anos tiven ocasión de colaborar nas loitas das traballadoras do SAD de Madrid e lembro debates moi semellantes aos actuais: falta de tempo, sobrecarga de tarefas, moitas delas fóra das súas obrigas, insuficiencia de recursos e unha distancia cada vez maior entre as necesidades reais das persoas atendidas e os servizos postos ao seu dispor.
As traballadoras de Tenerife reivindicaban algo tan razoable como que o seu traballo é coidar persoas, non substituír servizos de limpeza.
E teñen razón.
Aínda que a xestión da chamada Lei de Dependencia está transferida ás comunidades autónomas e cada unha ten os seus propios problemas, a cerna da cuestión segue sendo a mesma.
Mais...
Se elas non limpan esas casas, quen o fai?
E, é máis: quen se ocupa de cobrir as outras necesidades desas persoas «dependentes»?
Levo anos dándolle voltas ao problema dos coidados, da dependencia e dos recursos que a nosa sociedade destina ás persoas que precisan apoio para vivir e, sobre todo, para vivir dignamente.
Penso que o problema non está nas traballadoras. Nin sequera nun concello, nunha empresa ou nunha comunidade autónoma.
O problema é moito máis fondo.
E para comprendelo quizais haxa que botar man do pensamento lateral: non mirar só a árbore que temos diante, senón a fraga á que pertence.
As usuarias do SAD son, na súa maioría, persoas ás que chamamos dependentes.
Eu estou farta dos eufemismos. Dependentes somos todas. Unhas máis ca outras, pero todas.
Chamámoslles persoas dependentes coma se o resto fósemos seres autosuficientes. Non o somos. A dependencia non é unha excepción. A dependencia é unha condición humana. O que cambia ao longo da vida é a intensidade desa dependencia e a capacidade que temos para manexala
Chamámoslles persoas dependentes coma se o resto fósemos seres autosuficientes. Non o somos. A dependencia non é unha excepción. A dependencia é unha condición humana. O que cambia ao longo da vida é a intensidade desa dependencia e a capacidade que temos para manexala.
Nacemos dependentes. Medramos grazas aos coidados doutras persoas. Dependemos da nai, da familia, da escola, da sanidade, dos servizos públicos e do traballo alleo. A nosa suposta independencia non é máis que unha dependencia ben organizada e, moitas veces, asumida como natural. Esa dependencia pasa a chamarse «DEPENDENCIA» cando se integra nun sistema que non só atende necesidades, senón que tamén as clasifica, cuantifica e administra.
Hai algo que debería chamarnos a atención.
A Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia pasou a ser coñecida simplemente como Lei de Dependencia.
A autonomía desapareceu do nome e quedou, soamente, DEPENDENCIA.
Pode parecer unha cuestión menor. Eu non estou segura de que o sexa.
As palabras non só describen a realidade; tamén condicionan a forma na que a pensamos. E non deixa de resultar curioso que unha lei nacida para promover a autonomía persoal rematase sendo coñecida precisamente polo contrario.
Porque vinte anos despois seguimos falando de dependencia e apenas falamos de autonomía.
As necesidades non son só de limpeza e asistencia persoal. Ten que comer, ten que ter un mínimo de limpeza no seu fogar, ten que ter compañía, coidados pola noite, acudir ás citas médicas, camiñar, socializar... porque necesita seguir formando parte da sociedade, pero máis que nada, necesita conservar a súa dignidade
Falamos de expedientes, de graos, de copagamentos, de horas concedidas, pero raramente falamos da pregunta esencial:
Estamos promovendo realmente a autonomía persoal?
Antes incluso de recibir unha soa hora desa axuda, a persoa debe demostrar que a necesita. Comeza a listaxe: informes médicos, valoración, agardar resolución... Porque unha cousa é ser recoñecida como dependente e que che asignen un grao e outra, posterior, que che dean unha axuda para facerlle fronte a esa dependencia.
O que é importante salientar neste é que hai algo aínda máis preocupante.
Unha persoa pode solicitar o recoñecemento da dependencia, esperar meses ou anos e, mentres tanto, a vida continúa.
A enfermidade, a soidade e a necesidade de coidados están aí.
A realidade é que unha persoa que precisa axuda non lle chega con dúas horas de atención ao día.
Porque as necesidades non son só de limpeza e asistencia persoal. Ten que comer, ten que ter un mínimo de limpeza no seu fogar, ten que ter compañía, coidados pola noite, acudir ás citas médicas, camiñar, socializar... porque necesita seguir formando parte da sociedade, pero máis que nada, necesita conservar a súa dignidade.
Como é posible que, movéndose tantos recursos, sigan sen estar debidamente atendidos e sigan sufrindo a perda da dignidade? Que as traballadoras do SAD e as das residencias denuncien salarios precarios, falta de medios e traballos que non lles corresponden?
E agora reaparece a pregunta inicial:
Quen as axuda con todo isto?
As pensións da maior parte das persoas que precisan estes servizos non permiten contratar todos os coidados necesarios para complementar aquilo que o sistema non cobre.
As residencias non son unha solución universal. Non hai prazas suficientes e, mesmo cando as hai, a autonomía persoal dificilmente pode identificarse co abandono da propia casa para ingresar nunha institución.
E quero suliñar algo elemental: a dignidade debería comezar por manter, sempre que a súa saúde o permita, as persoas no seu propio fogar. O lugar ao que pertencen e onde se senten seguras.
A realidade é que as familias seguen sendo o gran colchón invisible do sistema.
E resulta que, cando coa axuda familiar e esas horas do SAD non cobren as súas necesidades, recorren á axuda externa. Axuda que a maioría das persoas dependentes non poden custear. É imposible pagala coas pensións das que dispoñen.
Mentres tanto, coa teima da mal chamada dependencia, ao seu derredor medra unha enorme estrutura de valoracións, expedientes, prestacións, contratos, empresas, organismos e partidas orzamentarias que mobiliza cantidades moi importantes de diñeiro público.
Non cuestiono a necesidade de organizar os recursos públicos. O que cuestiono é que unha estrutura cada vez máis complexa non sexa capaz de atender debidamente as necesidades máis elementais.
Porque é evidente que non é a adecuada.
Como é posible que, movéndose tantos recursos, sigan sen estar debidamente atendidos e sigan sufrindo a perda da dignidade? Que as traballadoras do SAD e as das residencias denuncien salarios precarios, falta de medios e traballos que non lles corresponden?
Como é posible que as familias continúen soportando unha parte tan importante dos coidados?
Quizais haxa que deixar de mirar para as árbores e mirar a fraga:
Porque, canta enerxía, cantos cartos e cantas persoas están dedicadas a administrar a dependencia, e cantas están dedicadas a coidar realmente?
A propia Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia é unha árbore. Quizais a máis alta de todas. A que proxecta a súa sombra sobre as demais.
As comunidades autónomas, os concellos, as empresas concesionarias e as traballadoras do SAD son unha árbore.
A dignidade á que temos dereito desde que nacemos ata que morremos. E inclúo, porque tamén forma parte dela, o dereito a unha morte digna. E mentres a famosa lei non garanta todo isto, o que teño cada vez máis claro é que o problema é que as árbores non nos deixan ver a fraga
E seguimos dando voltas arredor delas.
Pero a fraga é outra cousa.
A fraga é centrarse na dignidade das persoas.
A dignidade de quen precisa axuda para ter unha vida digna sempre e en todo momento.
A dignidade de quen segue formando parte da sociedade malia a idade, a enfermidade ou a discapacidade.
A dignidade de quen coida, e non só da persoa coidada.
En resumo:
A dignidade á que temos dereito desde que nacemos ata que morremos.
E inclúo, porque tamén forma parte dela, o dereito a unha morte digna.
E mentres a famosa lei non garanta todo isto, o que teño cada vez máis claro é que o problema é que as árbores non nos deixan ver a fraga.