O selectísimo clube dos 200

Outra das múltiples pragas que hai que soportar na cotidianeidade desta – disque – aldea global: Os pusilánimes. Probablemente sexa esta a clase de conciencias que máis detesto, e cunha visceralidade o suficientemente sincera como para desexarlles a guillotina por imperativo estético.

Os pusilánimes son o perfecto retrato fannonián desa caste de suxeitos preñados de auto-xenreira aos que lle serves de primeiro prato as realidades menos agradables sobre a súa contorna e reacciona coma se tiveses ti a culpa de que na túa terra non existan paraísos. En realidade, da absolutamente igual que estratexia de diálogo ou que espírito pedagóxico sigas para tratar de facelos entrar en razón: Se te expresas cunha fala máis culta ou académica que popular dirán que non tes os suficientes galóns universitarios para terte en conta. Se te expresas cunha fala que se esforza en mesturar os códigos máis populares cunha certa profundidade reflexiva, dirán que es un prepotente ou un pedante que quere marcar diferencias coa xente normal e do sacrosanto sentido común. Se fas o esforzo de expresarte dos códigos e a linguaxe que se lle esixe a un científico social, diranche que non fai falla complicarse tanto, pois – disque – as cousas xa están claras, moi claras, clarísimas, tal e como nos chegan, e poden entenderse por ciencia infusa sen mediación entre o corazón e a cachola, e viceversa, coa mesma naturalidade coa que observas unha camelia ou coa mesma espontaneidade coa que te sonas os mocos.

Cando un trata de conversar cun pusilánime – xa non digamos debater e discutir civilizadamente – hai que ter en conta o seguinte : non quere chegar a ningures e de ninguna maneira. Ningún horizonte vital guía a súa conciencia nin o seu xeito de facer as cousas. O seu é rosmar constantemente e facerse feridas, a si mesmo e aos demais; deste xeito toda a súa verborrea canalízase para intelectualizar os seus complexos de inferioridade, proxectando nos demais os seus complexos de inferioridade e converténdoos en estereotipos de fácil etiquetaxe.

Os pusilánimes non teñen estrutura nin orde mental. O seu desgarro vital e a súa confusión precisa pílulas de auto-censura persoal e outras tantas de censura aos demais. Aos pusilánimes non os guía a curiosidade nin a procura do sublime; como non soportan que a realidade non se amolde aos seus desexos tratan de intelectualizar os seus desexos para que encaixen en feitos coidadosamente escollidos ao efecto; os pusilánimes séntense febles, moi febles, dunha fraxilidade non asumida e mal levada, e reaccionan con populista resentimento contra calquera suxeito que se desmarque, esforzadamente ou con soltura, da mediocridade fabricada en serie.

Dalgún xeito, o pusilánime convenceuse de que defender o sector público e os valores liberal-democráticos implica igualar as capacidades e as cualidades das persoas polo baixo, e implica, tamén, considerar que iso que chaman a xente do común só ten inquedanzas de estómago cara abaixo, e o resto son mariconadas literarias ou filosóficas. Para o pusilánime, todo tipo de auto-afirmación da propia personalidade, ética, estética e razoante, ten que desembocar necesariamente en narcisismo se non se somete aos criterios valorativos e aos consensos maioritarios.

Pusilánimes, o que se di pusilánimes, hai un feixe deles no reino de Galicia. Dende plumillas consagrados que se deron toda a súa vida un aire de enfant terrible do nacionalismo anti-colonial galego de post-guerra e recollen suculentos premios literarios de 30.000 euros das mans de institucións e persoas que criticaron toda a súa vida, ata plumillas igual de consagrados que deixan de ser tan progres e tolerantes como saen na cámara cando se desvela a dupla moral do seu prisómetro ou galaxiómetro xornalístico, cultural e literario, ata, como non, nacionalistas de touciño e taberna que van de mitin en mitin e de festa gastronómica en festa gastronómica lanzando exabruptos e consignas inzadas de testosterona, facendo desa cousa que chaman galeguismo un picnic político permanente entre familias.

O pusilánime non quere feitos nin verdades concretas, quere actitudes, poses e way of life. Algo que sexa agradable á vista e ouvidos dos seus receptores imaxinados. Neste senso, é exactamente igual que unha prostituta do ser e da palabra. O pusilánime non quere ir ao cerne das cousas, quere moverse pola vida con superficial desenfado e enfadarse con aqueles que pensan en crean en serio; por suposto, nunca será quen de asimilar que deixar de ser un neno e madurar non ten ren que ver con imitar o camiño que os adultos dun tempo concreto marcaron aos nenos que comparten a súa contemporaneidade. Os pusilánimes, si, os pusilánimes; esa comunidade de repelentes, ese destino único no universal que tratou sempre de patrimonializar e baleirar de contido todo o que na historia cultural e política de Galicia cheirase a desobediente rebeldía democrática.

Entre silencios impostos dende fora e auto-impostos dende dentro, entre silenciosos exilios políticos pola porta de atrás, entre dolorosas diásporas no fume de locomotoras e vapores de barco, antes, e avións e trens de alta velocidade, agora, os pusilánimes, ese partido interclasista, máis clasista que inter, máis confesional que laico, máis autonomista que soberano, máis populista que popular, máis endogámico que federal, máis libericida que liberal, e máis galeguista ca ti, ca min, ca el e que nós todos xuntiños…, logrou reunir a cerca de 200 persoalidades na quintuaxésimo quinta edición dos premios Fernández Latorre.

Pregúntalles a elas, caro lector, cal é a súa fórmula máxica para saír da crise e cal o seu proxecto para dar vos a tódalas voces desta Galiza invertebrada.

Digo eu que algo twrán entre mans, xa que non poucos saíron ao atril rotundamente convencidos de que o “bo galeguismo”, o “gran galeguismo”, o galeguismo “sen fisuras”, vaia, tivo como data fundacional e “raio de esperanza” o 25 de Xullo de 1950. E o resto do conto, para que contalo, che!

Ao fin e ao cabo, os pusilánimes que tamén alí estaban presentes.. seguirán tendo a voz cantante nesta porca terra. E a responsabilidade, por suposto, seguirá sendo nosa, por non esforzarnos en construír unha Galicia e unha concepción cultural e política do galeguismo radicalmente oposta a do clube dos 200.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.